post

 

A compañeira Mar y Luz (Mariquiña) Villaverde Otero foi enterrada onte no cemiterio civil sito en san Amaro, ao falecer aos 86 anos de idade.

Mariquiña era filla de José Villaverde Velo, que fora secretario xeral da Confederación Rexional Galaica entre 1931 e 1933, paseado, coma moitos outros, pola barbarie fascista no verán do 1936.

A compañeira participou activamente na reconstrución da CNT durante a década dos 70 e posteriores e tamén se integrou na CGT tras as divisións orgánicas internas. Cando se xubilou como traballadora do metal, deixou a un lado a actividade sindical e a súa dedicación foi a de colaboración coas organizacións memorialísticas, participando en todo tipo de actos de este cariz.

Como mostra da súa firmeza, aínda está na memoria de moitos coruñeses o seu enfrontamento contra a desidia municipal cando, tras o falecemento da súa nai, a tamén libertaria Palmira Otero de Ois, ao dirixirse ao cemiterio civil para proceder ao seu enterro, se atopou coas portas pechadas dado que se pretendía chegar á sepultura atravesando o cemiterio católico, camiño moito máis cómodo para a empresa funeraria. Mariquiña non aceptou que se fixera pasar por baixo da cruz que figura na porta do cemiterio católico e a comitiva estivo detida ata que apareceron as chaves axeitadas para abrir o cemiterio civil directamente.

O enterro foi sinxelo. Sin discursos, somente roto o silenzo xeral polo son dunha frauta da que saían as notas de «A la barricadas».

Foi Mariquiña unha muller moi querida e desde a CGT da Coruña só nos podemos unir á dor dos seus familiares e amigos pola súa perda, que é colectiva.

CGT da Coruña




Comparte esta entrada ...