A empresa DEMSU, con enderezo no P.I. A Portela-Avda. do Rebullón -Mos, leva xa varios meses sen pagar os seus traballadores e traballadoras o seu salario no prazo establecido polo convenio do metal de Pontevedra. Esta práctica estase a dar en moitas empresas do sector dende xa antes da folga polo convenio e esta a ocasionar serios trastornos os traballadores e traballadoras; xa que o cobrar o seu salario a mediados ou finais de mes deixa ao descuberto as súas capacidades económicas fronte os seus gastos e os de as súas familias.
fotodemsuweb
Na empresa DEMSU esta situación foi denunciada ante a inspección de traballo pola sección sindical da CGT, polo delegado de persoal e os propios traballadores e traballadoras sen que polo de agora a inspección fixera calquera actuación para por freo a esta ilegalidade.

Quizais por esta impunidade a empresa decidiu o pasado 8 de Xullo iniciar un ERE de suspensión de emprego a 8 traballadores ,por seis meses, e a facer efectivo a partires do 1 de Setembro coa escusa da crise e a cualificación de «EMPRESA EN SECTOR DE RIESGO» polas entidades financeiras.

Para a CGT este ERE é inxusto e represivo xa que por un lado entre os traballadores «nominados» están todos os afiliados a CGT, que a empresa ten coñecemento, mais todos os traballadores que nalgún momento reclamaron ou exerceron os seus dereitos lexítimos. Por outro lado moito nos tememos que a posta en marcha de este ERE sexa un primeiro paso cara a un posterior despedimento barato destes traballadores.

Dende a CGT, por suposto, non imos a quedar calados ante este novo ataque da dirección de unha empresa que xa ten un avultado curriculum de irregularidades.

Comparte esta entrada ...