post

7 de decembro, paro de 24 horas en Atento

CONTINÚAN OS PAROS DE DÚAS HORAS OS VENRES INDEFINIDAMENTE

            Como continuación do calendario de mobilizacións iniciado o pasado 26 de outubro para esixir a retirada da medida tomada por Atento de rescindir unilateralmente os contratos de traballo a distancia a un grupo de traballadoras, e despois de que a empresa decidira a pasada semana obrigar a traballar no centro a outro grupo, o Comité de Empresa, do que forma parte a CGT, convoca un novo paro laboral de 24 horas o día 7 de decembro, ademais de continuar con paros de dúas horas ao remate da xornada os venres.

Con esta nova xornada de loita os e as traballadoras queremos denunciar a irresponsabilidade de Atento, que pon en risco a nosa saúde e a das nosas familias, obrigándonos a acudir ao  centro de traballo en Juan Flórez. O seguimento (que esperamos sexa masivo) desta folga pretende amosarlles a Atento e ó seu cliente Movistar que o persoal laboral vai seguir mobilizándose ata que deixen de poñer en perigo as nosas vidas e as do noso entorno. Desgraciadamente, no tocante a riscos laborais estas empresas están abusando das e dos traballadores aproveitando a inoperancia das medidas preventivas implantadas polas administracións públicas, que permiten que se dean situacións coma esta sen poñerlles freo de inmediato.

O Comité de Empresa seguerá a esixir o teletraballo durante a pandemia para garantir a nosa saúde, É importante recordar que o traballo realizado no sector do telemárquetin se pode facer indiscutiblemente a distancia, tal e coma está a realizar a maioría do persoal de Atento hai meses.

Sección Sindical CGT Atento Coruña