A Federación Local de Sindicatos de Vigo convoca a todos/as os/as afiliados/as e simpatizantes á manifestación que se celebrará en Vigo durante a xornada de folga este xoves 27 de xaneiro. A manifestación sairá da Praza Fernando o católico ás 11:30 a.m.
A Confederación Xeral do Traballo (CGT) convoca Folga Xeral o 27 de xaneiro de 2011 para defender as liberdades e dereitos laborais, económicos e sociais da clase traballadora fronte ás agresións que estamos sufrindo.
O goberno e os seus aliados están actuando como axentes locais do capitalismo internacional e nacional máis destrutivos. Cos seus actos -Decreto da Reforma Laboral, recorte nos gastos sociais e inversións públicas, ameaza ó sistema de pensións públicas, desmerecemento da negociación colectiva, etc- amosan que só lles move o afán de perpetuar o inxusto réxime económico e político no que os ricos fanse cada día más ricos pero a costa de estender o paro, a pobreza e a desolación por todas partes.
A CGT convoca Folga Xeral:
* Polo dereito ó traballo: contra o paro, a precariedade e a exclusión social.
Cinco millóns de persoas están en paro e un millón duascentas mil delas non perciben ningunha prestación. Once millóns de traballadores teñen rendas anuais inferiores aos 9000 euros. A bolsa da pobreza medra en todo o país, afectando xa a máis do 20% da poboación.
* Polos dereitos económicos, laborais e sociais: contra a Reforma Laboral
A nova Reforma Laboral, xa aprobada ofi cialmente no pasado semestre, supón que os empresarios poidan despedir libre e impunemente ós traballadores, sen causa ou con causa falsa e que o despido sexa hoxe máis libre e máis barato. As indemnizacións ó traballador ou traballadora despedida quedan reducidas a 20 días por ano, dos que 8 días son pagados con cartos públicos.
Hai catro meses, o 29 de setembro, o conxunto das organizacións sindicais deste país (tamén as que agora están a renunciar á loita polos dereitos da clase traballadora e celebran un paripé de negociación, tan inútil como desmobilizador) convocáramos unha Folga Xeral contra esta Reforma Laboral. Pese ó éxito de participación na folga do 29 S aínda non se logrou paralizar a Reforma, polo que a loita debe continuar, con máis razón e forza se cabe.
* Contra a redución e próxima reforma das pensións e jubilación:
Coas medidas do plan de axuste para reducir o déficit, para 2011 o goberno conxelou a pensión de máis de 6 millóns de pensionistas. O 68% dos máis de 8 millóns de pensionistas teñen unha pensión anual que non chega ao Salario Mínimo. Tampouco está garantido o dereito a unha prestación por xubilación, minimamente xusta e absolutamente necesaria.
Nesta circunstancia, o goberno presentará o 28 de xaneiro no Parlamento as súas propostas en relación ó sistema público de pensións, o que representa un ataque brutal os dereitos da clase traballadora, á que se pretende esquilmar no económico, agredir no laboral e liquidar no social.
Ameazan con fixar a idade de xubilación ós 67 anos e reducir aínda máis a prestación aumentando o período de cómputo. Deste xeito tentan rebaixar dramaticamente, ata un 30%, as pensións que corresponderían ós pensionistas das xeracións actual e vindeiras, así como excluír a centos de miles de traballadores e traballadoras da posibilidade de acadar na xubilación unha pensión contributiva, por mínima que fose.
Mentres seguen aumentando os beneficios dos empresarios e os privilexios da clase política, o goberno pretende facer recaer sobre a poboación a responsabilidade dunha crise que eles mesmos provocaron e provocan. O que en realidade hai detrás destas medidas é o propósito
de reducir o importe das pensións a curto prazo, fomentar os plans privados a medio e provocar a desaparición do sistema público a longo prazo; sistema público que quedará como sistema residual de asistencia social.
Esta é a núa realidade que estamos a vivir, na que o capital, o goberno, o parlamento, os tres da man!, aliáronse contra os traballadores e contra o conxunto da sociedade. Esa alianza maniféstase agora mesmo con dúas expresións: REFORMA LABORAL e REFORMA DO SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS E XUBILACIÓN.
Tan inxusta situación non cambiará -antes ben vaise agravar- se os traballadores non alzamos a voz para denunciala e nos mobilizamos.
Mobilizármonos para, no inmediato:
Esixir traballo para todos
Impoñer ó goberno e á clase política a derrogación da Reforma Laboral
Deter a ameaza sobre o sistema público de pensións
Con ese obxectivo a CGT de Galicia convoca Folga Xeral o 27 de xaneiro. O mesmo día, a CGT, con outros sindicatos, convocou Folga Xeral tamén en Cataluña, Biscaia, Guipúscoa e Navarra e ten convocadas manifestacións e protestas en moitos puntos do territorio do estado español. A loita continuará ata que logremos entre todos darlle un xiro radical á situación, pois sabemos que hoxe, coma sempre foi e será, a única garantía para evitar o desmantelamento dos dereitos sociais, laborais e económicos está na mobilización xeral, ampla e firmemente levada a cabo pola clase traballadora.
Por todo isto, a CGT de Galicia convoca
o día 27 de xaneiro, Folga Xeral!