Unha delegación da sección sindical de CGT en Alfageme e representantes de CGT Pontevedra – Arousa, presentaronse hoxe, 15 de xaneiro, no despacho do Conselleiro de Economía e Industria, no edificio administrativo da Xunta, en Santiago. As traballadoras tiñan a decisión de facerlle entrega ao Conselleiro, por rexistro de entrada e na súa propia sede oficial, dun escrito no que expresaban tanto o seu rexeitamento ás declaracións feitas por responsables da Consellería aos medios de comunicación na última fin de semana, como a súa vontade de continuar as movilización ata conquerir a reanudación da actividade industrial nas fábricas de Ribadumia e Vilaxoán
Diante da insistencia da delegación sindical, finalmente, por orde expresa do Conselleiro e dende o seu propio gabinete xestionouse a realización dunha nova reunión da CGT co Director Xeral do IGAPE, que terá que celebrarse de modo urxente, ao máis breve prazo posible.
Reproducimos o texto entregado:
A/a Sr. CONSELLEIRO DE ECONOMÍA E INDUSTRIA. XUNTA DE GALICIA
Hoxe, 15 de xaneiro de 2013, cúmprense xa 23 días dende que o IGAPE que vostede preside en calidade de Conselleiro de Economía e Industria, participou na poxa xudicial dos bens de Bernardo Alfageme (determinados bens das fábricas de conserva de Ribadumia e Vilaxoán e da marca Miau) facéndose coa responsabilidade dos devanditos bens e poder destinalos ao único obxectivo social, legal e eticamente admisible: continuar canto antes a actividade conserveira en ambas as dúas fábricas e que o cadro de persoal de Alfageme na bisbarra de Arousa recupere o posto de traballo que lle vén sendo arrebatado de modo tan inxusto e indigno
Este e non outro foi o obxectivo -tantas veces prometido e aireado a bombo e prato pola Consellería de Economía e Industria ante os medios de comunicación, como incumprido e boicoteado na práctica- do que se serviron os seus predecesores na Consellería para xustificar o aboamento con diñeiro público á Banca privada, en xullo de 2012, de máis de 30 millóns de euros, en concepto de avais outorgados 2007 á firma Bernardo Alfageme.
O día 20 de decembro pasado, a participación da Consellería de Economía e Industria -xa presidida por vostede- na poxa xudicial de referencia abría definitivamente as portas á reanudación da actividade industrial conserveira nas fábricas de Vilaxoán e Ribadumia e a incorporación a ambas as dúas factorías de todo o persoal de Alfageme en Arousa que o desexara. Pois como resultado da intervención realizada ese día do Director Xeral do IGAPE en nome da Consellería de Industria se abría o prazo -20 días hábiles- para a cesión do remate da poxa a un terceiro e, en consecuencia, a posibilidade de ser ofrecidas as fábricas e os bens asociados ao único -único, que nós coñezamos- proxecto verdadeiramente industrial da Conserva que consta na documentación do Concurso e na propia Consellería de Economía e Industria e que, ademais, logrou o apoio de todo o persoal de Alfageme ao garantir ás traballadoras non só o posto de traballo, senón tamén todos os seus dereitos laborais e económicos (categorías, fixeza, antigà¼idade, etc), así como, no seu momento, o da propia Consellería.
Non obstante, en todo este tempo, cando falta apenas unha semana para cumprirse o prazo de cesión a terceiros, a Consellería que vostede dirixe non tivo a ben explicar as súas intencións aos traballadores e traballadoras nin á súa representación legal, e iso por máis que a CGT e tamén os outros sindicatos presentes en Alfageme llo vimos demandando reiteradamente nestas últimas semanas.
Antes ben, esa Consellería prefire realizar declaracións aos medios de comunicación que escandalizan e violentan ata a indignación ás 150 traballadoras de Alfageme na bisbarra de Arousa, que ven como de novo se intenta arrebatarlles por motivos espurios o seu posto de traballo e os seus dereitos.
Non é aceptable, e de ningún modo nós o aceptaremos, que vostede e o goberno ao que pertenece, despachen este conflito por riba; que condenen ao paro definitivo a decenas de traballadoras, que nin por idade, nin polas circunstancias actuais poderán encontrar traballo e que, ademais, xa remataron o seu dereito á percepción das prestacións de desemprego; que arruínen definitivamente a actividade industrial conserveira na bisbarra de Arousa. Pois iso é o que significan as declaracións desa Consellería á Axencia Efe, realizadas este fin de semana, segundo as cales «espera á fin do prazo de cesión de remate para ter a plena propiedade dos bens e iniciar un proceso de conversacións co sector para identificar as opcións que permitan viabilizar as instalacións de Bernardo Alfageme e xerar postos de traballo». ‘A plena propiedade dos bens’, cando é o mesmo procedemento xudicial o que lle concede o dereito e sinala o prazo para que a propia Consellería ceda, se é do seu interese, o remate da poxa a un terceiro? Que burla, que fraude é este? Resulta escandoloso que dende a Consellería se chegue a afirmar impunemente que empezará a discutir co sector sobre as posibilidades dos bens poxado ao dia seguinte de rematado o plazo de cesión do remate, cando eses encontros terían que terse celebrado inescusablemente con anterioridade á propia poxa e a súa conclusión a que xustificara a súa participación nela da Xunta de Galicia.
Nestas circunstancias, esta carta que hoxe entregamos na Consellería de Economía e Industria, representa tanto a reiteración da solicitude dunha entrevista con vostede, coma a firme decisión da CGT de Arousa e das traballadoras de Alfageme de continuar a mobilización e a loita en defensa dos nosos postos de traballo e do tecido industrial conserveiro da bisbarra, hoxe de novo en grave perigo.
Reclamamos á Consellería de Economía e Industria que asuma a responsabilidade que lle cabe para rematar de modo axeitado este procedemento e entendemos imprescindible manter unha ENTREVISTA URXENTE con vostede e dispoñernos a resolver conxuntamente o actual conflito no único sentido aceptable por vostede, por nós e pola sociedade galega enteira (que acaba de desembolsar 33 millóns de euros, seus e de ninguén máis): manter a actividade industrial conserveira na bisbarra de Arousa, garantir os postos de traballo actualmente en risco de desaparecer e respectar os dereitos das traballadoras e traballadores do grupo.
En Santiago a 15 de xaneiro de 2013
Miguel Ángel Cuña Casasbellas
Secretario xeral CGT de Pontevedra – Arousa