post

 

A situación resúmese así:

  • 1) Os acordos aplicaranse en tres tramos: 40% á publicación no convenio provincial, 70% o 1 de xaneiro de 2019 e 100% en novembro de 2019.
  • 2) Os acordos entrarán a formar parte do convenio provincial como Disposición Transitoria. Esta disposición terá vixencia ata o 30 de xuño de 2020.
  • 3) Paralelamente, as compañías teñen que constituír unha asociación patronal. O prazo para facelo son catro meses.
  • 4) Unha vez constituída, esta asociación patronal e os sindicatos ratificarán os acordos, momento en que os mesmos entrarán a formar parte do convenio provincial como Disposición Adicional, que terá a mesma vixencia có resto do convenio. (O convenio provincial remata o 31 de decembro de 2019, pero manterá a súa vixencia mentres non se asine outro, segundo recolle o seu artigo 4).

É dicir, a solución acadada onte non é definitiva porque os acordos entran no convenio, pero como Disposición Transitoria con vixencia ata o 30 de xuño de 2020. Por tanto, se a asociación patronal acaba por non constituírse ou se, aínda constituíndose, non ratificase os acordos, estes desaparecían do convenio o 30 de xuño de 2020. Noutras palabras: os acordos entran no convenio provincial de forma provisoria.

A cuestión é: era este o único resultado posible? Non. Por que? Porque hai carga de traballo, e isto é favorable ós traballadores. Pero ademais de haber carga de traballo, ten que haber dúas cousas máis: 1) Vontade dos traballadores de loitar; 2) Vontade sindical de organizar a loita. A primeira haina, e dabondo, como quedou moi claro na asemblea xeral de compañías do venres 19 de outubro, que evidenciou un ambiente moi crítico coas limitacións do acordo (tres tramos, actualización das cantidades ó ano 2014, etc.). A segunda é obvio que falta.

Unha estratexia de mobilización firme, con implicación da principal e buscando a confluencia cos traballadores das outras factorías de Navantia, nalgunha das cales tamén hai un gran ambiente de loita da industria auxiliar, como se demostrou na exitosa folga do metal na bahía de Cádiz o pasado 13 de xuño, permitiría obter moito máis. ¿Ou acaso este acordo limitado alcanzouse grazas á negociación? En absoluto, alcanzouse grazas á folga de outubro do ano pasado. É máis, todo este asunto levaría un ano resolto se CCOO, UGT, MAS e os comités da principal chegan a apoiar a folga daquela, no canto de colaborar abertamente coa patronal para tentar afundila. En vez de aceptar acordos limitados, hai que darlle unha oportunidade á loita, o único camiño para que os traballadores logremos avances.

Tampouco se entenden tantas presas por ratificar isto. Despois de todo un ano de negociación, tendo que esperar aínda outro ano máis para poder cobrar o 100%, a que veñen tantas presas de celebrar hoxe ás 10:00 unha asemblea xeral para ratificar un preacordo acadado onte ás 21:30 horas? De verdade que non se podería explicar e debater primeiro en asembleas parciais, moito máis participativas, e que a asemblea xeral decisoria fose mañá ou pasado? Vese que, como en Navantia co convenio, tampouco na industria auxiliar hai moita vontade sindical de que os traballadores teñan tempo a ler con tranquilidade, pensar por si mesmos e chegar ás súas propias conclusións.

Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia Ferrol.

Comparte esta entrada ...