post

 

Os compañeiros de Puerto Real empezaron a mobilizarse esta semana. O motivo é que, unha vez que a empresa consigueu o que quería (recortes no convenio e nova redución de plantilla), pasou o de sempre: que as promesas recollidas no plan (o BAM- IS e dous buques loxísticos para o Exército de Terra) se incumpren. Aínda que os Orzamentos Xerais do Estado para 2019 foron rexeitados polo Congreso dos Deputados, o certo é que non recollían nin un só euro para eses buques prometidos; o inicio da súa construción non se prevé até 2021, toda unha eternidade para unha comarca tan castigada polo paro como a Baía de Cádiz. Non tivo que pasar moito tempo para que se puxese en evidencia todo o engano do plan/convenio único.

En Ferrol temos o mesmo problema. Primeiro, o goberno do PP retrasou as F-110 durante dous anos porque o seu ministro de Defensa, Pedro Morenés, pretendía favorecer os intereses da multinacional armamentística na que traballaba antes de ser ministro. Despois se dixo que a orde de execución ía asinarse no primeiro semestre de 2018. Imos camiño de marzo de 2019 e seguimos á espera. Hai que esixir a súa sinatura inmediata. Pero aínda que a orde se asine mañá, xa é inevitable un bache de carga de traballo entre o remate dos AOR australianos e as F-110, bache que para os traballadores da industria auxiliar terá unhas consecuencias negativas de sobras coñecidas.

Non debemos esperar a que empecen os despedimentos para esixir carga de traballo que permita salvar ese bache e manter os empregos. Hai que reivindicala antes de que comecen, hai que reivindicala cando a xente aínda está dentro das murallas.

Pero a carga de traballo non é o único tema importante. O organigrama de Navantia publicado esta semana evidencia que a dirección da empresa segue sen apostar por Turbinas. Moita leria sobre a tecnoloxía, que Navantia se centre en produtos de alto valor engadido, etcétera, etcétera, pero o certo é que a empresa segue a deixar que Turbinas vaia esmorecendo. Outro xeito de destruír a empresa pública.

Tamén están tódolos temas de convenio pendentes de negociar nas cinco comisións. Ademais, debería esixírselle á empresa o pago dos intereses dos atrasos das asimilacións.

¿Esta dirección non é, supostamente, tan "enrollada"? Pois que o demostre pagando o que se nos debe.

E no medio de toda esta situación, hai dúas eleccións: xerais anticipadas o 28 de abril e municipais o 26 de maio. Temos que aproveitar as campañas electorais para poñer enriba da mesa as nosas reivindicacións e mobilizarnos para conseguilas. O comité de empresa debe convocar unha asemblea xeral de tódolos traballadores do recinto para debater a situación e decidir as medidas a tomar, que deben incluír algunha mobilización conxunta cos compañeiros de Puerto Real. A unidade é a forza da clase obreira.

Por outra banda, o apagón eléctrico da semana pasada deixou en evidencia fallos de seguridade importantes, como luces de emerxencia que funcionaron escasos minutos ou que directamente non funcionaron. O comité de empresa debe esixirlle á empresa unha revisión destas instalacións en toda a factoría e informar ó conxunto dos traballadores sobre a causa dos fallos.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol




Comparte esta entrada ...