post

 

O vindeiro luns, os traballadores de dúas compañías (Indasa e a UTE Tecman-Rayma) comezan unha folga indefinida. Motivo: a comunicación de 6 despedimentos en Indasa e o despedimento de 9 traballadores da UTE (sen o aviso previo que marca a lei, ademais). Lamentablemente non son os únicos (por exemplo, Maessa despediu eventuais en masa durante o verán). De feito, xa se nota a baixada de traballadores subcontratados dentro da factoría.

Estes despedimentos están aínda menos xustificados porque son traballadores de mantemento, tarefa que hai que realizar sempre, haxa máis ou menos carga de traballo. Ademais, no caso da UTE, a plantilla é a mesma que coa anterior adxudicataria, que se fixera co contrato nun período de subactividade. Por tanto, a diminución da carga de traballo non pode ser escusa agora para recortar plantilla.

A verdadeira razón dos despedimentos é que o 1 de outubro se renova a adxudicación dos contratos de mantemento e tanto os empresarios das compañías como a dirección de Navantia, que son unlla e carne, queren aproveitar para rebaixar as condicións laborais. De feito, onte mesmo houbona factoría de San Fernando unha mobilización conxunta dos traballadores de Ditecsa e de Acciona. Ditecsa é a adxudicataria alí do mantemento e se mobilizan precisamente pola ameaza de deterioro das súas condicións laborais da man da renovación da adxudicación. E as traballadoras de Acciona levan dende antes do verán mobilizándose contra a aplicac ión de convenios distintos dependendo do tipo de contrato (fixo ou eventual), situación iniciada a raíz da última adxudicación do contrato de limpeza. ¿Tamén nos van dicir que o problema en San Fernando é a diminución da carga de traballo? Ademais, se non hai carga de traballo, que a busquen. Neste senso, debería haber moita máis iniciativa sindical para reivindicala.

O último convenio provincial do Metal da Coruña conquistou o dereito de subrogación para os traballadores de mantemento nas empresas públicas. O que pretenden agora os empresarios da IA e a dirección de Navantia con estes despedimentos é anular na práctica ese dereito. É un ataque grave contra o movemento obreiro. Non poden saírse coa súa.

A CGT ESIXE A INMEDIATA READMISIÓN DE TÓDOLOS DESPEDIDOS E FAI UN CHAMAMENTO Á SOLIDARIEDADE. Unha solidariedade que nonpode ser espiritual, senón concreta, dando pasos de cara a mobilizarnos todos xuntos para lograr este obxectivo.

Neste senso, o feito de que na baía de Cádiz haxa exactamente o mesmo problema de fondo (aínda que non en forma de despedimentos) debe servir para impulsar a mobilización conxunta tamén entre as dúas áreas xeográficas, fronte a unhas empresas insaciables que buscan degradar as condicións laborais de tódolos traballadores (tamén os da principal, como demostrou o convenio único).

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol




Comparte esta entrada ...