post

ANTE A INVASIÓN DE UCRAÍNA

Con profunda dor asistimos unha vez máis á invasión e devastación dun país por unha gran potencia militar. O exército ruso ataca Ucraína, destrúe as súas cidades, mata por centos ou miles dos seus habitantes e empuxa ao exilio a máis de tres millóns de mulleres, nenos e anciáns, mentres os homes en idade de combater permanecen suxeitos á leva forzosa do exercito ucraíno e o control das milicias nacionalistas.

Ningunha causa pode xustificar esta matanza nin escusar aos seus responsables criminais. Do mesmo xeito que ningún motivo nin escusa alcanzan a lexitimar o horror das múltiples guerras actuais, máis aló da xigantesca rapina e exercicio de autoridade que promoven os estados con afáns imperiais e os poderosos de toda clase contra o planeta enteiro e os seus habitantes.

Ignoramos por canto tempo resistirá o pobo ucraíno esta invasión do seu país, pois como en Palestina a distancia entre o poderío militar do agresor ocupante e a capacidade de resposta das súas vítimas, é abismal. Pero tampouco ignoramos que os asasinos de agora en Ucraína, do mesmo xeito que sucede en Palestina, Libia, Sahara ou Kurdistán, non poderán gozar xamais dunha vitoria segura, pois na historia da humanidade a toda inxustiza segue sempre o clamor insomne pola liberdade dos oprimidos dun e outro bando.

Con este convencemento, desde a CGT de Galicia manifestamos nosa máis enérxica repulsa á agresión do goberno ruso contra as xentes de Ucraína e á catástrofe de que somos testemuñas. Todo iso, cun dobre obxectivo inmediato. En primeiro lugar, para tentar parar a guerra e os bombardeos sobre a poboación civil e participar, na medida das nosas forzas, na solidariedade activa co pobo ucraíno. En segundo lugar, para denunciar a maquinaria de guerra que está en marcha e mobilizarnos ata lograr inutilizala en Ucraína e en todo o planeta.

No medio deste loito, reclamamos imperativamente o dereito e o deber lexítimos que ten todo pobo oprimido -ucraíno, palestino, saharauí, iemení, kurdo, libio, maliano …- a loitar pola súa liberdade e dignidade, cara a unha sociedade sen opresión nin explotación. Proclamamos o dereito e o deber que asiste a todo habitante e colectividade humana a decidir o seu propio destino, libre da coacción militar das grandes potencias que rivalizan entre elas por saquear o planeta e libre tamén dos gobernos nacionais baixo os que sucumbe.

Non esquecemos que a causa primeira da guerra, das máis de vinte conflitos bélicos que agora mesmo arrasan outros tantos países, é a necesidade de soster o réxime político-económico capitalista que aboca á destrución da biosfera e os seus habitantes, arruinando a xeografía planetaria.

Só loitando firme e solidariamente contra esta aberración insostible e contra as urxentes inxustizas de hoxe, poderemos reivindicar outro mundo posible, para nada utópico, no que non caiban desigualdades nin violencia, pois para todos nós, como dixo Ricardo Mella, na nosa loita hai un só denominador común, unha soa vontade e unha soa arma útil: a liberdade colectiva, materializada no apoio mutuo que a si mesma débese a clase traballadora e a xustiza para todos os seres humanos.

A CGT é unha organización sindical internacionalista que está contra todas as tiranías, pois loita polo fin de toda opresión e explotación en calquera lugar do planeta. É dicir, non só estamos contra aquelas ditaduras que son coñecidas polos nomes particulares dos seus xefes e países, senón tamén e sobre todo contra aqueloutra Tiranía Universal que camufla a responsabilidade dos seus crimes tras un infame anonimato.

Uns crimes que son sobradamente coñecidos pois alcanzan magnitudes pavorosas e inocultables. 2.500 millóns de habitantes deste planeta viven en condicións inhumanas. 800 millóns padecen fame e douscentos millóns deles morrerán leste mesmo ano antes vítimas da pandémica miseria. Cada día deste ano, máis de 30.000 nenos morreron vítimas da desnutrición e a desatención. O mesmo número que morrerá mañá e tamén pasadomañá. E asi sucederá cada día que pase antes de que fagamos caer este tiránico réxime económico-político.

Pois esta é a tiranía que arrasa o planeta … que o destrúe, … que esquilma os seus recursos … que envelena o ambiente e explota en multitude de países por centos de millóns de traballadores. Esta é a verdadeira e mendaz tiranía que dispón das armas máis mortíferas, dos bombardeiros máis eficaces, das fragatas máis infernais.

Rexeitamos pois esta inicua orde mundial; esta tiranía económica, política e institucional, baseada no militarismo e comercio do armamento, capaz de tecer friamente a morte de pobos e países enteiros. Tan fría e calculadora como agora mesmo estao levando a cabo o goberno ruso sobre a súa veciña Ucraína.

Fronte á guerra e os seus responsables, reivindicamos a solidariedade insurxente e abrazo internacional coas súas vítimas directas.

Fronte á opresión e o militarismo, imperiais e locais, celebramos a rebeldía pola liberdade.

Fronte á ignorancia e a narcotización imposta pola industria mediática, enarboramos as bandeiras do saber, a crítica emancipadora e a intelixencia colectiva.

Non á guerra! Non ao comercio internacional de armas e á exhibición criminal da capacidade de dar morte, como garantía do poder económico e a hexemonía xeopolítica! Non ao terrorismo de estado, vilmente executado polas potencias militares mundiais sobre os pobos que oprimen! Non á criminal cobiza duns poucos -os que gobernan despoticamente o planeta, competindo entre eles pola parte do botín dispostos a apropiarse pola forza das súas armas da riqueza social e natural que é de todos!

Cabe lembrar que hai palabras polas que merece a pena vivir e morrer porque elas mesma son a vida e a súa negación a morte, palabras como dignidade, liberdade, solidariedade. Entre esas palabras, hoxe destaca con grave intensidade: Ucraína.

A CGT de Galicia participará na solidariedade efectiva e material co pobo ucraíno, entregándoa ás organizacións sindicais e sociais afíns que, agora mesmo, están a loitar contra a invasión e, por iso, necesitadas urxentemente de todo aquilo que lles defenda, permita a resistencia e alente a loita fraternal pola liberdade e a xustiza universais.

Comité Confederal de Galicia

 

 

post

CGT Ferrol – Acto público

A importancia da folga do Metal na provincia de Cádiz está fóra de toda dúbida. Só hai que pensar no enorme eco acadado nos medios de comunicación.

Non foi para menos. Nesa folga vimos un nivel de combatividade, masividade e solidariedade do resto da clase traballadora descoñecido desde hai décadas.

De feito, algún medio chegouna a cualificar de "estoupido popular". Estivo bastante atinado: esa folga foi moito máis ca unha folga. Foi unha auténtica REBELIÓN OBREIRA contra a precariedade, contra os baixos salarios, contra a degradación das condicións de vida e traballo da clase obreira.

Por iso foi vista con tanta simpatía en todo o Estado español. E por iso foi tan rapidamente abortada por CCOO e UGT, que se esforzan en manter esta paz social dos cemiterios na que estamos instalados.

Para dar a coñecer esta loita exemplar e chea de dignidade obreira, a CGT de Navantia-Ferrol, xunto co Sindicato de Estudantes e Esquerda Revolucionaria, organiza un ACTO PÚBLICO no que falará Antonio Muñoz, traballador das compañías auxiliares de Navantia San Fernando, membro da CGT e un dos dirixentes da folga.

Lugar: Centro Cívico de Caranza (avda. Castelao, s/n)

Día: XOVES 16 de decembro

Hora: 19:30

 

 

 

post

A CGT de Ferrolterra apoia a concentración do xoves 21 en defensa dun transporte público e de calidade

Este vindeiro xoves, día 21, haberá unha nova concentración dos usuarios e usuarias da liña de buses Ferrol-A Coruña, que están sendo maltratados (non hai outra maneira de calificalo) polas decisións tomadas pola empresa Monbús, decisións que non se toman pensando no benestar dos usuarios/as, senón nos beneficios dos propietarios e accionistas da empresa.

Tamén cabe denunciar a actitude cómplice da Xunta do PP, que, tras adxudicarlle o servizo a Monbús, agora tolera que a empresa maltrate ós pasaxeiros e pasaxeiras, con situacións tan inaceptables como deixalos tirados de forma repetida.

O problema prexudica especialmente ás persoas que utilizan a liña, especialmente traballadores/as e estudantes, tanto da universidade como do ensino medio.

Esta situación vén sumarse ó penoso estado do transporte ferroviario entre a nosa comarca e A Coruña, que leva anos sometido a unha degradación consciente por parte dos diferentes gobernos.

Todo isto responde a un interese en fomentar o transporte individual fronte ó transporte colectivo, para así beneficiar ás grandes empresas, xa sexan as petroleiras, as automobilísticas ou os propietarios da AP-9, cuxa concesión foi prorrogada ilegalmente polo PP para que seguisen amasando cartos; algún día saberase a cambio de que, pero nolo podemos imaxinar.

A Confederación Xeral do Traballo chama a tódolos traballador@s e estudantes de Ferrolterra a acudir á concentración prevista para este xoves 21 ás 8 da tarde no edificio da Xunta.

Basta de abusos das empresas privadas!

Por un transporte público e de calidade ó servizo da cidadanía!

CGT en Ferrolterra

 

post

A Folla da CGT en Navantia-Ferrol

Acábase de publicar o número 79 da Folla da CGT, a publicación da Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol. Neste número, o contido é o seguinte:

  • Non é normal o proceso para acordar o teletraballo
  • Calendario de mobilizacións en ElectroRayma
  • Denuncia á Inspección por non publicar o escalafón
  • Cambiar as bases dunha convocatoria de xeito retroactivo: unha trangallada
  • Reunión coa empresa sobre convocatoria de prazas
  • Xornadas abusivas en Carenas (Bahía de Cádiz)

Pódese descargar ou abrir este número picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia – Ferrol

 

post

Concentración pola xustiza social

A CGT da Cotruña convoca á súa afiliación, simpatizantes e cidadanía en xeral a unha concentración que terá lugar o martes, 6 de xullo, ás 19:30 horas, no Obelisco da Coruña baixo o lema «Pola xustiza social. As persoas antes que o capital».

POLA XUSTIZA SOCIAL: AS PERSOAS ANTES QUE O CAPITAL

A situación da clase traballadora é insostible: catro millóns de persoas no paro e o resto sometidas a horarios interminables, salarios de miseria, contratos precarios, colas da fame, expulsadas das súas vivendas e condenadas a unha existencia moi pouco merecente de ser vivida.

Millóns de horas extraordinarias, pagadas e sen pagar, que servirían para crear centos de miles de postos de traballo. Xornadas de traballo legais que non se reducen desde hai 40 anos. Unhas xubilacións cuns requisitos cada vez máis duros non só para ter dereito a elas, senón tamén cunha idade de xubilación máis tardía e uns sistemas de cálculo pensados só para reducir o seu importe. Mentres milleiros de xoves agardan por un posto de traballo, outros prolongan a súa vida laboral ata que non poden máis e pasan directamente do posto de traballo ás portas da morte. Por todo isto reclamamos traballar menos: menos horas, sen horas extraordinarias e cunha idade de xubilación máis temperá. Traballar menos, para traballar todas e todos.

Temos un salario mínimo de miseria, do que dependen millóns de traballadores e traballadoras, e este ano aínda non subiu. As diferencias salariais son enormes, sen ningunha equidade. Os salarios non cobren, en moitos casos, os gastos mínimos para ter unha vida digna de ser vivida. Os ricos son cada vez máis ricos e continúan enriquecéndose durante esta pandemia. É unha cuestión de xustiza que os traballadores e traballadoras poidan sufragar co seu salario os gastos de vivenda, alimentación, enerxía, abrigo, cultura e ocio sen estar afogados día tras día, mes tras mes. Por todo isto reclamamos un salario mínimo digno e suficiente, o peche dos abanos salariais e a repartición da riqueza equitativamente. En definitiva: estamos polo reparto da riqueza e do traballo.

Por iso non é suficiente a derrogación da reforma laboral de Rajoy. Esta reforma foi nefasta, pero é que é nefasta a xeneralidade da lexislación laboral: contratas, subcontratas e ETT; contratación temporal á carta; despedimentos libres a gusto do empresariado; accidentes de traballo disparados; subsidios de desemprego miserentos e todo tipo de falcatruadas consentidas legalmente por este sistema inicuo e inxusto en beneficio dunha minoría cobizosa e insaciable. Por isto reclamamos a xustiza social, un sistema social xusto no que a clase obreira, a creadora da riqueza, teña o recoñecemento que merece e deixe de padecer esta vida cativa e ruín. Porque humanamente é insostible este sistema que pon o capital por riba das persoas. Porque hai que desmontar toda a lexislación actual e non conformarse coa maquillaxe que poidan supoñer unhas simples modificacións e derrogacións.

Traballar menos para traballar todas e todos

Polo reparto da riqueza e do traballo

As persoas antes que o capital

Pola xustiza social

CGT da Coruña

 

post

Pontevedra, 12 Junio, Defensa de la Sanidad Pública

CGT-Pontevedra hace un llamamiento a toda su afiliación y al conjunto de la sociedad pontevedresa para que participe y acuda este sábado, 12 de junio, en la Concentración y Punto Informativo en defensa de la Sanidad Pública, convocada por CGT, CAS, PROSAGAP y STEG, en la Plaza de la Peregrina, a las 12:00h. Esta concentración se hizo coincidir con la que ese mismo día y a esa misma hora celebrarán las compañeras y compañeros de A Coruña, Allariz, Ferrol, Pontevedra y Vigo y más de 60 localidades en el resto de las Comunidades Autónomas de todo el pais.

  • Por la derogación de las leyes privatizadoras (Ley 15/97 y artículo 90 de la Ley General de Sanidad) y evitar el desmantelamiento que vienen ejerciendo del Sistema nacional Público de Salud. No al cierre de centros sanitarios
  • Atención primaria centrada en la salud colectiva.
  • Supresión de las redes paralelas y de la compatibilidad público-privada.
  • Por una industria de investigación biosanitaria y farmacéutica públicas.
  • Sanidad para todas las personas, independientemente de su situación administrativa.
  • Atención y cuidados dignos para las personas mayores.
  • Por un sistema sanitario gestionado socialmente y centrado en la prevención y determinantes sociales de la salud y la enfermedad,

Comité Local de CGT-Pontevedra

 

post

A Coruña: o porto é de tod@s

60 entidades, entre elas a CGT, participarán na manifestación que comezará o domingo, 30 de maio, ás 12:00 horas, na praza da Palloza, en protesta polo intento de especular cos terreos portuarios da Coruña.

A CGT da Coruña convida a toda a cidadanía a participar nesta mobilización para parar este novo intento de facer negocio con terreos que son de tod@s.

Comité Local da CGT da Coruña