Ante a grande cantidade de informacións acerca do tráxico accidente de tren acontecido nas inmediacións de Compostela, dende a CGT queremos manifestar o seguinte:
Parécenos de todo indignante o trato que se está a dar ao traballador que conducía o tren do accidente de Compostela.
As declaracións dos Presidentes de Renfe-Operadora e ADIF sobre os motivos do accidente e culpabilizando dende o principio ao traballador evidencian o escaso coñecemento que teñen do ferrocarril e que unicamente foron postos nestas presidencias polo seu coñecemento de economía. Co fin de aforrar custos e preparar a difusión das empresas e a súa futura privatización, algo que sempre vai en detrimento da seguridade.
Cumpre lembrar que a liña entre A Coruña, Santiago e Ourense, e a de Madrid a Alicante, se inauguraron como liñas de Alta Velocidade, e así se recolle nas hemerotecas, onde están os políticos que participaron no evento e que tanto presionan para que se produzan as inauguracións, custe o que custe, para poder saír na foto.
Estas liñas non dispoñen dos sistemas de seguridade axeitados para circular como o resto de liñas AVE. Non están sinalizadas como as liñas convencionais pois se supón que os sistemas de seguridade suplen o sistema de sinalización, sempre e cando existan estes sistemas de seguridade. Read More