Non ao peche de Conservas Peña
Alfageme e goberno da Xunta, cómplices

A finais do ano pasado o grupo empresarial inmobiliario PROMALAR mercou a totalidade das accións de CONSERVAS PEà‘A e das conserveiras ALFAGEME (con tres centros de traballo, en Vigo, no Grove e en Ribadumia).

Once meses máis tarde, no pasado outubro, o Director Xeral do novo grupo conserveiro, á saída dunha reunión con membros do goberno galego declarou aos medios de comunicación dúas cousas:
No prazo de dous anos pecharán as tres conserveiras do Salnés (Conservas Peña, Mariscos San Caetano do Grove e o centro de Ribadumia), para abrir hipoteticamente unha nova factoría nun lugar que está aínda por decidir.
O custo desa operación, valorado en 126 millóns de euros, vainos conseguir a empresa por tres vías:

  • – Máis da metade do custo total vaillo proporcionar a Xunta de Galicia con subvencións a fondo perdido.
  • – Caixanova aportará 24 millóns de euros baixo a forma dun crédito, coa condición de que a Xunta firme como avalista. Segundo declaracións do Conselleiro de Economía este aval xa lle foi concedido, polo que, con toda a probabilidade, será tamén o diñeiro público quen acabe pagando.
  • – O resto da inversión vaino conseguir o grupo PROMALAR coa venda dos terreos que ocupan na actualidade as tres conserveiras, previa recalificación urbanística polas administracións correspondentes. Sospeitamos, con todo fundamento, que a venda acabarase facendo a outras empresas do mesmo grupo inmobiliario PROMALAR.

Todo este Plan non é máis que un fraude aos traballadores e a toda a sociedade galega, pois coa aparencia dunha estratexia industrial agóchase unha operación de desvío masivo de cartos públicos para petos privados e unha agresión sen precedentes a toda nosa comarca. Este Plan impón o peche dos tres centros de traballo, o despido de tódalas traballadoras actuais e o desmantelamento industrial da zona coa escusa da "necesaria concentración de empresas no sector conserveiro para ser máis competitivas". Sen embargo, esta escusa é un atrópello e un engano máis, pois unha cousa é a concentración do capital e a unión de varias empresas para formar unha única e outra cousa moi distinta é pechar tres centros de traballo (pertenzan ou non á mesma empresa) coa desculpa de que se vai abrir un novo.

As traballadoras de Conservas PEà‘A non imos consentir o peche do noso centro de traballo, pois as instalacións e a plantilla estamos en condicións de producir o que sexa necesario e, coas inversións oportunas, atender ás novas esixencias do mercado conserveiro.

Facemos un chamamento ó pobo de Vilagarcía e ás súas institucións para que, xuntos, defendamos os postos de traballo e a riqueza industrial da nosa comarca.

Non consentiremos que os intereses especulativos e inmobiliarios de PROMALAR afundan as nosas vidas condenándonos ó paro. Non consentiremos que o goberno da Xunta ampare, avale e conceda crédito a semellante operación, que nada ten que ver coa modernización industrial de Galicia, senón cos intereses políticos, inmobiliarios e urbanísticos máis antisociais.

Acude á manifestación o próximo sábado día 1 de decembro, ás 12 horas, dende a Praza de Ravella.

Traballadoras de Conservas Peña

Comparte esta entrada ...