
O Sindicato de Oficios Varios de Vigo celebra a histórica sentenza do Xulgado do Social N°4 de Vigo como consecuencia da demanda interposta contra a empresa Tecnocontrol. Esta sentenza recoñece os reiterados e graves incumprimentos sistemáticos do Convenio Colectivo das Industrias do Metal por parte da empresa Tecnocontrol, adxudicataria do servizo de mantemento do porto de Vigo, en materia de vacacións, calendario laboral, distribución irregular da xornada, descansos, cuadrantes, quendas e traballo en festivos. Este fallo xudicial marca un punto de inflexión nas relacións laborais do porto, obrigando ao cumprimento íntegro do convenio e ao pago dunha indemnización polo últimos tres anos de vulneracións.
A sentenza obriga á empresa a realizar os seguintes cambios para respectar os dereitos dos traballadores:
- Desfrute das vacacións nos términos establecidos no convenio colectivo en lugar do funcionamento actual no que a empresa impón as vacacións sen negociación, sen os dous meses de antelación requiridos e sen flexibilidade para cambios.
- Entregar e pactar o calendario laboral anual cos traballadores.
- Confeccionar un sistema de horarios e quendas que limiten a xornada irregular dentro do 10% máximo anual.
- Confeccionar un sistema de horarios e quendas que respecte o descanso entre xornadas e o descanso semanal sen solapamento algún.
- Compensar adecuadamente á totalidade do cadro de persoal pola prestación de servizos en festivos, motivo polo que se condena á empresa ao abono aos traballadores da cantidade de 3220,80€ en concepto de indemnización polo solapamento de xornadas.
Durante máis de 20 anos, a Autoridade Portuaria de Vigo, co único obxectivo de abaratar custos nas licitacións, consentiu e fomentou un modelo de xestión baseado na precariedade e o menoscabo dos dereitos dos traballadores e traballadoras.
A sentenza do Xulgado do Social N°4 non só pon fin a esta dinámica de abusos, senón que senta un precedente claro: non se pode facer negocio á conta dos dereitos fundamentais da clase traballadora.
Esta vitoria xudicial reforza a nosa firme oposición a calquera proceso de privatización que teña como consecuencia o empeoramento das condicións laborais para maximizar os beneficios.
Desde CGT, levamos meses denunciando o incumprimento do convenio por parte de Tecnocontrol, incluso sufrindo represalias contra a nosa militancia, como ocorreu en novembro, cando un compañeiro foi agredido pola policía portuaria mentres denunciaba estes incumprimentos. Aínda por riba, ademais de ser agredido pola policía, o noso compañeiro foi acusado falsamente de ser el o agresor, o que se demostrou falso cando a xustiza arquivou a denuncia da policía contra o compañeiro, igual que agora tamén nos da a razón nos incumprimentos por parte de Tecnocontrol polos que protestabamos.
Esiximos a Tecnocontrol e a Autoridade Portuaria o fin da represión da actividade sindical e o cumprimento inmediato e estrito da sentenza, así como o fin de calquera práctica que pretenda eludir a aplicación do convenio colectivo.
A loita pola dignidade no traballo é irrenunciable.