CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/manifesto-da-cgt-da-coruna-para-o-primeiro-de-maio/
Export date: Mon Nov 4 21:41:32 2024 / +0000 GMT

Manifesto da CGT da Coruña para o Primeiro de Maio


Mans CGT Este Primeiro de Maio, a CGT da Coruña está novamente na rúa. O agravamento da situación laboral dos traballadores da comarca ante a indiferencia dos responsables políticos fai que teñamos que denunciar publicamente as falcatruadas impunes da patronal. De feito, os gobernos que se pretenden de esquerdas, tanto central como autonómico, sen esquecer ó Concello da Coruña, se limitan a facer valeiras declaracións de solidariedade, pero sen utilizalos mecanismos que posúen para frea-la sangría de postos de traballo na comarca. Neste senso, os casos de La Toja e de Atento son paradigmáticos: declaracións públicas de repulsa, mediación das chamadas autoridades e, con sorte, as empresas conseguirán o que querían: a reducción de postos de traballo por un custo lixeiramente superior ó calculado inicialmente. Pero a CGT non acepta esta situación que deixa ós traballadores indefensos, no paro e cuns poucos cartos máis no peto, cartos que se esfumarán máis cedo que tarde. A CGT non pode acepta-la desaparición constante de postos de traballo e, moito menos, que os empresarios segan enchendo as súas arcas a costa da das penurias, explotación e inseguridade laboral dos traballadores. A CGT non acepta ese sindicalismo pactista que só supón un continuo retroceso nos dereitos laborais, e a CGT non acepta ese derrotismo de que as cousas son así porque non é posible que sexan de outra maneira. Non podemos esquecer, no Día do Traballo, ós compañeiros que xa non están con nós. Mil douscentos traballadores perderon a vida en accidentes de traballo en España durante o ano pasado, case catro cada día. Destes traballadores, máis de vinte eran da provincia da Coruña. A CGT négase a admitir como inevitables estas mortes, froito da avaricia empresarial e da indiferencia das chamadas autoridades laborais, en especial da inútil Inspección de Traballo. Cada un deses mortos é unha proba palpable do que somos para o sistema capitalista: animais ós que muxir, ós que espremer ata a última pinga de sangue; máquinas que en canto están inservibles van para o esgace. Tampouco podemos esquecer hoxe o que este sistema inxusto está provocando en tódalas partes do mundo: a sangría cotiá en Iraq, onde vai xa medio millón de mortos, as guerras ocultas de Sudán, de Palestina, de Chechenia… O exército español mantén, hoxe mesmo, tropas na guerra de Afganistán, un país en estado bélico desde hai máis de vinte anos grazas á política das grandes potencias e das súas multinacionais. Tamén hai que lembra-la situación de resistencia popular en Oaxaca, en Chiapas e noutras partes do mundo. Vaia con eles e coas víctimas da rapina capitalista o noso apoio solidario. Por todo isto, a CGT está na rúa hoxe. A Federación Local Obreira considera que hai suficientes motivos para que as organizacións sindicais estiveran xuntas este Primeiro de Maio. Sen embargo, os enfrontamentos entre as cúpulas das organizacións chamadas maioritarias non permitiu facer un acto unitario como a ocasión o requiría. Pero non importa; aquí está a CGT para denunciar publicamente este sistema inxusto, a explotación do home polo home, a iniquidade da propiedade privada dos medios de producción e a usurpación da vontade colectiva por institucións políticas que só están ó servicio absoluto do poder económico. E que podemos facer para enfrontármonos a esta situación? Para nós, a resposta está clara: só a través da organización dos traballadores nos podemos opoñer a que esta situación continúe e nos poñerá en posibilidade de cambia-las cousas. E só a firmeza e a loita nos poderá da-la dignidade e o recoñecemento que como clase nos merecemos. Un mundo novo non se pode conseguir desde a covardía, o egoísmo e a submisión. Todos sabemos, e o capitalista o primeiro, que o mendigo non ten dereito á esmola. Recuperémo-lo que é noso e construamos unha sociedade xusta e igualitaria.

Viva a Clase Obreira!


Viva o Primeiro de Maio!


A Coruña, Primeiro de Maio de 2007


MANIFESTO 1 MAIO CGT CORUà‘A 1
Links:
  1. http://www.cgtgalicia.org/wp-content/uploads/2007/ 04/organizate-e-loita.pdf
Post date: 2007-04-30 11:04:38
Post date GMT: 2007-04-30 10:04:38

Post modified date: 2007-04-30 11:10:16
Post modified date GMT: 2007-04-30 10:10:16

Export date: Mon Nov 4 21:41:32 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com