CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/novos-ingresos-en-navantia-de-mal-en-peor/
Export date: Sun Oct 6 7:08:48 2024 / +0000 GMT

Novos ingresos en Navantia: de mal en peor




Onte houbo unha nova xuntanza entre Navantia e as comisións de Formación dos comités de empresa das factorías de Fene e Ferrol, e a cousa vai de mal en peor: a empresa comunicou onte que nas prazas de universitarios junior non pensa publicar ningunha lista, nin de admitidos nin de non admitidos. Por tanto, tampouco haberá ningún período de reclamacións.

Todo este proceso das prazas de Navantia comezou mal, empezando pola sinatura entre a empresa e o anterior comité de empresa dunhas bases para as prazas junior suspendidas uns días despois para renegocialas, seguindo polo límite dun máximo de 3 anos de experiencia profesional (o cal é de dubidosa legalidade), por unhas probas de acceso para as prazas de titulacións universitarias sen ningunha proba obxectiva, por un nivel escandaloso de non admitidos nas listas provisorias de operarios e empregados junior (66"2%), pola imposibilidade de subsanar erros ou aportar documentación pendente (intención na que a empresa se ratificou onte), polo anuncio de ingresos de operarios sen convocatoria pública... E onte, esta última "novidade", que, visto o visto, nos tememos que non será a derradeira.

Navantia é una empresa pública. Este nivel de escurantismo é inaceptable. Que se quere ocultar?

O que está pasando é grave e a CGT pensa que hai que dicir ¡basta! e esixir:

  • Probas de acceso obxectivas para tódalas prazas, incluídas as de titulados universitarios.
  • Publicación das listas de admitidos e non admitidos, e período de reclamacións en tódolos casos.
  • Dereito a subsanar erros ou aportar documentación pendente nos períodos de reclamación.
  • Convocatoria pública de tódalas prazas. 

O comité de empresa de Navantia-Ferrol debe abrir un proceso de debate sobre toda esta situación co conxunto dos traballadores a través dunha rolda de asembleas parciais, culminando a mesma cunha asemblea xeral na que se decidan as posibles medidas a tomar.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

Post date: 2020-01-10 18:39:25
Post date GMT: 2020-01-10 17:39:25

Post modified date: 2020-01-10 18:39:27
Post modified date GMT: 2020-01-10 17:39:27

Export date: Sun Oct 6 7:08:48 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com