post

O esperpento dos novos ingresos en Navantia

A CGT non participou na negociación dos novos ingresos. Pero onte fomos invitados á xuntanza da permanente do comité na que se decideu plantearlle á empresa que deixase en suspenso a convocatoria das prazas de profesionais junior para introducir algúns cambios no acordo xa asinado, a fin de ampliar o abano de titulacións afíns que permiten presentarse. A CGT estivo de acordo coa proposta, pero tamén dixemos que para nós había moitas máis cousas que deberían cambiar:

  1. No baremo de operarios e empregados hai puntuacións diferentes polo mesmo concepto, o que para nós non está xustificado. Mentres que a FP Dual en empresas do sector naval son 10 puntos no grupo A (especialidades 1 a 7), nos grupos B e C (especialidades 8 e 9) son só 8. Mentres que no grupo A se obteñen puntos por un curso de formación específica dun mínimo de 20 horas, nos grupos B e C se esixen 60 horas. Hai circunstancias similares respecto á formación transversal e o inglés. O lóxico é que o mesmo puntúe o mesmo en tódolos casos.
  2. Mentres que nas bases das prazas de operarios e empregados di que o límite de 3 anos de experiencia se refire a profesións asociadas á especialidade á que se opte, nas bases das prazas de técnicos superiores fálase de experiencia laboral a secas. Se nos atemos á literalidade do asinado, isto significa que un estudante que se vira obrigado a traballar para poder pagarse os seus estudos universitarios non podería presentarse, mentres que un estudante dunha familia desafogada economicamente, si.
  3. É contraditorio que nas prazas de operarios e empregados só se poida optar a unha especialidade, pero que nada impida que alguén que opte a unha praza universitaria opte tamén, co seu título de Bacharelato, a unha praza da especialidade 8 de operarios e empregados.

Pero o verdadeiramente relevante do acordo asinado é que contén aspectos moi cuestionables dende unha óptica sindical de clase:

  1. Todos sabemos que, cando o pasado decembro nos vendían as bondades do plan- convenio, un dos argumentos de máis peso foi que suporía a cobertura do 75% das prexubilacións con contratos fixos. Pero os contratos van ser eventuais. Isto, ademais de supoñer un engano, plantea unha gran pregunta: ¿está garantido que tódalas persoas que obteñan praza acabarán con contrato fixo? ¿Ou cabe a posibilidade de que algunha acabe despedida e se contrate a outra, o que significaría implantar entre a plantilla de Navantia unha precariedade até agora descoñecida? Esta non é unha cuestión menor. Os sindicatos asinantes deberían aclarar este punto.
  2. Os acordos da Comisión central de Emprego recollían (acta do 30 de abril, páx. 3) que para as prazas de operarios e empregados poderían presentarse titulados de FP ou persoas con experiencia profesional. Os acordos de Ferrol violan isto, posto que esixen titulación e experiencia, impedindo así que traballadores que están exercendo unha profesión, pero que non teñen esa titulación, opten ás prazas. Por se isto fose pouco, a experiencia dos candidatos/as non pode ser superior ós tres anos, o cal é unha barbaridade. Estas medidas están destinadas descaradamente a impedir que os compañeiros da industria auxiliar poidan na práctica optar ás prazas. A razón desta discriminación é que a dirección de Navantia aposta por un modelo de empresa no que a produción está subcontratada. Os profesionais da IA deben seguir nas súas compañías porque aí é onde teñen que estar para xerar maiores beneficios para os intereses privados, que é do que se trata. Por tanto, estes criterios para presentarse ás prazas son un aval sindical a este modelo de empresa e ás relacións laborais que conleva na industria auxiliar: precariedade, abusos empresariais, explotación dos traballadores.
  3. Os acordos de Ferrol tamén incumpren o contido da acta do 30 de abril no tocante á proba psicotécnica. Mentres a acta di expresamente (páx. 2) que "a proba psicotécnica non terá carácter excluínte", os acordos de Ferrol establecen que tódalas probas serán eliminatorias. A gravidade disto é que introduce un elemento de subxectividade totalmente inaceptable, similar á entrevista persoal dos técnicos superiores. Se Navantia paga ó "experto externo" encargado dos psicotécnicos, este fará o que Navantia lle diga. ¿Que perfil vai buscar ese "experto"? Moito nos tememos que un perfil de traballador submiso e resignado ante a precariedade e o empeoramento das condicións laborais, que é o que quere a dirección. Non nos vale que a empresa se comprometese a non aplicalo agás casos moi excepcionais, como se nos argumentou na reunión. O que conta é o que está escrito. Ademais, ¡como para fiarnos deste xefe de Persoal despois do intento de fraude que montou co "voto delegado" nas eleccións sindicais!
  4. O proceso para os técnicos superiores é particularmente escandaloso: unha proba de dinámica de grupo e unha entrevista persoal, nin unha soa proba obxectiva. Totalmente inaceptable. Parece que o comité saínte esqueceu o seu compromiso de demandar que tódalas contratacións de Navantia se fagan seguindo os mesmos criterios que rexen para o acceso ao emprego público (comunicado de 1/3/2018). Ademais, a pesar de que os actuais titulados medios da factoría pertencen ó grupo profesional 3, os de novo ingreso serán encadrados nos grupos 1 e 2, que gozan de menos dereitos porque os traballadores destes grupos están excluídos de toda unha serie de artigos do convenio. No canto de favorecer que toda a plantilla goce dos máximos dereitos, este acordo propicia o contrario.

¿Como se chegou a esta situación tan esperpéntica? Polo deterioro sindical que vivimos, que no terreo das negociacións se expresa como escurantismo. Negóciase en secreto, sen informar ós traballadores nin escoitalos, algo particularmente importante en temas como este para poder ter un coñecemento máis profundo e exacto da realidade. E cando os acordos asinados transcenden (porque o comité tampouco os distribúe, como é a súa obriga) e choven as queixas porque hai circunstancias non contempladas, entón a ver se a empresa ten a ben aceptar cambiar o xa asinado. Ás veces pode que á empresa lle conveña que cambie, como vimos no convenio: entre o 4 de decembro (día do preacordo) e o 17 (véspera do referendo) houbo catro textos distintos, produto do enorme malestar que se expresaba nas asembleas de tallo, que provocou modificacións co obxectivo de evitar a repetición dun IV Convenio. Ás veces pode que á empresa non lle importe que cambie (aínda que, por suposto, cobrará ese favor no futuro). Pero se un día a empresa se nega a aceptar cambios nunha acta xa asinada, ¿que?

UNHA ACTA ASINADA É UNHA COUSA MOI SERIA. O MELLOR É NEGOCIAR CON LUZ E TAQUÍGRAFOS, CONTANDO COS TRABALLADORES, PARA ASÍ PODER DETECTAR O QUE HAXA QUE MELLORAR ANTES DE ASINAR NADA.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

[Ferrol] Un laudo arbitral anula o «voto delegado» inventado por CCOO en Navantia

CGT, CIG, MAS e UGT de Navantia fixeron público o seguinte comunicado conxunto:

O pasado 16 de xullo ven de emitirse o Laudo Arbitral que resolve a impugnación presentada ante a Autoridade Laboral (Oficiña Pública de Rexistro) polos sindicatos CIG, CGT, Mas e UGT contra a decisión da Mesa Electoral Central de habilitar, atendendo unha petición de CCOO, un procedemento de voto baixo o nome de "voto delegado".

O Laudo, na súa fundamentación xurídica afirma textualmente que:

  • A cuestión que se somete a arbitraxe é a de determinar a validez do procedemento de voto delegado.
  • O procedemento do voto delegado foise perfilando nos días seguintes á aceptación da solicitude, tal como consta nas actas nº 5, 6 e 7 da Mesa Electoral Central.
  • Non consta, máis ben parece que o contrario, que os traballadores que tiñan a condición de electores tiveran suficiente coñecemento deste medio de votación e dos requisitos que debería cumprir para exercer o voto delegado.
  • O exercicio do voto delegado non se contempla na regulación legal da materia electoral.
  • En todo caso a forma en que se levou a cabo o voto delegado non tivo garantías suficientes, nin publicidade, nin consenso, nin información ós traballadores.
  • Que o proceso de elección de representantes dos traballadores na empresa está rexido por normas de procedemento subtraídas á vontade das partes xa que non é unha institución de "dereito privado" senón de Dereito Público. É obvio por tanto, que non está no poder de disposición das partes intervintes no proceso, alterar a súa regulación legal.

Por todo elo, dicta Laudo polo que acorda: ESTIMAR a impugnación presentada, RESOLVENDO anular a resolución que establece o sistema de "voto delegado" e os actos posteriores derivados.

O laudo é claro e rotundo, recoñece como válidos todos e cada un dos argumentos expresados polos sindicatos que impugnamos e anula o procedemento do voto delegado.

Expresamos pois a nosa satisfacción, conscientes de que si non tivéramos actuado, podería terse perpetrado un fraude electoral pola alteración ilegal das normas de votación e pola falla de garantías que este sistema de votación conten, tal e como o propio Laudo recoñece.

Finalmente, foi a nosa presión a que freou esta iniciativa ilegal, foi a nosa presión a que forzou a modificar sobre a marcha este sistema de votación, foi a nosa presión a que impediu que os votos delegados contaminaran o proceso electoral.

Para os sindicatos asinantes, nada hai mais importante que a vontade dos traballadores e traballadoras expresada có seu voto, ese é o motivo de ter presentada esta impugnación que como o Laudo demostra é xusta, razoable e legal.

 

post

[Ferrol] CGT entra con forza no Comité de Empresa de Navantia

A CGT obtivo 3 delegados nas eleccións sindicais de onte, Xaquín García Sinde e Javi Losada, por Técnicos, e Vicente Ferrer, por Man de obra. Ademais, superamos en votos á UGT globalmente e tamén superamos á CIG no colexio de Técnicos. Tódolos inicios son difíciles, e máis nunha fábrica de tanta tradición sindical como a nosa. Por tanto, estes 3 delegados é un resultado moi digno (e sen chamadas telefónicas nin visitas de última hora ós afiliados). Agradecemos a tódalas persoas que nos votaron o apoio a un sindicalismo de clase coherente e a confianza depositada na CGT. Os resultados globais son:

*Total 2019Total 2015Man de obra 2019Man de obra 2015Técnicos 2019Técnicos 2015
CCOO9115744
CGT312
CIG453312
MAS442222
UGT332211
Total23231314109

Como se ve, CCOO sufre un severo retroceso, perdendo 2 delegados. É a primeira vez que CCOO baixa dos 10 delegados e tamén do 40% dos votos. De feito, CCOO deixouse nestas eleccións nin máis nin menos que dez puntos porcentuais, baixando dun 47% en 2015 a un 37% agora.

Pero hai outro dato a destacar: a CGT quedou a só un voto de obter un cuarto delegado (que perdería UGT en Man de obra). De ter ocorrido isto, significaría que, por primeira vez, CCOO e UGT non sumarían maioría absoluta, abríndose así a posibilidade teórica de que CCOO incluso chegase a perder a presidencia do comité de Ferrol. Non estamos nesta posibilidade por un só voto, pero en calquera caso este dato ilustra moi ben a tendencia ó declive dos sindicatos que nos últimos anos están a colaborar coa empresa no recorte dos dereitos dos traballadores, UGT a raíz do IV Convenio e CCOO a raíz do Convenio único.

Por iso estes resultados tamén representan un claro rexeitamento dos traballadores á dirección de Navantia, cuxos intentos de interferir nestas eleccións foron descarados: fraude no censo electoral na factoría de San Fernando (inflado pola empresa con xente de Cartagena), parcialidade escandalosa do xefe de Persoal de Ferrol, que actuou como tal dende a presidencia da Mesa electoral central (toda a chafallada do voto "delegado", que finalmente non se contabilizou), anuncios de promocións e aumentos salariais no día de onte… Pero a xente non é tan parva como algúns se pensan, e estas manobras tiveron o efecto contrario ó buscado.

Para analizar estes resultados en profundidade e decidir os seguintes pasos a dar pola CGT, convocamos unha:

 ASEMBLEA DE AFILIADOS/AS E SIMPATIZANTES o xoves 11 ás 10:00 h. no salón de plenos do comité

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

 

post

[Ferrol] Navantia: Agora enténdense algunhas cousas

Durante décadas, a empresa pagoulles liberados ós sindicatos sen estar obrigada por ningunha norma legal (ou sexa, eses liberados non eran membros dun comité nin delegados dunha sección sindical).

Cando, en xullo de 2012, o goberno de Rajoy ordenou a súa total eliminación, Navantia mantiña 17. A empresa comunicou a situación ós diferentes sindicatos en setembro de 2012. Un ano máis tarde, ordenou que algúns volvesen ó traballo; en concreto, eliminou o liberado da CIG e os 2 da USTG, pero mantivo 5 de CCOO e 3 de UGT.

A CIG denunciou a Navantia por discriminación, e gañou. Como a sentenza obrigaba a repoñer o liberado da CIG, a empresa optou por poñer fin á discriminación eliminándoos todos. Pero o interesante desa sentenza está no apartado de "Feitos probados", que recolle as razóns de Navantia para manterlles eses 8 liberados a CCOO e UGT.

En primeiro lugar, a sentenza reproduce literalmente un escrito da dirección de Navantia (de novembro de 2013, en pleno IV Convenio) solicitando permiso para mantelos: "Esta proposta ten como obxectivo continuar mantendo un diálogo fluído coas federacións de CCOO e UGT, así como o interese de Navantia en que se poidan manter determinados cargos sindicais, tanto locais como nacionais, que contribúan a evitar a confrontación e faciliten a resolución de conflitos nos distintos centros".

Despois reproduce un escrito, aportado a autos por Navantia, no que se pode ler: "a Dirección de RRHH de Navantia (…) convén na necesidade de situar dentro das estruturas sindicais, tanto locais como nacionais, determinados cargos que contribúan á representacióndos intereses de Navantia en ditos ámbitos e, especialmente, á resolución de problemas e conflitos que con frecuencia se orixinan nos centros de traballo, afectando tanto á plantilla propia como da industria auxiliar".(Os subliñados son nosos).

Ese escrito tamén di: "Para a elaboración desta proposta, se tivo en conta os intereses de Navantia antes mencionados, en relación especialmente con ditas centrais, cuxa contribución ó desenvolvemento estratéxico de Navantia é fundamental, especialment nos momentos actuais de transformación da Compañía e de preparación do seu Plan Estratéxico para os vindeiros anos".

Agora se entenden mellor algunhas cousas que pasaron nos últimos anos (e que seguen a pasar).

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

 

post

[Ferrol] Navantia: o «voto delegado» non é legal

Dentro do proceso de Eleccións Sindicais en marcha, a Mesa Electoral Central a petición de CCOO, decidiu poñer en marcha un mecanismo de voto anticipado que chaman "VOTO DELEGADO".

Ante esta situación, os sindicatos asinantes (CIG, CGT, MAS e UGT) vémonos na obriga de informar ós traballadores das consecuencias desta iniciativa:

  1. Este método de votación non está recollido na lexislación vixente, non ten soporte xurídico algún e polo tanto sitúase claramente fora da lei.
  2. En consecuencia, aqueles traballadores que desexen votar e non poidan facelo presencialmente o día 9, deberán empregar a modalidade de VOTO POR CORREO nos termos que a Mesa Electoral Central ten comunicado (a data tope para solicitalo e o día 4).
  3. Os traballadores que xa teñan empregado esta modalidade de votación de voto delegado deben saber que a única garantía de que o seu voto sexa válido e realizalo por correo. O voto delegado pode ser manipulado durante a súa custodia ou anulado pola Autoridade Laboral.
  4. En consecuencia temos presentados escritos de impugnación ante a Mesa Electoral Central e estamos á espera de respostas durante o día de hoxe.
  5. Si non recibimos resposta ós escritos presentados impugnaremos esta decisión da Mesa Electoral Central ante a Autoridade Laboral Provincial mañán mércores.

Secciones Sindicais en Navantia de CIG, CGT, MAS e UGT

 

post

[Ferrol] Navantia: A dirección e o Comité boicotean á CGT

A principios de febreiro, trala constitución legal da nosa sección sindical e a comunicación de tal feito á dirección de Navantia, a CGT solicitoulle é empresa un correo electrónico corporativo, que nos foi denegado. Tras esa negativa, e dado o silencio do comité ante a nosa petición de que interviñese para que se nos facilitase o correo, denunciamos á empresa perante a Inspección de Traballo, que resolveu ó noso favor.

Pero a Inspección non só se pronunciou sobre o correo, senón que requireu á empresa "para que proporcione á sección sindical da CGT os mesmos medios técnicos e materiais para facilitar a súa difusión e comunicación que ás restantes seccións sindicais, advertindo que de non facelo así estaría incurrindo en lesión ós dereitos dos representantes legais dos traballadores, tipificado como infracción no artigo 7.8 da Lei sobre Infraccións e Sancións no Orden Social". Dito artigo tipifica a infracción como grave.

A resolución da Inspección baseouse nin máis nin menos que nunha sentenza do Tribunal Constitucional, que a resolución cita: "O lexislador (…) contempla tamén obrigas de terceiros dirixidas á promoción dese dereito (contido adicional do dereito á información sindical), isto é, accións positivas favorecedoras da comunicación entre o sindicato e os traballadores. Faino impoñendo cargas ó empresario, como a de facilitar en determinados casos ás seccións sindicais dos sindicatos máis representativos ou con implantación na empresa certos medios materiais, instrumentais para o mellor desenvolvementoda actividade sindical e en particular da difusión da información sindical. Así ocorre cos dereitos a un taboleiro de anuncios e a un local axeitado naquelas empresas ou centros de traballo con máis de douscentos cincuenta traballadores"(os subliñados son nosos).

¿Ten a CGT implantación en Navantia-Ferrol? Si. ¿Ten Navantia-Ferrol máis de 250 traballadores? Tamén.

Por tanto, apoiándonos na resolución da Inspección, o pasado 16 de maio solicitamos á dirección un local para a nosa sección sindical (tanto máis necesario dada a cercanía das eleccións sindicais). A única condición que puxemos foi que tiña que estar na planta baixa do edificio do comité, ó igual que os locais das restantes seccións sindicais. Na planta baixa hai actualmente tres locais que non están ocupados por ningunha sección sindical, pero non pedimos ningún en particular.

Dende esa data, nos interesamos en varias ocasións polo tema: primeiro, que se tiñan que consultar con Madrid; despois, que llo tiñan que comunicar ó comité, etc., etc. O martes da semana pasada volvemos a falar coa empresa, dixémoslle unha vez máis que non había absolutamente ningún motivo para que a CGT non puidese dispoñer de inmediato do local que a lei nos outorga e esixímoslle que nolo facilitase antes do luns 10, día no que comeza o proceso das eleccións sindicais de Navantia. Estamos a 10 e seguimos sen local.

Pero se esta actitude boicoteadora por parte da dirección de Navantia contra a CGT é impresentable, aínda é máis impresentable que o comité de empresa a comparta. Actuando, unha vez máis, en comandita coa dirección(como en tantas outras cousas: implantación do modelo de empresa baseado na subcontratación masiva, degradación das condicións laborais dos traballadores da industria auxiliar, recortes no convenio da principal…), o comité de empresa négase a que a CGT dispoña dun local, alegando que non temos dereito a el. ¡Como se iso o decidisen eles!

En datas recentes, o comité de empresa negouse a poñer a votación na asemblea xeral propostas que non lle gustaban, abandonando o seu presidente a mesma levándose o micrófono consigo. Agora, pasándose polo arco do triunfo unha resolución da Inspección de Traballo e unha sentenza do Tribunal Constitucional, o comité se nega a que a sección sindical da CGT teña un local. ¿Cal será o seguinte paso nesta deriva? ¿Dicir que os taboleiros de anuncios son deles e que a CGT non pode colocar comunicados? ¿Decretar que a CGT non pode presentarse ás eleccións sindicais?

A CGT non tolerou o atropelo antidemocrático por parte da dirección de Navantia cando nos negou o correo electrónico, e tampouco imos tolerar este novo atropelo antidemocrático por parte da empresa e o comité. E se cren que sumando as súas forzas van ter máis éxito que co correo, xa lles dicimos que se van volver equivocar.

Todo isto é moi grave. Pero non só polo que ten de vulneración dos dereitos democráticos da CGT e de violación da lei, senón sobre todo porque demostra a DEXENERACIÓN que sofren algúns sindicatos, especialmente CCOO, cuxosdirixentes actúan cada vez máis en conivencia coa empresa.

Esta violación dos dereitos da CGT é un ataque contra todos aqueles traballadores/as que queremos un movemento sindical que sexa unha ferramenta de loita para a defensa dos nosos intereses de clase, non un apéndice das direccións das empresas. Neste senso, se hoxe, día que comeza o proceso electoral, non se pon a disposición da nosa sección sindical un dos tres locais dispoñibles na planta baixa do edificio do comité de empresa, tomaremos tódalas medidas que fagan falla para acabar con estes comportamentos ditatoriais dignos dunha empresa franquista e do seu Sindicato Vertical.

Facemos un chamamento a tódolos traballadores con conciencia de clase a fortalecer a CGT, o único sindicato que non se resigna, o único sindicato que está demostrando vontade, firmeza e coherencia á hora de defender os intereses dos traballadores fronte á empresa.

PARA QUE AS COUSAS CAMBIEN, ELIXE CGT !

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

 

post

[Ferrol] Navantia perde un xuízo en San Fernando

Como sabedes, en xaneiro de 2018 a empresa pagara os atrasos das asimilacións correspondentes ó período 2014-2017, ambos anos inclusive. Uns meses máis tarde, un compañeiro da nosa factoría obtivo unha sentenza xudicial favorable á súa reclamación de intereses por ditos atrasos.

A semana pasada houbo unha nova sentenza, esta vez por unha demanda de conflito colectivo na factoría de San Fernando presentada polos compañeiros do sindicato SAT. A sentenza desta demanda do SAT recoñece o dereito de tódolos traballadores desa factoría a cobrar determinados intereses. A sentenza é recorrible, pero en calquera caso é outra sentenza que tamén nos dá a razón ós traballadores.

A dirección de Navantia presume de moderna. Pois hai que dicirlle que non pagar o que se lles debe ós traballadores é bastante rancio. Se a dirección é tan moderna como quere aparentar publicamente, QUE EMPECE POR NON RECORRER ESTA SENTENZA CONQUISTADA POLO SAT EN SAN FERNANDO E QUE CONTINÚE POR PAGAR OS INTERESES A TÓDOLOS TRABALLADORES AFECTADOS, SEXAN DE SAN FERNANDO OU DE CALQUERA OUTRA FACTORÍA. Menos gastar cartos en cousas totalmente superfluas e innecesarias como o cambio de logo (que, dito sexa de paso, estaría ben saber por canto vai saír) e máis pagar as débedas.

Sección Sindical Unitaria en CGT Navantia-Ferrol

 

post

[Ferrol] Asembleas parciais en Navantia

PRESENTACIÓN DAS LIà‘AS BÁSICAS DO PROGRAMA DA CGT

Luns 3: Taquillas de Maquinaria ás 10:00 h.

Martes 4: Sala Técnica ás 07:00 h. Taquillas de Aceiros ás 10:00 h.

Mércores 5: Centralizado ás 10:00 h.

Xoves 6: Taller de Electricidade ás 10:00 h.

Venres 7: Salón de plenos do comité ás 10:00 h.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

[Navantia Ferrol] Outra vaca no maínzo

Navantia tamén ten as súas portas xiratorias, os seus transvasamentos dende postos de responsabilidade na empresa pública á empresa privada.

En 2005, o número dous de Izar dimiteu para formar a empresa que o ano seguinte comprou Izar-Sestao. Máis recentemente, en 2017, o que ata había pouco fora o director de Fene-Ferrol converteuse en director xeral dunha empresa do Grupo Daniel Alonso, propietario de Windar.

Agora temos un novo caso: un individuo que ata hai ben pouco aparecía no organigrama como adxunto á Dirección Comercial e Desenvolvemento de Negocio corporativa, vencellado á eólica mariña, e que tamén foi unha das persoas que o ano pasado non se xubilou cando cumpreu os 65 anos, fichou por Windar ós poucos días de entrar no ERE, operación grazas á cal se embolsará decenas de milleiros de euros libres de impostos en concepto de indemnización por un suposto despedimento.

¿TODO LEGAL? PODE SER. ¿ÉTICO? PARA NADA. TODO O CONTRARIO: É UNHA VERGONZA E UNHA INDECENCIA.

Para xustificar o plan, cansamos de oír (lamentablemente non só pola parte empresarial) que a situación da empresa era delicadísima, que estaba ó borde da bancarrota, que as asimilacións e outros aspectos do convenio eran unha carga económica excesiva, que o futuro de Navantia podía estar en perigo… Pero unha vez máis demóstrase que, para o que lle interesa á dirección da empresa, hai cartos dabondo. ¡Que se deixen de lerias!

E unha vez máis demóstrase tamén que hai directivos de Navantia que parasitan a empresa pública en beneficio de intereses privados. Este individuo andaba o xoves pasado revoloteando por Informática a última hora da xornada. ¿A que andaba? Con toda seguridade, na busca de información ou dalgunha comenencia para a súa nova empresa. É inexplicable que a Dirección o deixe entrar. Ou, visto o visto, quizais non tan inexplicable.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Cousas que aclarar sobre o Plan de Emprego [Navantia-Ferrol]

O 30 de abril asináronse o Plan de Emprego de Navantia 2019-2022 e unha acta sobre novos ingresos. Ademais, o 8 de maio consensuouse o documento "Procesos de selección", que empeza a entrar en detalles.

Eses acordos alcanzáronse nunha das cinco comisións establecidas polo Convenio Único. Por tanto, e dada a importancia do tema, o comité de empresa debeu sometelos a unha asemblea xeral, previo proceso informativo quepermitise aclarar algúns aspectos, que na nosa opinión hai que aclarar.

Os documentos asinados recollen algún aspecto positivo, como buscar unha solución ós actuais eventuais. Non é de recibo que esas prazas se convoquen de novo. Se unha praza eventual pasa a ser fixa, o lóxico é que o traballador eventual pase a ser fixo. Tamén é positivo que o psicotécnico non sexa eliminatorio. Pero outras cousas necesitan aclaración por parte do comité:

  1. A primeira é: ¿como é posible que, despois de cansar de repetir que o 75% das prexubilacións se ían cubrir con contratos fixos, o comité acepte agora que, como criterio xeral, os novos ingresos entren con contrato eventual?
  2. Tamén sorprende que o Plan de Emprego recolla (páx. 4) que "aproximadamente o 70% das entradas serán traballadores sen experiencia" e que as restantes "poderán ser de profesionais con experiencia". Non é coherente. E con isto non queremos dicir que non poida entrar xente sen experiencia (ou con moi pouca), senón que non se debería excluír da maioría das prazas a quen a teña.
  3. Por se non quedase clara cal é a intención, a acta do día 30 recolle (páx. 3) outra cousa sorprendente: "acórdase que nos procesos de selección de operarios e empregados poidan participar tamén como candidatos aquelas persoas con titulación de bacharelato, ademais dos titulados de FP de grao medio/superior, ou aquelas persoas con experiencia profesional".

A isto hai que lle engadir que o documento "Procesos de selección" recolle (páx. 6) que a primeira proba para as prazas de operarios e empregados será un exame teórico eliminatorio, no que pasarán ó exame práctico 3 persoas por praza. Ou sexa, o mesmo esquema que nas prazas de profesionais do plan de 1999, que tanto se criticou. Pero cunha diferenza a peor: daquela pasaron ó práctico 5 persoas por praza.

Se se tratase de prazas de aprendices, sería correcto non esixir nin experiencia nin titulación profesional. Pero como se trata de prazas de profesionais, parécenos unha barrabasada, por varios motivos:

  1. Non é razoable que a maioría das prazas de profesionais sexan para persoas sen experiencia.
  2. Non é razoable que persoas que non teñen absolutamente nada que ver cunha profesión se poidan presentar para ela. Se son prazas de profesionais, só deberían poder presentarse dous perfís: titulados na profesión (aínda que non teñan experiencia) e profesionais experimentados (aínda que non teñan esa titulación profesional). Este Plan de Emprego devalúa a profesionalidade dos traballadores. E tamén a Formación Profesional. ¿Non se esixe titulación para as prazas universitarias? ¿Por que, entón, para as de profesionais chega co bacharelato, o cal ademais implica que un estudante universitario poderá presentarse e outro que entrase na FP directamente dende a ESO non, aínda que estea estudando a profesión da praza?
  3. Se ademais lle sumamos que o primeiro exame vai ser o teórico, podemos atoparnos con que un estudante totalmente alleo a unha profesión, pero que ten hábito de estudo e tempo para preparar o exame teórico, deixe fóra a profesionais que deixaron de estudar xa hai un tempo ou que está n traballando unha chea de horas diarias en calquera compañía ou empresa de por aí.

Navantia vén sufrindo dende 1999 unha redución moi importante na súa capacidade, redución que esta prexubilación agrava porque a cobertura será só do 75%. De feito, na acta do 4 de abril da Comisión Central de Emprego a empresa di (páx. 3) que "urxe axilizar as contratacións para garantir o normal desenvolvemento dos traballos en curso". Como se explica entón que se queira sobre todo xente sen experiencia? Porque Navantia quere seguir afondando no proceso de subcontratación, especialmente de toda a man de obra. Por iso non se querenprofesionais experimentados. Nin tampouco que os profesionais da Industria Auxiliar entren en Navantia, para que así os exploten ben explotados os piratas das compañías, que teñen problemas para atopar bos profesionais pola precariedade e as malas condicións laborais que ofrecen, o que provoca que a xente fuxa do sector ou emigre. Para prazas de profesionais se debe esixir titulación ou experiencia profesional. E se non é así, entón o primeiro exame eliminatorio ten que ser o práctico, non o teórico. As prazas de profesionais teñen que ser para persoas da profesión.

No documento "Procesos de selección" tamén se recolle (páx. 8) outro aspecto das prazas de operarios e empregados a aclarar. Primeiro di que "os períodos de prácticas formativas das titulacións non se contabilizarán como experiencia laboral conforme marca a lei". E a continuación di que "valorarase o período de prácticas da FP Dual no proceso de selección". Que quere dicir isto? Porque nesta empresa tamén fan prácticas estudantes da FP non dual, e non sería xusto valorar os períodos de prácticas duns e non valorar os dos outros. Ademais, ¿que lei é esa? Que o digan. Porque xa temos oído demasiadas veces a escusa da lei: había que pechar os economatos porque a lei europea os prohibía (e o de Fene sigue aí), a lei non permitía que os de 64 anos cumpridos entrasen no ERE (e entraron os de 64 e tamén os de 65), etc.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol