CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/primeiro-de-maio-na-coruna/
Export date: Sat Apr 20 10:33:36 2024 / +0000 GMT

Primeiro de Maio na Coruña


Cabecera de la manifestación del año pasado
O primeiro de maio, a CGT da Coruña ten convocada unha manifestación que sairá ás 12 do mediodía da Praza de Pontevedra. Con ese motivo, a CGT da Coruña ven de publicar o manifiesto que se reproduce a continuación:

"Dignidade, organización e loita

Este Primeiro de Maio, a CGT da Coruña está novamente na rúa. O agravamento da situación laboral dos traballadores é palpable ante a indiferenza dos chamados responsables políticos e o enriquecemento continuo dunha patronal insaciable. Nunca a banca e a patronal se gabou de ter tantos beneficios como agora e a situación das familias traballadoras hai moitos anos que non era tan dramática.

Á escandalosa e abusiva suba dos prezos das subsistencias, que continúa ante a pasividade dos gobernos chamados de esquerdas, tanto o central como o autonómico, hai que engadir a suba da electricidade e do gas doméstico. Se a isto lle engadimos o prezo da vivenda e das hipotecas, a situación só pode ser descrita como insostible.

O paro está aumentando e xa avisan de que o seguirá facendo. Virannos co conto de que "tenemos que arrimar el hombro" ou de que "todos vamos en el mismo barco". Diránnolo tamén as centrais sindicais pactistas, para os que non somos outra cousa que a xustificación do seu aparato burocrático e da súa parcela de poder, e volverán asinar pactos de fame e de miseria. Pois ben, a CGT declara que quen crea a riqueza non é o capital, senón os traballadores, que sempre acabamos arrimando o lombo os mesmos e que, se imos no mesmo barco, a uns sempre nos toca ir remando na sentina mentres uns poucos lacazáns ocupan os camarotes de luxo; a CGT declara que hai más dignidade nunha unlla dun explotado que en tódolos consellos de administración por xunto e que vai loitar polo reparto do traballo e da riqueza ata conseguir que esta vida sexa merecente de ser vivida.

Queremos lembrar, no Día do Traballo, os máis de 1.000 traballadores que morreron en accidentes de traballo en España durante o ano pasado, máis de 30 na provincia da Coruña. A CGT négase a admitir como inevitables estas mortes, froito da avaricia empresarial e da indiferenza das chamadas autoridades laborais, en especial da inútil Inspección de Traballo. Cada un deses mortos é unha proba patente do que somos para o sistema capitalista: animais ós que espremer e ferramentas que en canto están inservibles van para o esgace.

A CGT rexeita os brotes racistas que se están dando na Coruña. Baixo a coartada de problemas de convivencia, algúns grupos están promovendo axitacións cun fondo ideolóxico fascista. Facemos un chamamento ós traballadores para que non participen nesas mobilizacións e que non se deixen manipular por estes novos profetas da caverna e da segregación.

Non podemos esquecer tampouco hoxe o que este sistema inxusto está provocando en outras partes do mundo: a sangría cotiá en Iraq, as guerras ocultas de Sudán, de Palestina, de Chechenia, de Armenia… O exército español mantén, mesmo hoxe, tropas en Afganistán, un país en guerra permanente desde hai máis de vinte anos grazas á política das grandes potencias e das súas multinacionais. Tamén hai que lembra-la situación de resistencia popular en Oaxaca, en Chiapas e noutros lugares do mundo. Vaia con eles e coas vítimas da rapina capitalista o noso apoio solidario.

Por todo isto, a Federación Local Obreira da CGT está na rúa este Primeiro de Maio. Hai suficientes motivos para que os traballadores saiamos á rúa denunciar publicamente este sistema social inxusto, a explotación do home polo home, a iniquidade da propiedade privada dos medios de produción e a usurpación da vontade colectiva por institucións políticas que só están ó servizo absoluto do poder económico.

As traballadoras e os traballadores temos que enfrontarnos a esta situación. Só a través da nosa organización podémonos opoñer a que continúe e nos poñerá en posibilidade de cambia-las cousas. E só a firmeza e a loita nos poderá da-la dignidade e o recoñecemento que como clase nos merecemos. Un mundo novo non se pode conseguir desde a covardía, o egoísmo e a submisión. Recuperémo-lo que é noso e construamos unha sociedade xusta e igualitaria.

Viva a Clase Obreira!
Viva o Primeiro de Maio!

A Coruña, Primeiro de Maio de 2008"
Post date: 2008-04-18 18:05:15
Post date GMT: 2008-04-18 17:05:15

Post modified date: 2008-04-18 21:17:21
Post modified date GMT: 2008-04-18 20:17:21

Export date: Sat Apr 20 10:33:36 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com