post

 

O próximo Primeiro de Maio, a CGT da Coruña voltará saír ás rúas para reivindicarse como clase, convocando, conxuntamente coa CNT, a CUT e o Sindicato da Elevación, unha manifestación que partirá ás 12:30 horas, da Praza de Pontevedra e rematará no Campo da Leña.

O texto da CGT di o seguinte:

BASTA DE MENTIRAS, INXUSTIZA E EXPLOTACIÓN!!!

Compañeiras e compañeiros:

        A situación da nosa clase, da clase traballadora, non fai máis que deteriorarse. A suba imparable dos prezos das subsistencias, xunto cunhas miserentas subas salariais nos convenios colectivos, estannos abocando á pobreza máis extrema, pobreza que se estende imparablemente incluso entre quen ten contrato fixo a tempo completo. Millóns de persoas no paro, entre as que máis da metade non teñen ningún tipo de prestación, ou millóns con contratos cativos a tempo parcial, fan que a estatística boiante non sexan máis ca un espellismo mentirán que só reflicte a realidade dun reducido número de persoas.

        A isto temos que sumarlle novas decisións desde o Goberno, decisións como a de revogar a reforma laboral de Rajoy só en aspectos mínimos e colaterais, mentres outros fundamentais seguen vixentes, como o despedimento sinxelo e barato, o tratamento dos despedimentos improcedentes, e outros. Tamén o Goberno presentou unha reforma das pensións que provocará, a medio prazo, a diminución das pensións iniciais ao incrementar, progresivamente, o número de anos que se terán en conta para calcular a pensión e aumentar tamén o número de anos precisos para ter dereito a un 100 % daquela. Esta reforma, presentada como un gran avance co aval do sindicalismo institucional, é un novo retroceso para os traballadores e traballadoras e un empurrón máis cara ás pensións privadas ás que so poderán acceder uns poucos privilexiados.

        Non só é que os logros dos que presume este goberno sempre sexan moi inferiores ás expectativas e ás promesas coas que lle pediron o voto ó corpo electoral, senón o certo é que eses logros son mentira, fachada de cartón pedra e agocho da verdadeira natureza da súa acción de goberno. As leis e normas que aproban sempre van en beneficio da casta capitalista responsable da degradación do planeta e da internacionalización da guerra e do saqueo universais, con centos de millóns de persoas en situación de fame ou miseria, vítimas da guerra e da explotación da clase traballadora.

Non podemos esquecer o papel que o sindicalismo institucionalizado está xogando en toda esta situación: ademais de avalar as decisións prexudiciais do goberno, está asinando cunha patronal cobizosa subas salariais miserentas, que nin se achegan á suba do custo da vida: alimento, vestido, teito, enerxía, ocio e cultura é o menos ao que se pode aspirar nesta vida para que sexa merecente de ser vivida.

        Non podemos seguir así, aturando como normais os enganos e a explotación. A CGT da Coruña fai un chamamento para que nos organicemos e loitemos contra esta situación. Non é unha maldición divina que sexa imposible de combater. Sabemos que o esforzo será grande, pero só así conseguiremos que a clase traballadora, a auténtica creadora da riqueza, ocupe o lugar que lle corresponde na sociedade e acabe con este sistema económico e social inicuo e inxusto. A mobilización é a arma que temos e tamén a nosa forza. Por iso, este Primeiro de Maio debe ser o día en que amosemos que xa non imos aturar máis as mentiras, inxustizas e explotación, e que despois deste día a nosa mobilización será constante e contundente.

A Coruña, maio de 2023

VIVA O PRIMEIRO DE MAIO!!

VIVA A CLASE OBREIRA!!

Comité Local da CGT da Coruña




Comparte esta entrada ...