post

[Ferrol] Asembleas parciais en Navantia

PRESENTACIÓN DAS LIÑAS BÁSICAS DO PROGRAMA DA CGT

Luns 3: Taquillas de Maquinaria ás 10:00 h.

Martes 4: Sala Técnica ás 07:00 h. Taquillas de Aceiros ás 10:00 h.

Mércores 5: Centralizado ás 10:00 h.

Xoves 6: Taller de Electricidade ás 10:00 h.

Venres 7: Salón de plenos do comité ás 10:00 h.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

[Navantia Ferrol] Outra vaca no maínzo

Navantia tamén ten as súas portas xiratorias, os seus transvasamentos dende postos de responsabilidade na empresa pública á empresa privada.

En 2005, o número dous de Izar dimiteu para formar a empresa que o ano seguinte comprou Izar-Sestao. Máis recentemente, en 2017, o que ata había pouco fora o director de Fene-Ferrol converteuse en director xeral dunha empresa do Grupo Daniel Alonso, propietario de Windar.

Agora temos un novo caso: un individuo que ata hai ben pouco aparecía no organigrama como adxunto á Dirección Comercial e Desenvolvemento de Negocio corporativa, vencellado á eólica mariña, e que tamén foi unha das persoas que o ano pasado non se xubilou cando cumpreu os 65 anos, fichou por Windar ós poucos días de entrar no ERE, operación grazas á cal se embolsará decenas de milleiros de euros libres de impostos en concepto de indemnización por un suposto despedimento.

¿TODO LEGAL? PODE SER. ¿ÉTICO? PARA NADA. TODO O CONTRARIO: É UNHA VERGONZA E UNHA INDECENCIA.

Para xustificar o plan, cansamos de oír (lamentablemente non só pola parte empresarial) que a situación da empresa era delicadísima, que estaba ó borde da bancarrota, que as asimilacións e outros aspectos do convenio eran unha carga económica excesiva, que o futuro de Navantia podía estar en perigo… Pero unha vez máis demóstrase que, para o que lle interesa á dirección da empresa, hai cartos dabondo. ¡Que se deixen de lerias!

E unha vez máis demóstrase tamén que hai directivos de Navantia que parasitan a empresa pública en beneficio de intereses privados. Este individuo andaba o xoves pasado revoloteando por Informática a última hora da xornada. ¿A que andaba? Con toda seguridade, na busca de información ou dalgunha comenencia para a súa nova empresa. É inexplicable que a Dirección o deixe entrar. Ou, visto o visto, quizais non tan inexplicable.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Cousas que aclarar sobre o Plan de Emprego [Navantia-Ferrol]

O 30 de abril asináronse o Plan de Emprego de Navantia 2019-2022 e unha acta sobre novos ingresos. Ademais, o 8 de maio consensuouse o documento “Procesos de selección”, que empeza a entrar en detalles.

Eses acordos alcanzáronse nunha das cinco comisións establecidas polo Convenio Único. Por tanto, e dada a importancia do tema, o comité de empresa debeu sometelos a unha asemblea xeral, previo proceso informativo quepermitise aclarar algúns aspectos, que na nosa opinión hai que aclarar.

Os documentos asinados recollen algún aspecto positivo, como buscar unha solución ós actuais eventuais. Non é de recibo que esas prazas se convoquen de novo. Se unha praza eventual pasa a ser fixa, o lóxico é que o traballador eventual pase a ser fixo. Tamén é positivo que o psicotécnico non sexa eliminatorio. Pero outras cousas necesitan aclaración por parte do comité:

  1. A primeira é: ¿como é posible que, despois de cansar de repetir que o 75% das prexubilacións se ían cubrir con contratos fixos, o comité acepte agora que, como criterio xeral, os novos ingresos entren con contrato eventual?
  2. Tamén sorprende que o Plan de Emprego recolla (páx. 4) que “aproximadamente o 70% das entradas serán traballadores sen experiencia” e que as restantes “poderán ser de profesionais con experiencia”. Non é coherente. E con isto non queremos dicir que non poida entrar xente sen experiencia (ou con moi pouca), senón que non se debería excluír da maioría das prazas a quen a teña.
  3. Por se non quedase clara cal é a intención, a acta do día 30 recolle (páx. 3) outra cousa sorprendente: “acórdase que nos procesos de selección de operarios e empregados poidan participar tamén como candidatos aquelas persoas con titulación de bacharelato, ademais dos titulados de FP de grao medio/superior, ou aquelas persoas con experiencia profesional”.

A isto hai que lle engadir que o documento “Procesos de selección” recolle (páx. 6) que a primeira proba para as prazas de operarios e empregados será un exame teórico eliminatorio, no que pasarán ó exame práctico 3 persoas por praza. Ou sexa, o mesmo esquema que nas prazas de profesionais do plan de 1999, que tanto se criticou. Pero cunha diferenza a peor: daquela pasaron ó práctico 5 persoas por praza.

Se se tratase de prazas de aprendices, sería correcto non esixir nin experiencia nin titulación profesional. Pero como se trata de prazas de profesionais, parécenos unha barrabasada, por varios motivos:

  1. Non é razoable que a maioría das prazas de profesionais sexan para persoas sen experiencia.
  2. Non é razoable que persoas que non teñen absolutamente nada que ver cunha profesión se poidan presentar para ela. Se son prazas de profesionais, só deberían poder presentarse dous perfís: titulados na profesión (aínda que non teñan experiencia) e profesionais experimentados (aínda que non teñan esa titulación profesional). Este Plan de Emprego devalúa a profesionalidade dos traballadores. E tamén a Formación Profesional. ¿Non se esixe titulación para as prazas universitarias? ¿Por que, entón, para as de profesionais chega co bacharelato, o cal ademais implica que un estudante universitario poderá presentarse e outro que entrase na FP directamente dende a ESO non, aínda que estea estudando a profesión da praza?
  3. Se ademais lle sumamos que o primeiro exame vai ser o teórico, podemos atoparnos con que un estudante totalmente alleo a unha profesión, pero que ten hábito de estudo e tempo para preparar o exame teórico, deixe fóra a profesionais que deixaron de estudar xa hai un tempo ou que está n traballando unha chea de horas diarias en calquera compañía ou empresa de por aí.

Navantia vén sufrindo dende 1999 unha redución moi importante na súa capacidade, redución que esta prexubilación agrava porque a cobertura será só do 75%. De feito, na acta do 4 de abril da Comisión Central de Emprego a empresa di (páx. 3) que “urxe axilizar as contratacións para garantir o normal desenvolvemento dos traballos en curso”. Como se explica entón que se queira sobre todo xente sen experiencia? Porque Navantia quere seguir afondando no proceso de subcontratación, especialmente de toda a man de obra. Por iso non se querenprofesionais experimentados. Nin tampouco que os profesionais da Industria Auxiliar entren en Navantia, para que así os exploten ben explotados os piratas das compañías, que teñen problemas para atopar bos profesionais pola precariedade e as malas condicións laborais que ofrecen, o que provoca que a xente fuxa do sector ou emigre. Para prazas de profesionais se debe esixir titulación ou experiencia profesional. E se non é así, entón o primeiro exame eliminatorio ten que ser o práctico, non o teórico. As prazas de profesionais teñen que ser para persoas da profesión.

No documento “Procesos de selección” tamén se recolle (páx. 8) outro aspecto das prazas de operarios e empregados a aclarar. Primeiro di que “os períodos de prácticas formativas das titulacións non se contabilizarán como experiencia laboral conforme marca a lei”. E a continuación di que “valorarase o período de prácticas da FP Dual no proceso de selección”. Que quere dicir isto? Porque nesta empresa tamén fan prácticas estudantes da FP non dual, e non sería xusto valorar os períodos de prácticas duns e non valorar os dos outros. Ademais, ¿que lei é esa? Que o digan. Porque xa temos oído demasiadas veces a escusa da lei: había que pechar os economatos porque a lei europea os prohibía (e o de Fene sigue aí), a lei non permitía que os de 64 anos cumpridos entrasen no ERE (e entraron os de 64 e tamén os de 65), etc.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Unha mentira descarada: Plan de Emprego 2019-2022 en Navantia Ferrol

O 30 de abril, a Comisión central de Emprego chegou a un acordo no chamado “Plan de Emprego de Navantia para os anos 2019-2022”, ratificado ese mesmo día por maioría no comité intercentros.

Ese Plan de Emprego di (páxina 3): “De conformidade co previsto no convenio colectivo, con carácter xeral, as novas contratacións que se realicen durante a vixencia do presente plan de emprego se realizarán a través de contratos temporais, incorporando ditos contratos como indefinidos de forma progresiva ó longo da execución do plan”. É dicir, o Plan de Emprego recolle, con absoluta claridade e máis aló de calquera dúbida razoable, que os novos ingresos entrarán con CONTRATOS PRECARIOS. ¡ISTO NON É O QUE DIXERON OS DEFENSORES DA SINATURA DO PLAN, QUE CANSARON DE REPETIR QUE A APROBACIÓN DO PLAN ÍA SUPOÑER A COBERTURA DO 75% DAS PREXUBILACIÓNS CON CONTRATOS FIXOS!

Agora poderán dicir que eles non dixeron cándo ían ser fixos e que algún día o serán, pero o que deron a entender foi que os novos ingresos terían un contrato fixo dende o primeiro día.

E falando de mentiras: tampouco é verdade iso que se di aí de que o convenio obriga (“de conformidade co previsto…”). O artigo 27 do convenio (Contratación de persoal de novo ingreso) pon moi claro que os tipos de contratos os decidiría a Comisión central de Emprego: “Na Comisión Central de Emprego desenvolverase un Plan de Emprego no que se definirán os criterios de incorporación e modalidades de contratación das entradas que se produzan en plantilla durante a vixencia do presente convenio”.

A mentira é neste caso particularmente grave porque ese grao de cobertura das baixas por prexubilación con contratos fixos foi un factor que levou a algúns traballadores a votar ‘si’ ó plan, nunha votación que na nosa factoría tivo resultados moi axustados.

Se durante a negociación do convenio houbo un escurantismo total, simbolizado na ocultación dos documentos por parte de quen negociaba en nome dos traballadores, ¿que se podía esperar das negociacións nas cinco comisións? Aínda máis escurantismo. A única dúbida que hai sobre o resultado desas comisións é cántas sorpresas desagradables máis nos esperan.

As materias que se van negociar nas comisións (clas ificación profesional, estrutura salarial, novos criterios de promoción…) formarán parte do convenio e, por tanto, a súa negociación debe estar suxeita a criterios de información transparen te e veraz ó conxunto dos traballadores e de toma da decisión so bre a súa sinatura por parte da asemblea xeral.

Ocultación da información durante o convenio, negativa a poñer a votación na asemblea xeral propostas non saídas do comité, unha xornada de “loita” convocada burocraticamente sen sometela a unha asemblea xeral (e así saíu: todo un éxito de desconvocatoria do comité de empresa)… Con estes precedentes, ¿a quen lle pode estrañar que se lle mentise descaradamente ós traballadores para que apoiasen a sinatura do plan/convenio? Tratábase de facilitarll e á empresa os seus obxectivos, que son reducir aínda máis a plantilla, recortar dereitos e precarizar o emprego; todo o demais son milongas.

Compañeiras e compañeiros: os traballadores temos moitos problemas. Pero cada vez é máis innegable que un deles (e non o menor) é que algúns representantes dos traballadores, no canto de defender os intereses de quen os elixiu, usan a representatividade outorgada polos traballadores para defender os intereses da empresa. Algún día saberase a cambio de qué. Peroisto é o de menos. O verdadeiramente importante é ser conscientes de que o comité de empresa sufre un proceso de dexeneración grave que só pode ser abortado mediante a implicaci ón de todos e todas para facer que as cousas cambien.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia – Ferrol

 

post

[Navantia Ferrol] Por unha asemblea xeral!

O mércores pasado, o comité de empresa publicou un comunicado informando da celebración mañá dunha xornada de loita pola situación da carga de traballo. Xa ha iun par de meses que a CGT se pronunciou a favor de que os traballadores iniciásemos a mobilización en demanda de carga de traballo e, por tanto, CHAMAMOS A TÓDOLOS TRABALLADORES A PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓNS DE MAÑÁ. Ademais, como o xoves pola mañá tamén van mobilizarse os compañeiros de Poligal, consideramos que debemos confluír e unir as forzas de todos.

Pero en todo isto hai outro aspecto a analizar. A mobilización non é simbólica: saída  á rúa, encerro e manifestación vespertina. A pesar disto, o comité de empresa non convocou unha asemblea xeral. É A PRIMEIRA VEZ QUE O COMITÉ DE EMPRESA CONVOCA UNHA XORNADA DE MOBILIZACIÓN SEN LEVAR A PROPOSTA Á ASEMBLEA XERAL PARA SOMETELA Á CONSIDERACIÓN DOS TRABALLADORES. Grave? Si. Pero non sorprendente.

Esta actuación do comité representa un novo salto adiante no seu proceso de progresivo afastamento dos traballadores. O comité non está a actuar como representante do conxunto dos traballadores, senón como axente das respectivas federacións slndicais. A representatividade outorgada polo conxunto dos traballadores ó comité de empresa está sendo utilizada para defender os intereses dos aparatos sindicais. Quen está a negociar os novos ingresos? O comité de empresa. Que información transmite? Absolutamente ningunha, a pesar de que é a súa obriga. A información só se dá en reunións de afiliados. Igual que no terreo político algúns confunden os concellos cos partidos. no terreo sindical algúns confunden os comités cos sindicatos.

Os representantes dos traballadores están a utilizar a súa representatividade para excluír o conxunto dos traballadores da toma de decisións. Por que lles molestamos os traballadores? Porque podemos cortocircuitar os seus pasteleos coa empresa, como se demostrou no IV Convenio. Por iso no recente convenio único ocultaron a información e impediron que a asemblea votase propostas que non saian do comité. Non convocar agora asemblea xeral é a continuación lóxica desta deriva verticalista. A CGT ESIXE QUE O COMITÉ DE EMPRESA  CONVOQUE  UNHA ASEMBLEA XERAL DE TÓDOLOS TRABALLADORES DO  RECINTO PARA DEBATER A SITUACIÓN DA CARGA DE TRABALLO E OS PASOS A DAR POLOS TRABALLADORES  PARA  REIVINDICALA.

O comité equivócase tamén dende o punto de vista da propia mobilización porque a súa actuación antidemocrática podería levar a que algúns traballadores expresen o seu malestar non participando nas mobilizacións. Dende a CGT pensamos que isto seria un erro e chamamos ós compañeiros a diferenciar unha cousa da outra. A mobilización é necesaria, por nefasta que sexa a actuación do comité. A maneira de combater as actuacións antidemocráticas do comité é fortalecendo o sindicalismo combativo, democrático e asembleario que representa a CGT.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

[Ferrol] Navantia: proposta da CGT para os novos ingresos

  1. Perfís profesionais: Navantia necesita profesionais de oficio porque as diferentes reducións de plantilla provocaron un desequilibrio moi importante e porque os ingresos dos últimos anos foron case todos de técnicos superiores. Por tanto, para evitar que esta nova prexubilación se traduza nunha subcontratación aínda maior do proceso produtivo e no abandono de máis talleres por parte de Navantia, é necesario que a maioría dos novos ingresos sexan operarios. Así mesmo, tamén hai que contemplar a necesidade de diminuír de forma importante a subcontratación na Sala Técnica.
  2. Reparto xeográfico das prazas: Proporcional ó número de prexubilados nas diferentes zonas. E se a empresa necesita máis persoal nalgunha, ten unha magnífica ocasión para poñer en marcha a contratación directa de traballadores eventuais por parte de Navantia, desbotando a subcontratación ou a contratación mediante ETT.
  3. Idade e experiencia: Non debe haber límites máximos nin por idade nin por anos de experiencia. A discriminación por razóns de idade é anticonstitucional, o cal é inaceptable nunha empresa pública. E un máximo de experencia de 3 anos non ten xeito.
  4. Tipo de contrato: O 75% das baixas polas prexubilacións deben ser cubertas con contratos fixos dende o primeiro día, como os sindicatos defensores deste plan afirmaron repetidamente.
  5. Participación sindical: A tódolos niveis. A contratación dunha empresa para encargarse do proceso de selección non é ningunha garantía de independencia porque esa empresa cobrará de Navantia e, por tanto, responderá ós intereses de quen lle paga.
  6. Proceso de selección: A experiencia demostrou que a selección baseada meramente nun primeiro exame teórico e un segundo exame práctico é un erro.

Tamén é sabido que a entrevista persoal é o truco habitual das empresas para meter enchufados ou para vetar persoas.

Os traballadores da industria auxiliar contribúen de forma decisiva ó proceso produtivo. De feito, hai compañeiros subcontratados que levan 10 ou 15 anos traballando de forma continuada dentro das murallas, é dicir, que realizan tarefas estruturais (e que en realidade deberían ser traballadores da principal porque a subcontratación desas tarefas non está xustificada). Por tanto, á hora de establecer os criterios para os novos ingresos debe terse en conta toda esta realidade, e tamén que unha parte dos traballadores da IA están agora mesmo no paro.

Así mesmo, hai que considerar ós mozos e mozas que están a facer ou fixeron prácticas de FP ou universitarias.

Combinando todos estes aspectos, a proposta da CGT para o proceso de selección é a seguinte:

  • Tódalas probas e criterios teñen que ser obxectivos. Rexeitamos totalmente a entrevista persoal, por subxectiva.
  • Esixencia da titulación correspondente á profesión (FP ou universitaria) ou dun tempo mínimo demostrable de exercicio da profesión.
  • Establecemento dun baremo que puntúe os seguintes aspectos:
    • Titulación.
    • Tempo de experiencia na profesión.
    • Tempo de traballo ou de prácticas dentro de Navantia.
    • Exame práctico.
    • Exame teórico.

O escurantismo neste tema é especialmente inaceptable. O comité de empresa debe informar puntualmente ó conxunto dos traballadores sobre a marcha das negociacións na comisión de emprego.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia

 

post

[Ferrol] O anuncio das F-110 é un timo electoralista.

O venres 29 de marzo, o goberno autorizou a sinatura da orde de execución das fragatas F-110. Nunha roda de prensa ese mesmo día, o delegado do goberno en Galiza dixo dúas cousas moi significativas:

  1. Que o primeiro buque da serie se entregaría en 2026.
  2. Que o número de compañías auxiliares aumentaría de 200 a 280.

Se a previsión é entregar a primeira fragata en 2026, isto significa que o inicio do corte de chapa —é dicir, o inicio da construcción do buque— será en 2022, o que significa que aínda vai haber que esperar tres anos para que comece a construción das F-110.

Este tempo de espera contrasta fortemente cos fitos doutros programas ou buques:

  Data sinatura orde execución Data inicio corte chapa Tempo transcorrido
Fragatas F-100 Xaneiro 1997 Xullo 1997 6 meses
Fragatas norueguesas Xuño 2000 Decembro 2001 18 meses
LHD Juan Carlos I Marzo 2004 Maio 2005 14 meses
LHD australianos Novembro 2007 Setembro 2008 10 meses

Indubidablemente, que o goberno autorice a construción das F-110 é unha boa noticia. Pero que haxa que esperar tres anos para que esa construción empece é un timo electoralista porque iso significará que, tralo remate dos AOR australianos, haberá un longo período sen ocupación, coas negativas consecuencias que iso ten para os traballadores da industria auxiliar.

A CGT xa denunciou esta situación en febreiro. Pero, ademais de denunciala, planteamos a necesidade de que os traballadores nos mobilizásemos para reivindicar carga de traballo. Lamentablemente, ESTASE A PERDER UN TEMPO PRECIOSO.

O taller do Elaborado está a piques de rematar os traballos dos AAOR. O MOMENTO DA MOBILIZACIÓN NON É CANDO XA HAXA COMPAÑEIROS DA INDUSTRIA AUXILIAR DESPEDIDOS. O MOMENTO É AGORA, APROVEITANDO QUE A XENTE AÍNDA ESTÁ DENTRO, AS DÚAS CAMPAÑAS ELECTORAIS DESTA PRIMAVERA E A SITUACIÓN POLÍTICA. O comité de empresa debe convocar unha asemblea xeral do recinto para debater e decidir entre todos os pasos a dar. Aínda que, visto que non informa sobre as negociacións dos novos ingresos e que en todos estes meses nin sequera foi capaz de convocar unha asemblea de prexubilables —que marchan sen que os seus representantes nominais lles expliquen as condicións (¡algo do que se encargará unha empresa subcontratada por Navantia!)—, quizais sexa pedirlle demasiado a un comité que ten demostrado sobradamente que quere excluír ós traballadores e negociar ás súas costas.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia

 

post

[Ferrol] Solidariedade con Poligal

A Sección Sindical Unitaria da CGT (Confederación Xeral do Traballo) en Navantia-Ferrol chama a tódolos traballadores da factoría —sen distinción de empresa, profesión ou categoría— a concentrarnos este VENRES 29 na PORTA DO ARSENAL ás 12:30, a fin de saír á rúa a dar apoio ós compañeiros e compañeiras de Poligal.

O problema de Poligal pon de manifesto a necesidade dun sindicalismo combativo que vaia á raíz dos problemas, o que neste caso significa cuestionar o dereito dos capitalistas a deslocalizar as súas empresas por puro egoísmo económico. Neste senso, para nós o enfoque sindical debe ser aunar as forzas dos traballadores de tódalas empresas ameazadas para levantar un movemento que lle esixa ó goberno a súa expropiación, a fin de que os cartos públicos sirvan para manter os postos de traballo e o benestar social que conlevan, non para engordar petos empresariais.

¡SE TOCAN A UN, TOCAN A TODOS!

¡A UNIDADE É A FORZA DOS TRABALLADORES!

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

[Navantia Ferrol] Unha proposta de emprego inaceptable

As negociacións sobre os novos ingresos non avanzan. Das 563 prazas previstas para este ano, a empresa ofrece para as factorías da nosa ría só 164, o 29’13%, cando as prexubilacións de Fene-Ferrol representan o 44’58% do total de Navantia. De feito, a propia empresa contempla no POA (Plan Operativo Anual) 250 novos ingresos na ría este ano (o 44’4% do total). Ademáis, o reparto entre os diferentes grupos profesionais é moi desproporcionado: 22 operarios, 78 empregados e 64 TS. Está claro que a empresa aposta por subcontratar toda a produción, o que por outra banda non constitúe ningunha sorpresa porque leva anos dando pasos nesa dirección co silencio cómplice dos sindicatos oficiais.

A empresa argumenta que o desequilibrio obedece a que na baía de Cádiz hai necesidades maiores, pola construción das corvetas saudís. Pero isto contrasta con que, das 218 prazas que ofrece para alí, só 14 sexan de operarios (6’4%), cando os operarios representan o 48,18% dos prexubilados das tres factorías gaditanas.

Pero non se trata só de que o reparto debe ser proporcional ás saídas en cada zona. A construción das corvetas afecta tamén a outras áreas xeográficas: Motores Cartagena fabricará os motores e Turbinas Ferrol, as caixas redutoras (por certo, ¿por que non fai Turbinas tamén os eixos de cola?). Por tanto, hai que cubrir as saídas que se produzan nas dúas fábricas. Non facelo indicaría que a empresa tamén aspira a subcontratar as súas actividades.

Tamén está a cuestión dos perfís profesionais. O 10 e 11 de abril, Navantia organiza en Cádiz un encontro con aspirantes ás prazas de ingreso. Os requisitos son ter unha determinada titulación universitaria (24 posibles), nivel B2 de inglés e… ¡menos de 3 anos de experiencia laboral! Que a empresa exclúa a quen leve traballando máis de 3 anos é un indicativo de que aposta por persoas novas que, precisamente porque para labrarse un futuro necesitan adquirir experiencia, están máis dispostas a aceptar malas condicións laborais. E tamén son máis doadas de adoutrinar nesa nova “cultura laboral” que Navantia anuncia, que só consiste en que os traballadores substitúan a conciencia de clase pola conciencia de empresa, ou sexa, en tentar de inculcar a falsa idea de que os nosos intereses como traballadores son os que marca a dirección da empresa.

Respecto ós tipos de contratos, a empresa está propoñendo que todos sexan eventuais. Un dos principais argumentos que deron os sindicatos que apoiaron a sinatura do convenio/plan foi que se crearía moito emprego fixo. O día do referendo (18 de decembro), CCOO distribuíu un comunicado titulado Proposta de acordo global do plan estratéxico: unha grande oportunidade, que di o seguinte: “Plan de emprego: Entradas do 75% das saídas, como fixos de plantilla”. Pero o certo é que a acta que se prevía asinar dous días máis tarde (e que efectivamente se asinou) pon unha cousa moi distinta: “A distribución xeográfica e de perfís, así como a definición dos tipos de contrato será analizada pola comisión central de emprego, incorporando ditos contratos como indefinidos de forma progresiva ó longo da execución do plan” (o subliñado é noso). É dicir, o asinado é que as entradas sexan mediante contratos precarios. Por iso non se entenden moito algunhas queixas dos sindicatos asinantes do plan ante esta proposta da empresa. ¿Que se esperaban? ¿Que lles agradecese os servizos prestados? ¿Ou é que hai tanta confianza no xefe de Persoal que non len o que asinan?

Respecto ó proceso de selección, a empresa quere que, en nome da imparcialidade, se encargue unha empresa externa. Pero unha empresa externa pagada por Navantia non é unha empresa imparcial, senón unha empresa mercenaria porque vai facer o que a dirección de Navantia lle diga. Como sempre se dixo: quen paga, manda. O proceso de selección debe contar con control sindical e basearse en criterios medibles obxectivamente, non en criterios subxectivos como a entrevista persoal, fórmula habitual para meter enchufados.

Proximamente haberá eleccións xerais e municipais. Debemos aproveitalas para plantear as nosas demandas e mobilizarnos a prol delas. Pero aínda que todo este tema dos novos ingresos é en si mesmo o suficientemente grave como para que os traballadores deamos un golpe na mesa, non é o único tema. Tamén está o retraso das F-110, especialmente relevante para os traballadores de compañías. É posible que incluso a soa ameaza de mobilizarnos seriamente fose suficiente para espabilar ó goberno e que asine a orde de execución antes das xerais.

O comité de empresa ten que saír do furado no que está metido e convocar unha asemblea xeral para informar de todo isto ós traballadores e debater as posibles medidas a tomar.

Sección Sindial Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol