post

[Ferrol] Navantia: o dereito de folga é sagrado

Dende este luns está en marcha unha folga en dúas compañías de mantemento (Indasa e a UTE Tecman-ElectroRayma) de Navantia contra 15 despedimentos. Nun intento de boicoteala, a UTE solicitou unha mediación sobre os servizos mínimos, que foi aceptada polos traballadores.

Entre outros, a UTE argumentou que estaba obrigada por contrato a cumprir os servizos mínimos que lle indicase Navantia e que, de non realizarse no prazo e forma sinalados, “a COMPAÑÍA [Navantia] poderá levar a cabo o ou os contratos de mantemento que estime precisos, que serán por conta do ADXUDICATARIO”.

A árbitra foi a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais e ditou o seu laudo o domingo 22, resolvendo que NON PROCEDE establecer servizos mínimos porque a actividade de Navantia “non afecta a ningunha das liberdades ou dereitos especialmente protexidos pola Constitución, nin a un ben xurídico constitucionalmente protexido”.

O laudo tamén aborda a esixencia do cumprimento dos servizos mínimos que Navantia establece en caso de folga, sobre o que di que “a ‘facultade’ da contratista [Navantia] de substituír ás persoas en folga por outras non vencelladas á UTE está literalmente prohibida polo artigo 6.5 do RDLRT [Real Decreto-Lei de Relacións de Traballo] e coñécese no mundo xurídico como ‘esquirolaxe’, proscrito polo ordenamento e claramente inconstitucional” (o subliñado é noso). A árbitra tamén ditou que o laudo ten eficacia de convenio.

Toda esta información foi transmitida á empresa o luns pola comisión de Industria Auxiliar do comité de empresa, a pesar do cal onte foron reparados dous guindastres por persoas alleas á UTE.

O comité de empresa de Navantia non pode tolerar por parte da dirección de Navantia unha actitude que ata a árbitra cualifica de “esquirolaxe”. De feito, tampouco a podería tolerar de non haber laudo porque RESPECTAR E FACER RESPECTAR O DEREITO DE FOLGA É ABECÉ DO SINDICALISMO DE CLASE E, INCLUSO, DO SIMPLE COMPAÑEIRISMO.

Neste senso, a CGT xa solicitou unha xuntanza urxente da permanente do comité, para abordar dúas cuestións:

1) A resposta a esta situación, que na nosa opinión debe empezar por un comunicado que informe de todos estes aspectos, que chame a tódolos traballadores da factoría a non substituír ós compañeiros en folga e que lle deixe moi claro a Navantia e as compañías que calquera nova agresión contra a folga terá unha resposta sindical contundente.

2) As medidas de solidariedade efectiva a tomar para axudar ós compañeiros a gañar este conflito, provocado polo intento das empresas (compañías e Navantia) de burlar o convenio provincial do Metal, que recolle o dereito de subrogación para os traballadores de mantemento nas empresas públicas.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol