post

 

Un pouco despois das 12:30, 500 manifestantes, convocados pola CGT e pola CUT saíron da Praza de Pontevedra en conmemoración do Primeiro de Maio. A mobilización foi animada e percorreu as rúas de san Andrés, Real e Panadeiras, para rematar no Campo da Leña. Ao fin do acto, leuse un manifesto conxunto e despois se deixou o micrófono libre. Rematouse cos cantos de «A las barricadas» e do «Grándola».

Texto do manifesto conxunto:

CONTRA A EXPLOTACIÓN E O SAQUEO: SOLIDARIEDADE E LOITA

Compañeiras e compañeiros:

Cando este 1º de maio reflexionamos sobre a nosa situación como clase obreira non podemos deixar de ver as inxustizas que nos rodean: millóns de persoas no paro, a metade delas sen ingresos; milleiros seguen a perder a súas vivendas, a pesar das promesas dos diferentes gobernos; moitas vense obrigadas a migrar, especialmente entre a poboación máis nova; a pobreza e a miseria esténdense e alcanzan cada vez a máis capas da poboación.

A explotación é o noso pan diario: horarios interminables, moitas veces sen pagar; salarios de miseria; contratos á carta para o empresario; convenios que non se aplican; despedimentos practicamente gratuítos; incremento constante dos accidentes de traballo, moitos graves e mesmo mortais; precarización extrema dos traballos feminizados, a maioría relacionados cos coidados -que aínda a día de hoxe seguen sen ter o recoñecemento social que merecen, como sustento do mundo que son-. A explotación no seu significado máis xenuíno aséntase no mundo laboral, onde prima unha lexislación feita soamente para o beneficio empresarial e non para que a clase obreira teña o que merece por xustiza e dignidade, e continúa tamén no ámbito doméstico, onde as mulleres seguen soportando duplas e triplas xornadas laborais sen remuneración algunha.

O saqueo é a outra cara desta situación intolerable: o saqueo das pensións, apetitoso prato para o capitalismo depredador; o saqueo da sanidade pública, cada vez máis deteriorada en beneficio de intereses particulares; o saqueo da educación pública, con subvencións millonarias e inxustificables ao ensino privado; o saqueo enerxético, con políticos que se negan a intervir nos sectores económicos que teñen transcendencia social; o saqueo da natureza, do mar e da terra, entregadas ao lucro privado e abocando ao planeta ao deterioro irreversible e á destrución inminente. O saqueo é o carné de identidade deste capitalismo cobizoso e destrutivo que hoxe é o dono das nosas vidas.

O mediterráneo é un inmenso cemiterio mentres os gobernos europeos miran cara outro lado e impiden o rescate destas persoas. A Lei de Estranxeiría, o racismo e a violencia institucional contra as persoas migrantes condiciona as súas vidas en todos os ámbitos, cun desigual acceso ao mercado de traballo, maior exposición a vivir situacións de escravitude laboral e persecución policial da supervivencia. Non podemos esquecer tampouco a quen sufre cadea, persecución ou represión pola defensa das súas ideas ou polo seu activismo social. A todos e todas elas o noso abrazo solidario.

A explotación e este saqueo impunes só se poden parar coa destrución deste sistema inxusto, o capitalismo, que o único que busca é o beneficio privado e particular dunha mínima parte da humanidade mentres o resto sobrevive sometido ás leis feitas polos lacaios do sistema.

A solidariedade e a loita son o único camiño no que podemos facer fronte a esta situación. Solidariedade e loita como a que, hai 100 anos, en 1919, converteu un despedimento de 8 traballadores na empresa "A Canadense" nunha folga xeral de 44 días que conseguiu que se legalizase a xornada laboral de 8 horas. Solidariedade e loita como a amosada polas mulleres nos últimos oitos de marzo, convocando folgas xerais e mobilizando milleiros de persoas. Solidariedade e loita dos compañeiros e compañeiras de Alcoa, CRTVG, Navantia, Atento, Pescanova, as compañeiras da Limpeza do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, o persoal do 061, Ferroatlántica, Correos, Extel, Banco Santander, RTVE en Galicia e tantas outras.

Temos a responsabilidade de tecer redes de resistencia de coidados, de apoio mutuo e de mobilización, crear os espazos de solidariedade e loita que se teñen convertido no sinal de identidade da nosa clase, a clase obreira. Novamente temos que recorrer á loita e á solidariedade para enfrontármonos a este capitalismo ladrón, explotador e parasito. Nese camiño vannos atopar.

Compañeiros e compañeiras, hoxe máis que nunca:

A LOITA É O ÚNICO CAMIà‘O!

VIVA A CLASE OBREIRA!

VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!

Comité Local da CGT da Coruña




Comparte esta entrada ...