CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/vilagarcia-15-o-%c2%a1defensa-dos-postos-de-traballo/
Export date: Fri Mar 29 8:42:55 2024 / +0000 GMT

Vilagarcía 15-O: ¡Defensa dos postos de traballo!


As traballadoras de Alfageme en Vilaxoán (ex-Conservas Peña) e a CGT convocan en Vilagarcía, o venres 15 de outubro, unha manifestación en defensa de Alfageme, da actividade conserveira, o mantemento dos postos de traballo e a defensa do tecido industrial da comarca. Comenzará ás 20:00 h. na Praza de Ravella e rematará na Praza de Galicia.Chamamos a toda a sociedade da Arousa para que non consinta o que está a suceder: que máis de 10.000 traballadores e traballadoras do Salnés estean no paro, que máis do vinte por cento delas teñen rendas anuais inferiores a 9.000 euros e que, agora, ameacen de peche unha empresa conserveira fundamental da comarca, sen outra razón que o roubo social en favor de empresarios sen escrúpulos.

Como vimos facendo dende fai case catro anos, tamén agora as traballadoras de Alfageme en Vilaxoán e a CGT manifestamos a nosa vontade de defender os postos de traballo e a continuidade da actividade conserveira, ameazados polos intereses alleos á conserva dos actuais propietarios de Alfageme e dos especuladores que non dubidan en arruinar empresas e lanzar a milleiros de persoas ó paro para adquirilas á baixa, e tamén pola irresponsable complicidade dos sucesivos gobernos da Xunta.

En decembro de 2006 a inmobiliaria Promalar fíxose única propietaria de Conservas Alfageme, coas súas catro factorías, en Vigo, Ribadumia, O Grove (antes Marsac) e Vilaxoán (antes Conservas Peña). Apenas tres meses máis tarde os propietarios fixeron público un Plan Estratéxico (renovado no 2009, como Plan de Viabilidade), que anunciaba o peche das catro fábricas e a suposta construción de dúas novas, unha na comarca de Vigo e outra no Salnés. A operación íase financiar co valor dos solares liberados e ‘xenerosas" axudas da Xunta de Galicia. Este era o verdadeiro obxectivo de todo o ‘Plan": que a inmobiliaria Promalar quedase co solar da r/ Tomás Alonso en Vigo valeiro e, previa recalificación urbanística, poder adicalo á construción.

Cómo foi posible que este antisocial e destrutivo Plan ‘convencese" da súa viabilidade aos políticos galegos? O caso foi que mentres a CGT e as traballadoras de Vilaxoán denunciaban publicamente que este Plan non era outra cousa que un xigantesco fraude que nos ía levar á ruína e ameazaba co peche da actividade conserveira non só na fábrica de Vigo senón tamén nas outras tres, a Xunta de Galicia entregou, a través do IGAPE, avais bancarios para levar a efecto este Plan por valor de máis de 44 millóns de euros.

Cómo foi posible que semellante cobiza e rapiña de fondos públicos compracese á representación sindical maioritaria -CIG, UGT e máis tarde tamén a CCOO-, disposta a cambiar postos de traballo por indemnizacións ou a aceptar submisamente o peche de fábricas centenarias e prestixiosas, altamente cualificadas na produción conserveira, a cambio de nada (¡que nos saibamos!)?

A situación actual ven dando a razón ás traballadoras de Vilaxoán e á CGT, que se mobilizaron nos catro últimos anos para evitar a desfeita. Bastou que estalara a crise inmobiliaria ... que o desinterés dos empresarios pola conserva desmerecera a produción ... que a recalificación dos solares non cumprira todas as expectativas de Promalar ... que a débeda financeira medrara sen control ... e que os traballadores e traballadoras de Vigo, O Grove e Ribadumia tolerasen todo isto sen mobilizarse na defensa dos seus postos de traballo... para que esteamos hoxe na situación límite que estamos a vivir: A factoría de Vigo xa pechada e as tres restantes fábricas sometidas a un ERE suspensivo que debería rematar, se nada se torcese, coa reanudación da actividade industrial conserveira con garantías suficientes para as traballadoras a partir do 17 de novembro.

A loita das traballadoras e da CGT na defensa dos postos de traballo da conserva na fábrica de Vilaxoán continúa, máis firme que nunca se cabe, ante o perigo de que o ERE remate coa liquidación da empresa. Non hai ningunha razón lexítima para que tal cousa suceda. A fábrica de Vilaxoán, como unidade produtiva, dispón de todas as condicións favorables para soster a súa actividade conserveira -estrutura, medios, tecnoloxía, experiencia e produtividade- e conta cunhas traballadoras dispostas a defender os seus dereitos e postos de traballo e o mantemento do tecido industrial da comarca, pois non é só o seu propio pan senón tamén o dos seus fillos e fillas e o do resto da cidadanía da bisbarra.

As traballadoras de Vilaxoán e a CGT esiximos á Xunta de Galicia, que a través do IGAPE avalou este despropósito, que asuma a súa responsabilidade, aposte por manter a actividade conserveira e a continuidade dos postos de traballo e por recuperar os cartos públicos comprometidos.

Esiximos aos propietarios da empresa (novos ou vellos, asociados con maioría ou en minoría, etc) a posta en marcha do plan industrial conserveiro que garante os postos de traballo e a reanudación da actividade produtiva en Vilaxoán o máis tardar o 17 de novembro. Tamén que cumpra coas cláusulas que asinou no Plan presentado en setembro diante da administración concursal e da representación dos traballadores: o Convenio cos Acredores e a Ampliación de capital. Estes dous compromisos lograron que todos os traballadores e traballadoras de Alfageme, coa unanimidade de tódalas forzas sindicais (CGT, CCOO e CIG), aprobásemos a prórroga do ERE suspensivo ata ó 16 de novembro.

Esiximos á administración concursal o cumprimento da finalidade do ERE suspensivo: a continuidade da actividade produtiva conserveira no máis breve tempo posible.

Non consentiremos ningunha ‘solución" para as dificultades actuais da empresa que non pase polo mantemento dos postos de traballo na factoría de Vilaxoán e a elaboración dun Plan de empresa que garante a continuidade da produción conserveira coa actual plantilla. Non consentiremos o despece de Alfageme, nin a segregación de ningunha das catro factorías de Alfageme antes de que a produción conserveira estea en marcha, as plantillas recoñecidas en tódolos seus dereitos e as traballadoras no seu posto de traballo, producindo conserva.

Vilagarcía de Arousa, 15 de outubro 2010
CGT-Arousa
Post date: 2010-10-09 20:34:24
Post date GMT: 2010-10-09 19:34:24

Post modified date: 2010-10-09 20:35:58
Post modified date GMT: 2010-10-09 19:35:58

Export date: Fri Mar 29 8:42:55 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com