CGT Galicia http://www.cgtgalicia.org/primeiro-da-maio-na-coruna/ Export date: Sat Nov 2 11:42:59 2024 / +0000 GMT |
Primeiro da Maio na CoruñaEste Primeiro de Maio, a CGT da Coruña volverá sair á rúa. A manifestación partirá da Praza da Pontevedra, ás 12 horas. O manifesto da CGT coruñesa di o seguinte: "Este Primeiro de Maio de 2009 os traballadores atopámonos nunha situación insostible. O desemprego chega xa a preto do número de 4.000.000 de parados, moitos deles sen cobertura ningunha, e esta situación esixe unha resposta contundente pola nosa parte. Os políticos dinnos que se trata dunha crise global da que non son responsables. Pero o que non nos din é o porqué estes mesmos políticos, a través das chamadas "autoridades laborais" aproban centos de expedientes de regulación de emprego (EREs), a maioría deles fraudulentos, que lanzan ao paro a milleiros de traballadores dun día para outro. Tampouco nos din eses políticos que moitos dos novos parados son por contratos que non se renovan e que non se renovan porque a lexislación actual, aprobada por eses mesmos políticos, permite que se produza esta situación. Non podemos deixar a un lado o problema da vivenda: moitos traballadores están a perder a súa porque están abafados polo seu prezo, tanto en compra como en aluguer, e vense acosados polos bancos e caixas que, coma voitres que son, andan á calaza que se lles poña a xeito. Os economistas que comen na maseira do poder dinnos que a xente se meteu en cousas que non podía pagar, pero nós defendemos, ante tal insidia e deshumanización, que todo o mundo ten dereito a unha vivenda digna e a intentar facerse con ela. É máis, os políticos teñen a obriga de buscar o modo de facilitala, sendo como é un dereito recoñecido pola Constitución, tan usada por eles para o que lles interesa. "Hay que arrimar el hombro", "Tenemos todos que remar en la misma dirección". Esa é outra das grandes mentiras dos próceres da patria. Cando isto din, o que realmente queren dicir é que "Hai que traballar máis horas sen cobralas" e que "Hai que estar á disposición completa do que diga o xefe". Pero nós dicimos que o lombo é noso e que, polo tanto, a riqueza que produzan as nosas costas debe ser para nós e non para aqueles que, en troques de vogar, gozan da brisa mariña na cuberta de luxo. E que dicir dos chamados sindicatos "maioritarios"? Agora están comezando a facer unhas farsas de mobilizacións e intentan que os traballadores non nos saiamos do rego nas protestas. É máis, limitan a súa queixa a que non se toquen os dereitos establecidos. Viven os xerifaltes das cúpulas sindicais no mellor mundo posible e o seu lema para este Primeiro de Maio ben podería ser "¡Virgencita, virgencita, que me quede como estoy!", intentando que esteamos ben suxeitos polo adival. Pero a CGT non está disposta a quedarse cos brazos cruzados esperando a que sigan caendo paus sobre as costas dos traballadores. Non imos estar impasibles mentres os que se enriqueceron durante estes anos despiden á xente coa escusa da crise e todos, políticos, sindicatos maioritarios, autoridades laborais, miran para outro lado. Para a CGT é imprescindible a mobilización xeral para poñerlle freo a esta situación. Non podemos consentir que os empresarios continúen facendo o que lles pete sen respectar ao traballador nin a súa dignidade. Por iso, a CGT ten acordado promover a realización dunha Folga Xeral en toda España con todos aqueles sindicatos, pequenos e grandes, que estean dispostos a seguir este camiño de loita e non de submisión. Compañeiros e compañeiras: este ano, máis que nunca, VIVA O PRIMEIRO DE MAIO VIVA A CLASE OBREIRA" |
Post date: 2009-04-24 17:58:25 Post date GMT: 2009-04-24 16:58:25 Post modified date: 2009-04-24 17:58:25 Post modified date GMT: 2009-04-24 16:58:25 |
Export date: Sat Nov 2 11:42:59 2024 / +0000 GMT This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ] Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com |