Máis de 70.000 persoas percorreron hoxe as rúas da Coruña na manifestación unitaria contra os recortes. A marcha partiu da praza da Palloza pasadas as 20 horas, e logo de mais de 2 horas, aínda non rematara de chegar ao punto final da manifestación, no Obelisco, preto da subdelegación do goberno.

A CGT da Coruña reuniu un moi numeroso, activo e combativo grupo que foi animando o percorrido da manifestación, a ritmo de percursión e coreando lemas como «Fai falta xa, unha folga xeral», «Que si, que si,  que a reforma e os recortes pra Mariano e pra Botín», «Obreiro despedido, patrón colgado», «Aqui estamos, nós non pactamos», …, xunto con membros de varias asambleias locais do 15M e outros movementos sociais coruñeses, así como centos de persoas animadas polo caracter reivindicativo e participativo do grupo anarcosindicalista.

A masiva resposta da clase traballadora ante os recortes e as reformas do goberno e o capital demostra que é preciso continuar a respostar de xeito contundente aos ataques aos que estamos sendo sometidos os traballadores e traballadoras, dende a unidade na loita e na mobilización de todas as organizacións sindicais cara a unha Folga Xeral no outono, como ven reclamando a CGT dende o pasado mes de marzo.

 

Comparte esta entrada ...