CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/primeiro-de-maio-na-coruna-5/
Export date: Fri Mar 29 5:52:42 2024 / +0000 GMT

Primeiro de Maio na Coruña


O Primeiro de Maio a CGT da Coruña, xunto coa CUT e o SE, convoca de novo a manifestación do Día do Traballo. O inicio terá lugar na Praza de Pontevedra, ás 12:30, e rematará na Praza de España.

Hai que esixir que se reparta o traballo e a riqueza

O 1º de Maio sempre ten que ser un día reivindicativo e de loita como garantía dos dereitos: ao traballo digno; a unha xornada laboral que posibilite conciliar o traballo coa vida; a un salario e prestacións sociais suficientes, ben cando se ten emprego e tamén cando non se ten; a pensións adecuadas para vivir con dignidade, para loitar contra as reformas laborais, os desafiuzamentos ou as leis mordaza.

O empobrecemento material de millóns de traballadores e traballadoras, a través de mecanismos como o recorte masivo das rendas salariais, está a xerar unha das sociedades máis desiguais do mundo. Segundo datos do Banco de España, o 25% da poboación vivía xa en risco de pobreza ou exclusión social antes da pandemia. A situación cando esta termine pode ser catastrófica. Isto supón que 4,5 millóns de fogares non poden facer fronte a necesidades tan básicas como pagar un alugueiro ou unha hipoteca, manter quentes as súas casas ou sinxelamente comer todos os días.

Catro millóns de persoas en paro, ás que o Estado lles nega o seu dereito máis esencial como clase traballadora: o dereito a "gañarse a vida". Tampouco lles recoñece o Estado o dereito a unhas prestacións sociais suficientes para vivir dignamente.

Fronte a iso, o ano pasado realizáronse case 25 millóns de horas extraordinarias, das que non se pagaron máis de 11 millóns. E resulta especialmente demoledor o dato que no caso das mulleres máis da metade das horas extraordinarias non fosen retribuídas.

A pandemia, ademais, evidenciou outras vergoñas do sistema. Púxose o interese económico por encima da vida das persoas; protexéronse intereses particulares por encima das necesidades da inmensa maioría; algunhas administracións miraron cara a outro lado cando se incumprían sistematicamente distintos preceptos legais; manga ancha cuns e nada para o resto. O sistema sanitario, ferido de morte tras as continuas privatizacións, colapsou e, a teor dos feitos -que son túzaros-, a sanidade privada demostrou a súa enorme incapacidade.

Veñen tempos difíciles, tempos convulsos, tempos onde os intereses das elites tratarán de impoñerse novamente á clase traballadora. Con todo, non podemos permitir que a crise a paguen, unha vez máis, os e as de sempre. Porque sería intolerable que permitísemos, como sociedade, un novo rescate ás entidades financeiras mentres as condicións de vida da clase obreira seguen degradándose a velocidade de vertixe.

Este 1º de Maio ten que seguir sendo o día en que millóns de traballadores e traballadoras digamos BASTA e enchamos as nosas vidas cotiás, non de sufrimento nin desesperación, senón de LIBERDADE, impoñendo a gobernos, empresarios e poderosos, outra Orde Social, outro sistema, onde a repartición do traballo e da riqueza, faga que unha VIDA DIGNA para todas as persoas sexa posible aquí e agora.

VIVA O 1º DE MAIO!

VIVA A LOITA DA CLASE TRABALLADORA!

CGT da Coruña

Post date: 2021-04-27 17:22:15
Post date GMT: 2021-04-27 16:22:15

Post modified date: 2021-04-27 17:27:12
Post modified date GMT: 2021-04-27 16:27:12

Export date: Fri Mar 29 5:52:42 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com