O día 27, día da Folga Xeral, a CGT da Coruña, conxuntamente coa CUT, convoca unha manifestación que sairá, ás 12:30 horas, da Praza de Portugal.
Con motivo da Folga Xeral, a CGT da Coruña fixo público o seguinte manifesto:
«A Confederación Xeral do Traballo (CGT) fai un chamamento á clase traballadora e á toda a sociedade coruñesa para que participe, o próximo 27 de xaneiro, na Folga Xeral e nas mobilizacións que se realicen naquela data en defensa dos dereitos sociais e laborais que nos están roubando e en protesta polas políticas antisociais do goberno. Só unha mobilización xeral, ampla e firmemente levada a cabo polos traballadores e traballadoras conseguirá acadar as reivindicacións formuladas nesta folga:
- Esixir traballo para todos
- Impoñer a derrogación da Reforma Laboral
- Deter a ameaza sobre o sistema público de pensións e xubilacións
Esixir traballo para todos
Máis de catro millóns de persoas están no paro, das que máis de un millón douscentas mil non perciben ningunha prestación, condenadas a subsistir na economía sumerxida ou na exclusión social máis absoluta; máis de medio millón sobreviven con 426 euros mensuais; máis de nove millóns de traballadores teñen rendas inferiores aos 9.000 euros ao ano; o 20 % da poboación española vive na pobreza, ata o extremo de que máis de un millón de persoas tivo que arrastrar a súa dignidade para ser alimentados nos comedores de caridade o ano pasado.
Impoñer a derrogación da Reforma Laboral
O fracaso da Reforma Laboral é patente, como non podía ser doutro modo: os empresarios crecidos, o medo nos corpos dos poucos que teñen un traballo, milleiros de expedientes de regulación de emprego, son o resultado do pregamento do goberno e parlamento ás políticas europeas, políticas ditadas polo todopoderoso capitalismo aos lacaios e monicreques de cada goberno.
Deter a ameaza sobre o sistema público de pensións e xubilacións
O 68 % dos oito millóns de pensionistas teñen unha pensión inferior ao Salario Mínimo Interprofesional (641,40 euros/mes), e, ante esta pavorosa realidade de miseria xeralizada, o goberno pretende modificar o sistema de pensións endurecendo os requisitos e o método de cálculo dos novos pensionistas. Así, pretende elevar a idade ordinaria de xubilación aos 67 anos, esixir un mínimo de 20 anos de cotización para ter dereito e subir de 15 a 20 ou 25 anos o período de cálculo. A CGT ten moi claro que o único que se busca é a redución dos importes das pensións a curto prazo, o fomento dos planes privados a medio e a desaparición do sistema público a largo, sistema público que quedará como sistema residual de asistencia social. A mobilización é imprescindible Os traballadores non podemos quedarnos de brazos cruzados e non podemos tolerar que esta situación continúe ou que aínda empeore. A CGT considera que está nas nosas mans, dos traballadores e traballadoras, cambiala. O día 27, a clase obreira galega está chamada á Folga Xeral, pero non estamos sos. O mesmo día, a CGT, con outros sindicatos, convocou Folga Xeral tamén en Cataluña e en Navarra; tamén a CGT ten convocadas manifestacións en apoio destas folgas en moitos puntos do territorio español; os traballadores de toda Europa estanse mobilizando tamén ante as medidas adoptadas polos seus gobernos respectivos.
O éxito da xornada de folga do día 27, como ocorreu coa do 29 de setembro pasado, dará pulo aos que, como a CGT, consideramos que o día seguinte temos que comezar a planificar as novas accións que permitan que todos xuntos deteñamos as políticas antiobreiras do actual goberno. Tamén o éxito desta folga será a garantía de que se evitará o entreguismo do sindicalismo que pretenda negociar dereitos laborais por subvencións.
A CGT reitera o chamamento a toda a clase traballadora e aos movementos sociais para que participen activamente na Folga Xeral do 27 de xaneiro, así como nas mobilizacións que se convoquen en defensa dos dereitos laborais e contra as políticas antiobreiras do goberno.»