CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/un-pacto-de-rendas/
Export date: Sun Jun 26 14:56:05 2022 / +0000 GMT

Un pacto de rendas?




A escalada belicista que se desatou tras a invasión de Ucraína por parte de Putin, debuxa un panorama desalentador, as guerras, auspiciadas polas ansias imperialistas, son un gran negocio para a industria armamentística pero un gran prexuízo para os pobos.

A subida escandalosa dos prezos dos produtos básicos está propiciada pola especulación dos mercados que aproveitan o drama humano para aumentar os beneficios das grandes multinacionais. Velaí o caso do oligopolio eléctrico que leva meses incrementando artificialmente os custos da enerxía, sen que os Gobernos fagan algo para evitalo.

A situación actual agudiza o empobrecemento das traballadoras e traballadores, obrigadas a soportar o peso das sucesivas crises económicas, mentres que as fortunas dos máis ricos non deixan de aumentar.

A CGT de Galicia leva meses denunciando esta situación de abuso e de espolio das clases populares, reclamando unha repartición xusta da riqueza a través de subidas salariais que recuperaren o poder adquisitivo perdido durante todos estes anos, así como o reparto do traballo. Pola contra, o Goberno do Estado Español está a buscar “un pacto de rendas” entre a patronal e os sindicatos maioritarios, CCOO e UGT, que de levarse a cabo, suporá un recorte dos salarios, o que causará un maior sufrimento para as maiorías sociais.

Urxe acabar coa especulación dos prezos da enerxía, dos produtos básicos ou da vivenda. Este sindicato rexeita o incremento do gasto en defensa, que só obedece a intereses privados, e comportará, inevitablemente, un menoscabo dos servizos públicos como son a educación e sanidade, fomentando unha maior deterioración das condicións materiais da clase traballadora.

A CGT de Galicia resalta a necesidade de avanzar na conquista de dereitos sociais, acabando coa precariedade laboral, así como coa desvalorización salarial que só beneficia á patronal. Nestes momentos difíciles, é necesaria unha maior conciencia colectiva que propicie mobilizacións nas rúas para esixir o fin de todas as guerras e a defensa dos dereitos humanos.

Secretariado Permanente

CGT de Galicia.

Post date: 2022-03-18 09:12:35
Post date GMT: 2022-03-18 09:12:35

Post modified date: 2022-03-18 09:12:37
Post modified date GMT: 2022-03-18 09:12:37

Export date: Sun Jun 26 14:56:05 2022 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com