post

Máis mobilizacións en Atento A Coruña

Continúan as mobilizacións convocadas polo comité de empresa, do que forma parte a CGT, no centro de traballo de Atento na Coruña. O vindeiro luns, 3 de setembro, haberá concentracións ás 12 e ás 18 horas ás portas do centro de traballo en Juan Flórez. Desta vez, as mobilizacións servirán para quentar motores cara unha próxima manifestación que terá lugar o 10 de setembro ás 18 horas, e que sairá desde a sede da empresa percorrendo as principais rúas da cidade co lema "Atento: 20 anos en loita contra a explotación laboral"

En efecto, este mes de setembro cúmprense 20 anos da apertura do centro de atención de chamadas na cidade. Vinte anos de precariedade e constantes conflictos laborais. A última das agresións perpetrouse hai só unha semana, cun novo e infame despido dun compañeiro que traballaba no servizo 1002 de avarías de Telefónica/Movistar, empresa cliente para a que traballamos case que de forma exclusiva, ás veces responsable directa das tropelías sofridas e outras cómplice necesaria ao longo destes anos.

O luns día 3 faremos unha escenificación -colorida e ruidosa– dos 20 anos que levamos en loita, resistindo os envites como mellor podemos e sabemos facer: saíndo á rúa a denunciar os abusos e a tiranía de Atento e Movistar.

A empresa segue sen dar visos de querer atender as nosas xustas e razoables reivindicacións e mentras isto siga así continuaremos nas rúas loitando por un traballo digno e saudable.

Sección sindical Atento de CGT na Coruña

 

post

Novo paro de 24 horas en Atento-A Coruña

Continúan as mobilizacións no centro de traballo de Atento na Coruña. As preto de 600 traballadoras e traballadores da empresa de contact center (centros de atención de chamadas) están chamadas a unha nova xornada de folga hoxe, 20 de agosto,, convocada por todas as forzas sindicais con presenza no comité de empresa, do que forma parte a CGT.

As mobilizacións comezaron o pasado 28 de maio, manténdose ata o de agora -e indefinidamente- paros dunha hora por quenda de traballo todos os luns, agás o pasado luns 16 de xullo cando, como desta vez, o paro foi de 24 horas e tivo un seguemento de máis dun 90 por cento.

As e os traballadores de Atento vimos reivindicando dende entón o cese de despedimentos inxustificados (que a empresa non ten reparos en recoñecer como improcedentes) e doutros amparados no absentismo que, se ben son considerados obxectivos, non deixan de ser aberrantes por ser froito dun absentismo do que a propia empresa é responsable en grande medida: denunciamos as presións diarias que sofremos, os insoportábeis ritmos de traballo impostos, os exasperantes controis das nosas xornadas laborais, as constantes ameazas e os acosos que padecemos con tal de sacar adiante as chamadas dos clientes que atendemos; sen importar a calidade na atención e moito menos as nosas -cada vez máis- penosas condicións laborais. A iso hai que engadir as persistentes agresións de Atento no tocante a sancións noxentas e sen fundamento, o ter que aturar a imposición das vacacións e de obxectivos inalcanzábeis e nunca negociados (que logo a empresa usa para pretender xustificar novos despidos) e un sinfín de afrontas máis que non estamos dispostas a consentir.

É lamentable que o cliente principal para o que traballamos (Telefónica-Movistar) sexa consciente e cómplice desta situación. Son xa 20 os anos de explotación laboral que levamos aguantando, dende que abriron as portas do centro da rúa Juan Flórez.

Como queira que a empresa non dá mostras de tentar resolver o conflicto, todo apunta a que esta xornada non será a última de mobilizacións e loita. Polo momento seguerán as convocatorias de paros dunha hora por quenda os vindeiros luns.

Sección Sindical de CGT en Atento-A Coruña

 

post

Caos en Correos

A CGT Correos de Galicia denuncia o caos creado pola posta en marcha das novas bolsas de contratación en Correos.

Correos abriu as bolsas no mes de Outubro pero non as puxo en marcha até o 1 de xuño, o que fixo que coincidira a entrada de numeroso persoal sen formación e sen experiencia previa coas vacacións do persoal habitual, o que, unido à  falta de contratación por mor dos recortes, fai que as incidencias sexan numerosas.

Desde a CGT queremos denunciar as numerosas incidencias creadas no reparto postal durante este periodo estival.

Estamos a recibir numerosas queixas desde unidades de todo o territorio Galego desde o persoal que non son quen de repartir diariamente a correspondencia recibida, o que afecta negativamente ao dereito da cidadanía de recibir o correo diariamente.

O persoal, por medio dos/as seus/súas representantes sindicais fai responsable disto á falta de previsión da dirección.

A CGT indica que as problemáticas veñen dadas por dous motivos:

Por unha banda no mes de outubro de 2017 Correos convocou un proceso para crear unhas bolsas de contratación eventual. Ese proceso, moi criticado pola CGT polo seu retraso e polas súas irregularidades, deixou fora a centos de persoas que contaban cunha grande experiencia no traballo postal, valorando os méritos das devanditas bolsas dunha maneira totalmente cuestionable como, por exemplo, igualando a puntuaciuó dun cursos de "excel" de unhas horas a varios anos de experiencia no reparto.

Este feito fixo que numerosas persoas con experiencia quedaran sen a posibilidade de acceso ao traballo postal.

Por outra banda encontrámonos coa falta de contratación de Correos, que pretende levar a cabo o servizo -nos meses estivais- cun número de persoal a todas luces insuficiente que ronda o 40% menos do plantel oficial habitual. Correos indica, ademais, ao persoal de reparto que leven a maoriores outras zonas non habituais, o que chamamos "recargo", feito que dificulta e entorpece o traballo e fai que sexa frecuente que queden zonas sen repartir.

A CGT quere denunciar publicamente que estes feitos levan inexorablemente a unha diminución intolerable da calidade no servizo postal, e esixen a Correos:

  • A substitución inmediata de todas as persoas que se encontran de vacacións
  • A ampliación das bolsas de contratación, recuperando a todas as persoas con experiencia no traballo postal

Todo o anterior baseado na querencia do noso sindicato CGT de velar polo estricto cumprimento do dereito a ter un servizo postal público de calidade.

CGT de Correos Galicia

 

post

[A Coruña] Solidariedade coas despedidas no Hotel Bahía de Vigo

A CGT da Coruña celebrou hoxe unha nova concentración diante do Hotel Blue, na rúa Juana de Vega da Coruña. A mobilización faixe en solidariedade coas 23 compañeiras despedidas xa hai dous meses nese hotel ao cambiar de contrata de mantemento das habitacións. A CGT esixe o respecto para os dereitos adquiridos polas 23 camareiras de habitación e a subrogación de todas elas á nova contrata, que foi concedida á empresa Nortempo.

Para este sindicato, este feito tan canalla faixe coa complicidade do Hotel Bahía, de Nortempo e de toda a cadea hoteleira Sercotel, que mira para outro lado mentres nun dos seus establecementos se comente semellante falcatruada. Para máis, o director do Hotel Bahía é César Sánchez, xefe da patronal hosteleira da provincia de Pontevedra.

A CGT non vai parar ata que estean todas as compañeiras traballando con todos seus dereitos.

READMISIÓN DESPEDIDAS!!

SE TOCAN A UNHA, TOCAN A TODAS!!

SUBROGACIÓN DOS DEREITOS DAS TRABALLADORAS!!

Comité Local  da CGT da Coruña

Â