Concentración na Coruña en defensa da Sanidade Pública

concentracion_chuacA CGT da Coruña apoia a concentración convocada para o vindeiro xoves, 3 de setembro, ás 12 horas, na rotonda do CHUAC, demandando solución para a doente Dolores Asunción. Esta mobilización está convocada pola Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública, da que fai parte a CGT da Coruña.

O caso de Dolores Asunción é un exemplo mais que representa a milleiros de casos que todos e todas coñecemos. Dolores, con 76 anos, logo dunha caída que lle ocasionou a rotura dun xeonllo, leva 8 meses agardando atención, coa mobilidade reducida e precisando atención continua nas 24 horas do día. A pesar de ter presentado 4 reclamacións, aínda non foi incorporada á lista de agarda para ser operada.

Chamamos a toda a afiliación e ao conxunto da cidadanía a participar nas mobilizacións en defensa dunha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade.

Comité Local da CGT da Coruña

 

A CGT denuncia enchufismo en Correos

Logo CGT Correos buzonA CGT en Correos ven de presentar denuncia á Inspección de Traballo pola contratación por parte da empresa pública Correos S.A.E de persoas sen estar nas listas de contratación e sen ter superado ningún tipo de proceso selectivo neste verán para traballar no Reparto e en Atención ao Cliente. A CGT tivo constancia destes contratos irregulares efectuados en Carballo, A Coruña e, especialmente, no pavillón postal que Correos ten perto do Aeroporto de Lavacolla.

A CGT entende que nunha provincia con máis de 80000 persoas na procura de emprego, se Correos precisara a persoas para traballar debería ter acudido aos servizos públicos de emprego ou facer reabrir as bolsas de contratación eventual de xeito transparente e público a toda a cidadanía tal como lle indica o convenio colectivo en vigor.

Desde o punto de vista da CGT Correos cometeu unha grave infracción na elaboración de contratos públicos ao non publicar en ningures as bases para a contratación, os méritos cuantificábeis nin ningún outro dos requisitos imprescindibles.

Mais información no blog da Sección Sindical da CGT en Correos na Coruña