post

Crónica do Primeiro de Maio na Coruña

Ás 12:40 saíu a manifestación convocada pola CGT, ademáis da CNT, CUT e Sindicato da Elevación. Preto dun milleiro de participantes partían da praza de Pontevedra nun percorrido polas rúas máis céntricas para rematar no campo da Leña. Durante o percorrido coreárose berros anticapitalistas e reivindicativos como «Primeiro de Maio revolucionario», «Nativa ou estranxeira, a mesma clase obreira», «Vai rematar a paz social», «Unión, acción, autoxestión», etc.

Oacto rematou coa lectura do manifesto conxunto, que di o seguinte:

BASTA DE MENTIRAS, INXUSTIZA E EXPLOTACIÓN!!!

Compañeiras e compañeiros: Hoxe, Primeiro de Maio, día da clase obreira, 4 organizacións sindicáis decidimos dar un paso máis para manifestar que so a unidade de acción do sindicalismo combativo pode mudar o estado das cousas ou é combativo ou non é sindicalismo.

Nesta data, o mundo enteiro lembra o acontecido no ano 1886 na cidade norteamericana de Chicago, cando un grupo de traballadores coñecidos como “os mártires de Chicago” foron executados por reclamar unha xornada laboral de 8 horas.

Se botamos a vista atrás, debemos darnos conta de que sobran os motivos e faltan as escusas para continuar a organizarnos en sindicatos de clase e facer fronte a todo o que representa o poder que asola as traballadoras e que nos negan unha calidade de vida digna tanto a todas nós, como as nosas fillas e maiores.

A situación da nosa clase, da clase traballadora, non fai máis que deteriorarse. A suba imparable dos prezos das subsistencias, xunto cunhas miserentas subas salariais nos convenios colectivos, estannos abocando á pobreza máis extrema, pobreza que se estende imparablemente incluso entre quen ten contrato fixo a tempo completo. Millóns de persoas no paro, entre as que máis da metade non teñen ningún tipo de prestación, ou millóns con contratos cativos a tempo parcial, fan que a estatística boiante non sexan máis ca un espellismo mentirán que só reflicte a realidade dun reducido número de persoas.

A isto temos que sumarlle novas decisións desde o Goberno, decisións como a de revogar a reforma laboral de Rajoy só en aspectos mínimos e colaterais, mentres outros fundamentais seguen vixentes, como o despedimento sinxelo e barato, o tratamento dos despedimentos improcedentes, e outros. Tamén o Goberno presentou unha reforma das pensións que provocará, a medio prazo, a diminución das pensións iniciais ao incrementar, progresivamente, o número de anos que se terán en conta para calcular a pensión e aumentar tamén o número de anos precisos para ter dereito a un 100 % daquela. Esta reforma, presentada como un gran avance co aval do sindicalismo institucional, é un novo retroceso para os traballadores e traballadoras e un empurrón máis cara ás pensións privadas ás que so poderán acceder uns poucos privilexiados.

Non sómente é que os logros dos que presume este goberno sempre sexan moi inferiores ás expectativas e ás promesas coas que lle pediron o voto ó corpo electoral, senón o certo é que eses logros son mentira, fachada de cartón pedra e agocho da verdadeira natureza da súa acción de goberno. As leis e normas que aproban sempre van en beneficio da casta capitalista responsable da degradación de planeta e da internacionalización da guerra e do saqueo universais, con centos de millóns de persoas en situación de fame ou miseria, vítimas da guerra e da explotación da clase traballadora.

Non podemos esquecer o papel que o sindicalismo institucionalizado está xogando en toda esta situación: ademais de avalar as decisións prexudiciais do goberno, está asinando cunha patronal cobizosa subas salariais miserentas, que nin se achegan á suba do custo da vida: alimento, vestido, teito, enerxía, ocio e cultura é o menos ao que se pode aspirar nesta vida para que sexa merecente de ser vivida.

Non podemos seguir así, aturando como normais os enganos e a explotación. A organizacións convocantes: CGT, CNT, CUT e Sindicato de Elevación fan un chamamento para que nos organicemos e loitemos contra esta situación.

Non podemos deixar de mencionar o caso da Suíza en Asturies, onde a 6 compañeiras vanlle caer varios anos de cadea por responder a un caso de acoso no traballo ou solidarizarse con él. Pero non é un caso aillado, moitos sindicalistas están sendo despedidos e condeados por resisitir e loitar.

Non é unha maldición divina que sexa imposible de combater. Os nosos veciños franceses están mostrando o camiño. Sabemos que o esforzo será grande, pero só así conseguiremos que a clase traballadora, a auténtica creadora da riqueza, ocupe o lugar que lle corresponde na sociedade e acabe con este sistema económico e social inicuo e inxusto. A mobilización é a arma que temos e tamén a nosa forza. Por iso, este Primeiro de Maio debe ser o día en que amosemos que xa non imos aturar máis as mentiras, inxustizas e explotación, e que despois deste día a nosa mobilización será constante e contundente.

Hoxe máis que nunca:
VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!!
VIVA A CLASE OBREIRA!!

Comité Local da Coruña da CGT , 01 de maio de 2023

 

post

Crónica do Primeiro de Maio na Coruña

Unha manifestación de máis de duascentas persoas, convocadas pola CUT, a CGT e o SE (Sindicato da Elevación), percorreu esta mañá as rúas da Coruña en reafirmación de pertenza á clase obreira e en reivindicación da xustiza social co lema «Os dereitos conquístanse loitando».

A manifestación percorreu as rúas da Coruña entre a praza de Pontevedra e o Campo da leña, onde se leu o manifesto. Coreáronse consignas habituais, sendo unha das maiormente seguidas «Nin pacto de rendas nin reforma laboral, a clase obreira contra o capital».

Manifesto Unitario

Nin nos farán crer, nin nos farán calar

O que se prometía como a solución aos problemas da clase traballadora non supuxo máis que un novo e enorme fracaso; a nova reforma supón a definitiva lexitimación e consagración, por parte do autoproclamado goberno máis progresista da historia, daqueles aspectos máis lesivos que xa se avanzaron nas reformas laborais de 2010 (goberno Zapatero) e de 2012 (goberno Rajoy).

Entre outras cuestións, mantéñense os mecanismos que facilitaban os despedimentos (non se recuperan indemnizacións nin os salarios de tramitación), quedan as razóns intanxibles das previsións económicas (perdas previstas ou futuras) para poder levar a cabo despedimentos colectivos, ou a non intervención da autoridade laboral nos ERE.

Dos convenios de empresa, unicamente garántese a igualdade salarial, pero non o demais. E en materia de subcontratación, vai haber que loitala nos xulgados sen dúbida, xa que non se dá unha solución clara a quen realiza igual traballo pero non reciben igual salario.

Mentres tanto, o custo da vida segue encarecéndose a toda velocidade, sen que as rendas da clase traballadora crezan ao mesmo ritmo. Nuns casos, coa complicidade activa dos sindicatos maioritarios. Noutros, por culpa dunha estudada pasividade por parte de quen goberna. Bens de primeira necesidade alcanzan o seu prezo récord un mes tras outro. Nin os salarios nin as rendas básicas teñen unha actualización que se equipare ao encarecemento do custo da vida. En todas as frontes podemos observar o mesmo: pensións que non se revalorizan, convenios que quedan conxelados…

Agora, ademais, cando apenas empezamos a pagar as consecuencias da crise do Covid 19, avecíñanse as da guerra de Ucraína. O sistema capitalista xa puxo a funcionar a súa maquinaria para que de novo sexamos as traballadoras e traballadores quen asuma os sacrificios e vano a facer como sempre, coa complicidade dos sindicatos maioritarios, que sen dúbida vannos vender unha vez máis, como xa o fixeron anteriormente, co mal chamado Pacto de Rendas.

A estas organizacións que estamos aquí neste Primeiro de Maio nin as farán crer nin as farán calar, por máis operacións propagandísticas que leven a cabo quen prometía asaltar os ceos. As conquistas sociais conséguense na rúa e non nas urnas. As verdadeiras conquistas sociais, as que supoñen unha verdadeira transformación, xamais xurdiron dun pacto entre oligarquías e elites por moi modernas que aparenten ser.

Por iso, declaramos aquí e agora, Primeiro de Maio, que nos van ter fronte eles e os seus plans de asoballamento da clase obreira; declaramos que, se outros van ser compracentes co capital e os seus axentes instalados no poder, nós estaremos dispostos e dispostas á loita, porque a clase obreira é a xeradora da riqueza social e non se conforma coas migallas.

Pola xustiza social

Viva a clase obreira

Viva o Primeiro de Maio

A Coruña, Primeiro de maio de 2022

Comité Local da CGT da Coruña

 

post

Manifestación Primeiro de Maio na Coruña

Este Primeiro de Maio, Día do Traballo, a CGT da Coruña convoca manifestación que sairá da praza de Pontevedra da Coruña ás 12:30 horas. O acto será unitario conxuntamente coas organización sindicais CUT e SE (Sindicato da Elevación).

MANIFESTO UNITARIO

Nin nos farán crer, nin nos farán calar

O que se prometía como a solución aos problemas da clase traballadora non supuxo máis que un novo e enorme fracaso; a nova reforma supón a definitiva lexitimación e consagración, por parte do autoproclamado goberno máis progresista da historia, daqueles aspectos máis lesivos que xa se avanzaron nas reformas laborais de 2010 (goberno Zapatero) e de 2012 (goberno Rajoy).

Entre outras cuestións, mantéñense os mecanismos que facilitaban os despedimentos (non se recuperan indemnizacións nin os salarios de tramitación), quedan as razóns intanxibles das previsións económicas (perdas previstas ou futuras) para poder levar a cabo despedimentos colectivos, ou a non intervención da autoridade laboral nos ERE.

Dos convenios de empresa, unicamente garántese a igualdade salarial, pero non o demais. E en materia de subcontratación, vai haber que loitala nos xulgados sen dúbida, xa que non se dá unha solución clara a quen realiza igual traballo pero non reciben igual salario.

Mentres tanto, o custo da vida segue encarecéndose a toda velocidade, sen que as rendas da clase traballadora crezan ao mesmo ritmo. Nuns casos, coa complicidade activa dos sindicatos maioritarios. Noutros, por culpa dunha estudada pasividade por parte de quen goberna. Bens de primeira necesidade alcanzan o seu prezo récord un mes tras outro. Nin os salarios nin as rendas básicas teñen unha actualización que se equipare ao encarecemento do custo da vida. En todas as frontes podemos observar o mesmo: pensións que non se revalorizan, convenios que quedan conxelados…

Agora, ademais, cando apenas empezamos a pagar as consecuencias da crise do Covid 19, avecíñanse as da guerra de Ucraína. O sistema capitalista xa puxo a funcionar a súa maquinaria para que de novo sexamos as traballadoras e traballadores quen asuma os sacrificios e vano a facer como sempre, coa complicidade dos sindicatos maioritarios, que sen dúbida vannos vender unha vez máis, como xa o fixeron anteriormente, co mal chamado Pacto de Rendas.

A estas organizacións que estamos aquí neste Primeiro de Maio nin as farán crer nin as farán calar, por máis operacións propagandísticas que leven a cabo quen prometía asaltar os ceos. As conquistas sociais conséguense na rúa e non nas urnas. As verdadeiras conquistas sociais, as que supoñen unha verdadeira transformación, xamais xurdiron dun pacto entre oligarquías e elites por moi modernas que aparenten ser.

Por iso, declaramos aquí e agora, Primeiro de Maio, que nos van ter fronte eles e os seus plans de asoballamento da clase obreira; declaramos que, se outros van ser compracentes co capital e os seus axentes instalados no poder, nós estaremos dispostos e dispostas á loita, porque a clase obreira é a xeradora da riqueza social e non se conforma coas migallas.

Pola xustiza social

Viva a clase obreira

Viva o Primeiro de Maio

A Coruña, 29 de abril de 2022

Comité Local da CGT da Coruña

 

post

A Coruña: crónica do Primeiro de Maio

Máis de 300 manifestantes déronse cita na manifestación que a CGT, xunto coa CUT e o SE, convocaron co motivo deste Primeiro de Maio. A manifestación transcorreu moi animada polas rúas de san Andrés, Nova, Real, san Nicolás e Panadeiras, para rematar no Campo da Leña coa lectura dun manifesto conxunto. O texto do manifesto é o seguinte:

1º de MAIO: A CLASE OBREIRA SEGUE EN LOITA.
Unha vez máis, nesta ocasión coa situación sanitaria como telón de fondo e cortina de fume, as consecuencias da enésima crise do capital van recaer sobre nós. Á costa das nosas vidas. Foron miles de ERTE´s a cargo dos cartos públicos, moitas persoas que perdemos os nosos empregos, moitas que nin sequera teñen garantida unha mínima protección laboral e social, condeadas a situacións de desamparo. Moitas as infinitas esperas para arranxar a irrisoria contía do Ingreso Mínimo Vital, e moitas as colas da
fame.
Vimos de fronte unha sanidade pública desmantelada e deficiente, con hospitais colapsados e atención telefónica, uns servizos sociais desaparecidos, pechados ao público cando máis falta fan, unhas intitucións de atención á vellez e á infancia precarizadas e privatizadas, con persoal exhausto, onde se evidenciaron máis que nunca as condicións nas que están sendo atendidos os nosos maiores e as nosas crianzas. O
traballo reproductivo, os coidados e as tarefas que sosteñen a vida dentro dos fogares, multiplicándose e caindo con todo o peso nos lombos das mulleres, sen remuneración algunha.
Así descorreu este último ano, mentras a xestión militar da pandemia se facía presente, co exército e a policía nas rúas inoculando medo, e se nos chamaba á calma e a saír disto xuntas, como se o barco das empresas que se beneficiaron dos ERTE´s, o das grandes corporacións que veñen de levar a maior parte dos fondos chegados de Europa, o barco da banca e a patronal, fose o mesmo que o noso.
Este sistema capitalista, patriarcal e racista non é o estado natural e inevitable das cousas, como pretenden facernos crer, e o noso barco, é outro: é o das persoas migrantes en situación irregular violentadas pola Lei de Extranxeiría, o das persoas desempregadas, o dos que teñen salários de miseria, o das familias que non chegan a fin de mes, é o barco das que loitan, o dos vecindarios organizando a solidariedade e o apoio
mutuo nos barrios e vilas, o da clase obreira facéndolle o pulso á patronal, o das que nos negamos a naturalizar a inxustiza e a desigualdade e a abaixar a cabeza. A explotación é o noso pan de cada día pero tamén o son a loita, a raiba e a alegría.
Este 1º de maio é un máis no camiño. Cómpre mobilizarnos, organizar dende a base, desde as rúas, a solidariedade e a contestación social porque somos a maioría e temos todo a gañar: vidas vivibles e dignas. Seguimos en loita.
Viva a loita da clase traballadora!
Viva o 1º de maio!

CGT da Coruña

 

post

Primeiro de Maio na Coruña

A CGT, conxuntamente coa CUT, convoca, en conmemoración do asasinato dos Mártires de Chicago, unha manifestación que sairá da Praza de Pontevedra ás 12:30 horas e finalizará no Campo da Leña. O lema da manifestación será «CONTRA A EXPLOTACIÓN E O SAQUEO, SOLIDARIEDADE E LOITA» e, no remate, lerase un manifesto alusivo. O acto rematrá con micrófono libre.

Comité Local da CGT da Coruña