post

Manifestación luns, 10 de setembro: a loita continúa en Atento A Coruña

Dentro da campaña continua de mobilizacións das traballadoras e traballadores da empresa Atento da Coruña, que se veñen sucedendo desde finais do mes de maio, a totalidade do Comité de Empresa, do que forma parte a CGT, convoca unha manifestación o próximo luns, día 10 de setembro, ás 18:00 horas, e que sairá das portas do centro de traballo na rúa Juan Flórez. A saída da manifestación coincidirá co inicio do paro de dúas horas convocado para a tarde. Tamén está convocado outro paro pola mañá e outro pola noite, todos de dúas horas, un por quenda.

Os motivos da manifestación son os que se veñen facendo públicos nos últimos tempos: contra a política antilaboral da empresa que se traduce en despedimentos con causa falsa ou por absentismo xustificado (o último despido, hai dez días, foi a un compañeiro por estar enfermo de máis), acosos permanentes, sancións inxustas, presións, cargas de traballo excesivas, imposicións das quendas de vacacións e total desprezo pola dignidade dos traballadores e traballadoras.

Atento cumpre agora 20 anos de existencia na Coruña. Durante estes 20 anos caracterizouse polos soldos miserentos, por espremer ata a última gota á plantilla, por despedimentos masivos ou individuais permanentes que reduciron o persoal á metade nos últimos anos, e pola utilización de todas as argucias legais para machucar calquera intento de oposición en defensa dos intereses obreiros.

Pero Atento non conseguiu facer calar as voces que se alzan contra a explotación e, nestes 20 anos, atopouse con quen loitou contra o seu voraz instinto depredador. Hoxe, a loita continúa a pesar de todos os seus intentos.

Sección Sindical de CGT Atento – A Coruña

 

 

post

A Coruña: manifestación contra a represión dos movementos sociais

A CGT da Coruña apoia a manifestación contra a represión dos movementos sociais cuxo inicio terá lugar na Coruña, na Praza de Vigo, o sábado, día 30, ás 19:00 horas.

A CGT denuncia a persecución irracional contra varios compañeiros da Insumisa, algún deles acusado do disparatado delito de sedición, e esixe o peche das actuacións sen cargos, que é o que corresponde.

Para a CGT estas actuacións son un reflexo das política represiva do Estado contra todos aqueles que non se pregan aos seus estreitos esquemas políticos, sociais e mentais e, polo tanto, merecentes dos escarmentos máis exemplarizantes. Así, temos centos de activistas en todo o Estado que están sendo procesados e encadeados polos temas máis nimios, como piquetes informativos sindicais, resistencia ás detencións, libre creación artística, opinións públicas, etc.

A CGT da Coruña convoca aos seus afiliados e simpatizantes á participación na manifestación, amosando o rexeitamento contra a represión e reclamando a fin desta política.

Comité Local da CGT da Coruña

 

post

A CGT da Coruña apoia o Día do Orgullo

A CGT da Coruña acordou apoiar a manifestación do Día do Orgullo que se celebrará na Coruña o próximo xoves, día 28, e que sairá ás 20:00 horas do Obelisco para rematar na Praza de M.ª Pita, onde se lerá un manifesto.

A CGT da Coruña quere así manifestar o seu apoio ás mobilizacións que vaian contra a discriminación de calquera natureza e fai un chamamento para que os seus simpatizantes e cidadanía en xeral acuda á manifestación.

Comité Local da CGT da Coruña

 

post

A CGT da Coruña apoia a Marcha do Persoal Precario das Administracións

A CGT da Coruña acordou prestar o seu apoio á Marcha do Persoal Precario da Administración Pública, que terá saírá o próximo venres, día 16 de marzo, ás 10:00 horas, do Parlamento de Galicia.

Para a CGT a defensa dos servizos públicos de calidade é un das súas prioridades sindicais; e para que estes servizos públicos non se vexan paulatinamente deteriorados é imprescindible un emprego público estable e de calidade. O persoal que atende agora mesmo estes servizos é, en gran parte, temporal e cunhas condicións de traballo, sen expectativas de consolidación, lamentables. Por iso, a CGT considera que as reivindicacións deste persoal son xustas.

Por iso, a CGT da Coruña convoca a que a súa afiliación, simpatizantes e pobo traballador participe nesta mobilización e se solidarice con estes colectivos maltratados pola Administración.

Comité da CGT da Coruña

 

A CGT da Coruña na Plataforma en Defensa da Ría do Burgo

A Confederación Xeral do Traballo (CGT) da Coruña está a participar, dende o seu nacemento, na Plataforma en Defensa da Ría do Burgo que foi onte presentada públicamente.

Preto de 30 organizacións vecinais, sindicais, ecoloxistas, sociais e políticas conforman esta Plataforma que pretende a rexeneración da Ría do Burgo e a denuncia dos vertidos, tanto industriais como os derivados da excesiva presión urbanística, que continúan a estragar a ría. Actualmente se está a desenvolver unha campaña de recollida de firmas e está prevista a celebración dunha manifestación o vindeiro mes de xuño.

F.L. da Coruña da CGT