Esta mañá, 26 de xuño, a empresa do telemarketing Atento presentou un ERE que afecta a 15 centros de traballo no estado español, entre eles o da Coruña. A única información que facilitan é que vai afectar ao 9% do panel de traballadores e traballadoras, e que o período de consultas se iniciará o vindeiro 3 de xullo.
O motivo alegado pola empresa é que a compañía sofre unha «importante deterioración de resultados debida fundamentalmente aos seguintes factores: 1. repatriación ou localización (volta do tráfico a España), 2. a perda de volume, e 3. a caída de marxes».
Para a CGT é aberrante, vergonzoso e incomprensible que un dos argumentos de Atento para este ERE, que pode supoñer unha perda de preto de 900 postos de traballo, sexa que hai máis traballo en España pola volta dos servizos de atención. En canto á perda de volume e a caída de marxes, son produto das nefastas condicións que negocian con Telefónica-Movistar e o seu afán por aumentar os seus beneficios.
Dende a última reforma laboral, os EREs xa non se negocian en cada comité de empresa, senón que se constitúe unha comisión negociadora formada por 13 membros elixidos entre os sindicatos con maior número de representación nos centros afectados polo ERE. Será na primeira reunión, do día 3 de xullo, cando empecen as negociacións, que teñen un prazo máximo dun mes, e cando notifiquen o número exacto de afectados e afectadas, e os criterios que pretenden seguir.
A CGT poñerá todos os medios ao seu alcance para parar esta situación e impedir que a especulación de Bain Capital na bolsa de Nova York, e a avaricia de Telefónica-Movistar e Atento sexa pagada polos traballadores e traballadoras.
Os compañeiros e compañeiras da CGT en Correos participarán na Manifestación en protesta polos recortes de postos de traballo que ten previsto levar a cabo a empresa.  Esta mobilización está convocada pola plataforma de carteiros de Ferrol para o vindeiro día 26 de xuño, ás 19.30 horas, con saída dende a praza de España. Correos pretende, baixo a eufemística expresión de «redimensionamiento», recortar ata un 25 % a plantilla, mediante xubilacións anticipadas e eliminación de postos vacantes que se cubrían ata o de agora con persoal temporal.
Como xa sabedes, a CGT de Galicia participa na Plataforma Galega das Marchas da Dignidade. Esta Plataforma convoca unha manifestación para o próximo día 21 de xuño, sábado, en Compostela que partirá ás 12 horas da estación do ferrocarril e rodeará o Parlamento Galego. Esta acción é continuidade da Marcha da Dignidade que tivo lugar en Madrid o pasado 22 de marzo e farase en coordinación co resto de Plataformas de todo o Estado, que farán manifestacións similares en todas as capitais autonómicas.
Esta xornada de folga é a continuación dos paros parciais levados a cabo dende o mes de xaneiro por todos os traballadores e traballadoras de ambas as dúas contratas para protestar polas deplorables condicións laborais ás que están sometidos: presión excesiva, acoso, sancións, despedimentos, exhaustivo control do traballo, con constantes auditorías e gravacións indiscriminadas, que se unen a unha constante inestabilidade laboral e uns salarios moi baixos. A territorialización dos servizos de atención de Movistar trouxo unha falsa imaxe de proximidade, porque en teoría se atenden as chamadas dende sitios próximos ao lugar de residencia dos clientes, pero á vez unha precarización das condicións laborais de todos os traballadores e traballadoras do sector, xa que o que antes se atendía en plataformas situadas en países con salarios moito máis precarios, agora ha de ser atendido dende España ao menor custo posible.