post

Balance da Folga Xeral en Ferrolterra

Este é o primeiro contido da Folla da CGT número 57. Este boletín infromativo da CGT de Navantia contén, ademáis, o seguinte:

  • A cuestión do teletraballo en Navantia
  • A necesidade de organización na Industria Auxiliar
  • Novos ingresos. Concentración o xoves, día 18, ás 9:15 diante dos Xulgados de Ferrol
  • Visita da presidenta
  • O ERE anunciado por Gabadi

Pódese ler ou descargar a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: Folla da CGT número 56

Este número 56 presenta o seguinte contido:

  • Fin da folga na UTE de mantemento tras cinco semanas
  • Chamamento á Folga Xeral do 10 de marzo
  • O futuro de Turbinas
  • Mobilización en Correos de Narón
  • Xuízo gañado e cobrado
  • Desigualdade nos anticipos

Pódese ler ou descargar este número da Folla da CGT premento nas ligazóns do final desta entrada.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

8 de marzo, todas á rúa

Este é o titular do número 55 da Folla da CGT, editao pola Sección Sindical Unitaria en Navantia de Ferrol. Ademáis, este número contén o seguinte:

  • O misterio dos contactos estreitos negativos por Covid na Industria Auxiliar
  • O teletraballo non é cuestión de negociación individual
  • Os novos ingresos
  • O aumento salarial de 2020
  • Habilitación de áreas de descanso
  • Horas dos delegados sindicais de febreiro

Pódese abrir ou descargar a Folla picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

10 de marzo: folga xeral comarcal en Ferrolterra

Basta de agresións contra a clase traballadora!

Rescatar as persoas, non as empresas!

10 de marzo: todas e todos á Folga Xeral!

Ferrolterra leva décadas padecendo unha grave crise: reconversión de Astano e reducións de persoal en Navantia, até o peche de moitas pequenas e medianas empresas. Nos últimos tempos a situación agravouse cunha nova onda de EREs ou peches: Poligal, Cándido Hermida, Noa, Galicia Textil, Gamesa, térmica das Pontes, centos de despedimentos na industria auxiliar de Navantia… Pode dicirse o mesmo da Mariña, onde só a loita obreira puido evitar de momento os despedimentos en Alcoa.

Os traballador@s desta comarca tamén vimos sufrindo, como o resto da clase obreira do Estado español, ataques permanentes en forma de contrarreformas laborais, contrarreformas das pensións, recortes nos servizos públicos (nomeadamente sanidade e ensino) e mesmo recortes nos dereitos democráticos (Lei Mordaza).

Todo isto non é consecuencia dun cataclismo natural, senón dunha política consciente por parte dos empresarios e os seus representantes políticos para EMPOBRECER á clase traballadora, e así ENRIQUECERSE eles aínda máis.

Para evitar a nosa resposta, os traballador@s sufrimos un constante bombardeo de mentiras para facernos crer que, se ás empresas lles vai ben, entón ós traballador@s tamén nos irá ben e, xa que logo, debemos mirar polos intereses da empresa. Nada máis falso.

En primeiro lugar, porque sobran os exemplos (o último Gamesa) de empresas que, tras irlles moi ben, pecharon.

E en segundo lugar, porque que haxa emprego (ou carga de traballo en Navantia) só é a metade do problema. A outra metade son as condicións laborais en que traballamos. Os empresarios e a dereita téñeno claro: hai que conformarse co que hai, pedir dereitos xa é vicio. Para a CGT, a actitude é toda a contraria: para mirar polos intereses das empresas xa están os empresarios; os traballadores temos que mirar polos nosos intereses propios, polos nosos intereses de clase porque se non miramos nós por eles, non mirará ninguén.

Hai un profundo malestar social latente pola situación sanitaria, económica e laboral. Se aínda non se converteu nunha protesta masiva é fundamentalmente polo papel de CCOO e UGT, empeñados nunha política de paz social que nos debilita e que na práctica equivale a colaborar nos ataques que sufrimos. Só hai que mirar o que fan en moitas empresas ou nas compañías de Navantia.

O desemprego, a desindustrialización, o empobrecemento non afectan  exclusivamente a Ferrolterra. Estamos ante unha auténtica guerra dos capitalistas contra toda a clase obreira. Esta situación ten unha causa: a economía de libre mercado, o capitalismo, un sistema que non pensa no benestar da maioría da sociedade, senón nos beneficios privados. As mesmas grandes empresas que levan anos amasando beneficios e recibindo moreas de cartos públicos deixan na rúa ós traballador@s, queren que sexamos nós os que paguemos os pratos rotos da súa crise.

A situación é grave. A CGT convoca a folga xeral do 10 de marzo en Ferrolterra e chama a tódolos traballadores e traballadoras a secundala. A CGT vai a esta folga coas reivindicacións que os traballador@s necesitamos:

  • En defensa de tódolos empregos.
  • Carga de traballo para Navantia.
  • Contratación directa por Navantia da man de obra que necesita. Fóra a subcontratación. Por unha Navantia 100% pública.
  • Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro de Siemens Gamesa.
  • Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro da térmica das Pontes para, en combinación coa factoría das Somozas, crear un polo industrial de enerxías limpas e sostibles.
  • Derrogación das reformas laborais e de pensións, tanto a de Rajoy como a asinada por Zapatero con CCOO e UGT. Redución da idade de xubilación con contratos de relevo.
  • Por un Salario Mínimo Interprofesional de 1.200 € e un subsidio de desemprego indefinido igual ó SMI.
  • Traballar menos para traballar tod@s: xornada laboral de 35 horas sen redución salarial.
  • Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro da banca, para acabar cos abusos dos bancos privados e dispoñer de recursos para crear empregos e eliminar a lacra do paro.

É un erro pedir que o Estado entregue cartos públicos ás empresas privadas. Esa non é a solución, é xustamente o problema. O único xeito de defender os empregos existentes e unhas condicións laborais dignas é substituíndo as políticas económicas actuais, que antepoñen os intereses empresariais, por outras que antepoñan o benestar das persoas.

Por iso a CGT rexeita a participación da dereita e a patronal na manifestación. ¿De verdade que os que nos despiden están preocupados polos parad@s? O único que queren son cartos para eles. ¿Imos permitir que o PP se presente como defensor dos traballadores cando a súa reforma laboral permitiu que Gamesa pechase e cando atrasou as F-110 durante dous anos porque o seu ministro Morenés quería beneficiar á súa antiga empresa?

Non é coa dereita e a patronal de Ferrolterra con quen nos temos que unir, senón cos traballador@s doutras comarcas, para convocar unha folga xeral en Galiza que sexa un primeiro paso para a convocatoria dunha folga xeral en todo o Estado.

A renuncia do goberno de coalición a romper coas políticas capitalistas faise cada día máis evidente, envalentonando á dereita e ós sectores máis reaccionarios do aparato do Estado. As faragullas do chamado "escudo social" non frean a sangría social. Os fondos europeos para as empresas pagarémolos con máis austeridade. Estase a preparar unha nova onda de recortes, empezando pola reforma das pensións do ministro Escrivá.

O PSOE está xirando á dereita e tenta recompoñer as relacións co PP para sacar adiante esa axenda, o que agudiza os choques con Unidas Podemos, que ten que dar un puñazo na mesa, non lexitimar esas políticas e tomar o camiño da mobilización, o único que permite arrincar dereitos.

Si temos forza. Fai falla dicir ¡BASTA! mediante unha REBELIÓN SOCIAL DA CLASE TRABALLADORA. Outro sindicalismo é posible e necesario. Fai falla un sindicalismo combativo, de clase e asembleario, e tamén anticapitalista porque temos que atacar a raíz do problema, que é este sistema inxusto. Fai falla fortalecer o sindicalismo que representa a CGT.

DEFENDAMOS CADA POSTO DE TRABALLO

MANIFESTACIÓN as 12:00

CGT de Ferrolterra

 

 

post

Folga xeral na comarca ferrolá

O 10 de marzo a CGT convoca folga xeral na comarca. Este é o primeiro dos temas incluidos na Folla da CGT de Navantia no seu número 54. O resto das cuestións son as seguintes:

  • O COVID e o teletraballo
  • O despedimento de Cartaxena
  • Cinco semanas de folga indefinida na UTE de mantemento
  • Novidades sobre os novos ingresos
  • Finiquito d@s prexubilad@s

Quen estea interesado en ler ou mesmo descargar este número, pode facelo picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Xa saíu o número 53 da Folla da CGT de Navantia

Este novo número da Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia Ferrol comeza esixindo a readmisión inmediata dun compañeiro de Cartaxena e o cese dos responsables. Tamén inclúe o seguinte:

  • Reunións cos grupos parlamentarios do Congreso
  • Solidariedade coa loita e mobilizacións do mantemento
  • Brote de Covid-19 na Industria Auxiliar
  • Últimas novidades sobre os novos ingresos

Oas persoas interesadas na Folla poden vela ou descargala picando nas ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Ataque antisindical da patronal e de Navantia á Industria Auxiliar

O prego da licitación do mantemento recolle que o traballo que agora fai unha compañía (a UTE Tecman-Electro Rayma) se repartirá entre un mínimo de cinco empresas. Non hai ningún motivo técnico para isto. É unha nova agresión antisindical da dirección de Navantia e da patronal da IA.

Os traballadores subcontratados do Mantemento teñen un comité que nunca se dobregou ante a patronal, e que defende os dereitos do convenio e os acordos do naval, que tanto custou conquistar. Isto levou a que, en represalia, 15 destes compañeiros fosen despedidos en outono do 2019. A resposta de toda a plantilla foi unha folga indefinida. E o resultado, a readmisión de tódolos despedidos, tras case tres semanas de folga.

Este exemplo deloita é o que queren represaliar Navantia e a patronal da IA. Dividindo os traballadores entre un mínimo de cinco compañías, o que pretenden é cargarse o Comité de Empresa do Mantemento, para despois atacar os traballadores. Por iso a dirección de Navantia ocultoulle ó comité da principal que a licitación seía repartir entre varias compañías.

É unha agresión antisindical, é un ataque ó conxunto dos traballadores. Non podemos permitir que sigan a mexar por nós. Tódolos traballadores da factoría debemos responder. Os compañeiros do Mantemento decidiron onte en asemblea facer hoxe unha concentración na porta. A CGT chama a tódolos traballadores a solidarizarse acudindo á mesma.

CONCENTRACIÓN

Hoxe ás 11:00 na porta do Arsenal

Se atacan a un, atácannos a tod@s!

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: hai que pasar á ofensiva en mantemento

Este chamamento figura no número 47 da Folla da CGT, que ven de ser publicada. Ademáis, neste número aparecen os seguintes temas:

  • A cuestión do cartucho: a decisión corresponde axs traballadorxs
  • Estamos sen calendario laboral
  • Que pasa coa suba do 2% no 2020?
  • Os líos dos novos ingresos
  • Silenzo cos compañeirxs de Sestao

Quen teña interés pode abrir ou descargar a Folla picando las ligazóns de embaixo.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol

 

post

Navantia: todos á mobilización en defensa dos empregos o 17-D

Os traballadores de Navantia debemos contribuír ó éxito da folga comarcal que está convocada para mañá nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, acudindo masivamente á cadea humana que unirá os concellos de Ferrol e Narón entre as 11:00 e as 13:00 h.

Coa escusa da pandemia, disparáronse os despedimentos, os peches, os recortes salariais e de dereitos, provocando un sufrimento brutal á nosa clase: os desafiuzamentos, as colas da fame, a fenda dixital ou os recortes en educación e sanidade golpean especialmente ós traballador@s máis vulnerables.

Tan só na nosa factoría, milleiros de empregos foron desmantelados nos últimos dous anos. Cando se entregue o AAOR-2 serán moitos máis. A perspectiva é moi dura. A destrución de emprego é un cancro que se estende por todo o Estado español, facendo moi difícil atopar traballo noutro lugar. Na nosa comarca, empresas coma Poligal, Noa, Cándido Hermida, Gamesa ou a central térmica das Pontes súmanse ó desastre de Navantia. A situación é similar no resto do Estado: Nissan ou Alcoa son só a expresión más avanzada dun proceso que afecta a toda a industria (automóbil, aeronáutica, electrointensiva, enerxética…) e, por tanto, ó resto dos sectores económicos.

Mentres despiden, pechan fábricas e recortan salarios e dereitos, a patronal e a banca non paran de esixir cartos públicos e de amasar beneficios. Alcoa (2.500 millóns en axudas do Estado en dúas décadas) ou o rescate multimillonario da banca son dous exemplos dun proceso sistemático e xeneralizado de parasitismo que a pandemia está a acelerar: os centos de miles de millóns de euros do escudo social anunciado polo goberno están indo a parar ós grandes capitalistas, xa sexa mediante axudas directas ou indirectas. Por exemplo, os ERTES están permitindo que as empresas non teñan que empregar os beneficios millonarios amasados ano tras ano (500.000 millóns só en 2019) en pagar salarios dos traballadores, a costa dun endebedamento do Estado que pagamos os traballadores.

Non hai cartos para implantar un subsidio de desemprego digno e indefinido para tódolos parados, pero si os hai para a banca é as grandes empresas. Isto non é inevitable. É unha decisión dos capitalistas para manter e aumentar os seus beneficios a costa da vida da clase obreira. ¡É un proceso global de ataques contra a clase obreira, sen precedentes dende os anos 30 do século pasado!

A experiencia do goberno de PSOE e Unidas Podemos está a demostrar os límites do parlamentarismo para defender os intereses dos traballadores. A loita (mobilización nas rúas, paralización da produción, folgas xerais…) é o único camiño. Hai que unificar as forzas do conxunto dos traballador@s para así poder defender os intereses da clase obreira fronte ós intereses da clase empresarial, que son absolutamente incompatibles cos nosos. A xornada de mañá ten que ser o inicio dun proceso ascendente de mobilización no que o seguinte paso sexa a convocatoria dunha folga xeral en Galiza a comezos do vindeiro ano, como preparación dunha Folga Xeral en todo o Estado para antes do verán.

¡Defendamos cada posto de traballo!

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol