Concentración en defensa do tren público

concentración renfe 20.12O próximo venres, día 20 de decembro, ás 19:30 horas, a Plataforma en Defensa do Tren da Coruña e das Mariñas convoca unha nova concentración nos andéns da Estación de San Cristóbal na Coruña. O motivo é a protesta polo desmantelamento do ferrocarril e en demanda dun servizo público de trens social, de calidade e seguro.

A plataforma, da que forma parte a CGT, considera que as últimas medidas de troceamento das empresas ADIF e RENFE son un paso decisivo para a futura privatización e a desaparición do ferrocarril como servizo público.

 

Mobilizacións da CGT en Correos na Coruña

patadon_correosOs compañeiros e compañeiras da CGT en Correos na Coruña desenvolverán durante toda a semana diferentes accións reivindicativas co obxectivo de informar á cidadanía da actual situación do servizo público postal na cidade coruñesa, denunciando os recortes que se están a producir. No ano 2013 Correos reduciu na Coruña o número de prazas de reparto, chegando no día de hoxe xa a 17 prazas de repato perdidas na cidade

As accións comezan o luns 16 de decembro, ás 17 horas coa presentación pública da campaña nun acto informativo na AAVV de Monte Alto, no que se trasladará á veciñanza a preocupación da CGT pola redución das prazas asignadas para ese barrio. O día 17 de decembro, ás 9 horas terá lugar unha manifestación festiva diante da oficina principal de Correos na Coruña (UR1), na rúa de Alcalde Casás, e o mércores, día 18 de decembro haberá unha concentración, tamén ás 9 horas, na oficina da rúa de Vizcaia (UR2). Durante o resto da semana se sucederán accións no resto das oficinas, reparto de material informativo, …

Mais información no blogue da CGT en Correos na Coruña.

CGT en Correos na Coruña

 

Contra Mercadona

IlustraciónA CGT da Coruña convoca para o día 21 de decembro, sábado, unha concentración diante do Mercadona situado na Avenida de Fisterra, número 265, da cidade, ás 11:30 horas, e protesta polo despedimento do compañeiro Fran, afiliado da CGT de Málaga polo simple feito de intentar constituir a sección sindical.

Facemos un chamamento a todo o pobo traballador para que participe nas mobilizacións contra esta empresa, carcterizada por ser a patronal máis retrograda e cobizosa do país e polas súas prácticas mafiosas.

Máis información, picando aquí.

Comité Local da CGT da Coruña

 

Concentración na Coruña en apoio á loita dos traballadores e traballadoras do ferrocarril

cartaz-4-decembro-a31A CGT da Coruña chama á participación de todos e todas na Concentración que terá lugar o vindeiro mércores 4 de decembro, ás 19.30 horas, nos andéns da Estación de San Cristovo da Coruña. Esta mobilización está convocada en apoio á loita das traballadoras e traballadores do ferrocarril e é impulsada pola Plataforma en Defensa do Tren da Coruña e As Mariñas, da que a CGT forma parte.

Os traballadores e traballadoras do sector ferroviario están chamados á secundar dúas xornadas de Folga, os días 5 e 20 de decembro, contra a segregación de Renfe Operadora en catro sociedades anónimas e a división de ADIF en outras dúas, e contra a destrucción de emprego nas empresas ferroviarias. Estas mobilizacións están convocadas pola CGT e o SF.

 

 

Concentracións contra os despedimentos en Atento na Coruña: Rebélate contra o medo!!

Manifestacion AtentoO pasado venres Atento despediu de forma desprezable tres compañeiras do 1004, faltándolles ao respecto e á súa dignidade ao pretender xustificar o seu despedimento pola falta de vendas nos dous últimos meses.

Poñédevos na pel dunha compañeira que foi premiada pola empresa polas súas vendas e aos poucos días, estando de vacacións, se encontra cun burofax que lle comunica o seu despedimento disciplinario por non vender… Esquézete das vendas e imaxina que mañá che despiden a ti; porque transferiches máis chamadas das que debías, ou porque non ofreces produtos en todas as chamadas, ou porque o teu TMO é demasiado alto ou polas túas notas de calidade.

Atento sementa o pánico, lanza a mensaxe escollendo tres vítimas, sen que lle importen as circunstancias nin a indemnización que terán que pagar. O medo sempre é rendible, salvo que lles demostremos o contrario: non permitamos que prenda a súa mensaxe, defendámonos das súas agresións e abusos, sexamos solidarios e solidarias coas compañeiras e compañeiros á vez que nos fortalecemos entre todos e todas facendo fronte común. Saiamos á rúa a denunciar publicamente os ataques de Telefónica e Atento aos nosos dereitos. Fagamos unha protesta maioritaria para amosarlles que non nos van achicar nin oprimir coas súas agresións e desprezos. Fagámoslles fronte. Entre todos e todas.

Animamos a todos os traballadores e traballadoras a participaren nas concentracións convocadas polo comité de empresa mañá, 28 de novembro, ás 12 e ás 20 horas.

CONTRA A SÚA POLÍTICA DO MEDO, POLA DIGNIDADE NO NOSO TRABALLO.
SE TOCAN A UN, SE TOCAN A UNHA, TÓCANNOS A TODOS E TODAS.

Sección Sindical de CGT en Atento na Coruña

 

9 de novembro, Xornada de Loita «Salvemos as pensións!»

salvemosAsPensionssDentro da iniciativa conxunta que levan adiante as organizacións sindicais CGT, CUT, CNT, STEG, SF-INTERSINDICAL E COG en defensa do sistema público de pensións, o vindeiro sábado, día 9, celebraránse varias manifestacións e concentracións en distintas localidades galegas.

Dende a CGT facemos un chamado a secundar as mobilizacións convocadas nas distintas cidades baixo o lema «Salvemos as pensións».

Os actos convocados son os seguintes:

  • Na Coruña: Manifestación dende a Praza de Portugal, ás 12:30 horas.
  • En Ourense: Concentración ante a Subdelegación do Goberno (Parque de San Lázaro), ás 11:00 horas.
  • En Compostela: Manifestación dende a Porta do Camiño, ás 11:30 horas.
  • Na cidade de Vigo, a manifestación terá lugar o xoves 21 de novembro, con saída da Praza de Fernando o Católico, ás 20:00 horas.

Read More

 

Manifestación contra o saqueo das pensións

Os sindicatos CUT e CGT convocan unha manifestación, dentro das mobilizacións unitarias pactadas para toda Galicia, en defensa do sistema público de pensións e en protesta contra os recortes que está levando a cabo o goberno actual, que non só recorta dereitos sociais aos pensionistas facéndolles pagar parte dos medicamentos e servizos médicos, senón que ten a intención de endurecer os requisitos para ter dereito a pensións e rebaixar, mediante o cambio dos sistema de cálculo, os importes iniciais da pensión. A isto lle temos que engadir o cambio no sistema de revalorización das pensións, que provocará unha rebaixa real e un deterioro das condicións de vida dos anciáns, xa baqueteados pola chamada crise.

A manifestación se celebrará o día 9 de novembro, sábado, e sairá ás 12:30 horas da Praza de Portugal e rematará diante da Delegación do Goberno.

Os sindicatos convocantes fan un chamamento ao pobo coruñés para que se sume a esta convocatoria e fagan chegar a súa protesta na rúa contra estas medidas inhumanas.

CGT da Coruña

 

Concentración contra as prácticas antiobreiras de Mercadona

No-a-Mercadona pequenoA CGT da Coruña convoca, para o próximo mércores, día 6 de novembro, ás 18:00 horas, unha concentración diante do Mercadona da Avenida de Xeneral Sanjurjo, 152.

O motivo da concentración e a protesta polas prácticas antiobreiras desta empresa, caracterizada polo acoso aos traballadores e a represión de calquera iniciativa de defensa dos seus dereitos.

A última é o despedimento, en Málaga, de Fran, o Secretario da Sección Sindical da CGT recén constituida, tras abrirlle un expediente sancionador a toda velocidade.

Para a CGT, cada despedimento é unha agresión e non a vai consentir a impunidade do presidente de Mercadona, acostumado a manexar aos traballadores coma nunha prantación escravista.

CGT da Coruña

 

Mobilizacións contra a privatización do ferrocarril na Coruña

A CGT da Coruña, fai un chamamento á participación nas mobilizacións que teñen sido convocadas en defensa dun ferrocarril público e social na comarca da Coruña.

O vindeiro venres, 25 de outubro, está convocada unha Concentración da Plataforma en defensa do tren da Coruña e as Mariñas en protesta polo plan de privatización do ferrocarril, que terá lugar ás 19:00 horas na estación de ferrocarril da Coruña.

Ademais,  a mesma Plataforma en defensa do tren da Coruña, na que a CGT da coruña participa, convoca unha Manifestación o domingo día 27 de outubro en Betanzos, dende a estación do tren de Betanzos Cidade ata a Praza do Vampo, onde terá lugar un acto reivindicativo. O punto de reunión será na estación da Coruña,  para irmos ata Betanzos no tren que sae da Coruña ás 11:00 da mañá.

Desde a Plataforma se rexeitan os recortes en materia ferroviaria, así coma a destrución e precarización do emprego no sector.

cartaz_ferrocarril_20131025  cartaz-betanzos