CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/manifesto-da-cgt-da-coruna-para-o-1%c2%ba-de-maio/
Export date: Mon May 13 9:28:36 2024 / +0000 GMT

Manifesto da CGT da Coruña para o 1º de maio


Pancarta de cabeceira para a manifestación
Este Primeiro de Maio, a CGT da Coruña volve saír á rúa. Nestes tempos nos que a patronal, apo-iándose nunha lexislación cómplice, efectúa milleiros de despedimentos de traballadores ante a pasividade do sindicalismo habitual, a CGT fai un chamamento á mobilización e a solidariedade de clase para amosar, firmemente, que terán a oposición dos traballadores todos aqueles para os que non somos máis que ferramentas de usar e tirar segundo as súas comenencias.

Cada despido é unha agresión
Para a CGT, cada un dos despedimentos que se están a producir todos os días non deben ser consentidos polos traballadores e traballadoras. O único que temos é o noso traballo e non podemos admitir que se vexa como normal que, cando lle pete ao empresario, nos dean a patada e nos manden, no mellor dos casos, a cobrar do paro.
Temos que dicir tamén que a nós dános igual que o traballador sexa fixo ou temporal, que teña contrato ou que non. Diga o que diga a lexislación, unha finalización dun contrato, aínda que sexa legal, é un despido. Non por ser legal, a situación á que se leva ao traballador é menos grave que un despedimento improcedente ou nulo legalmente.
Pois ben, para a CGT cada unha das compañeiras ou dos compañeiros que quedan no paro non é soamente unha agresión ao afectado, senón a todos nós, como traballadores; é a agresión máis dura que podemos sufrir por parte dos patróns.

Ningunha agresión sen resposta
A CGT non vai permanecer indiferente ante esta situación. A CGT non acepta a pasividade xeral que se está producindo cando despiden a alguén. Para nós, a gravidade da agresión debe ser respondida coa contundencia axeitada e, polo tanto, cada un dos despedimentos será contestada polos medios que teñamos. A mobilización e a solidariedade son e serán as directrices que guiarán a nosa acción sindical.

Un novo Primeiro de Maio
O Primeiro de Maio é, en primeiro lugar, unha manifestación de pertenza á clase obreira, o recordatorio de que esta sociedade sigue dividida en opresores e oprimidos, en explotadores e explotados. Pero este Primeiro de Maio ten unhas características que aínda fan máis necesaria a nosa presenza na rúa: máis de catro millóns de parados, milleiros de traballadoras e traballadoras desafiuzados, a ameaza dunha nova reforma laboral, o endurecemento das xubilacións, unha patronal voraz e insaciable, unha lexislación laboral que permite ás empresas o fraude continuo, unha Inspección de Traballo inútil, uns sindicatos "maioritarios" colaboradores co Estado e coa patronal, que non se cuestionan a inxusta sociedade na que vivimos... Cada un destes temas serían suficientes para saír á rúa a berrar e amosar que estamos dispostos á loita.

A CGT fai un chamamento, neste Primeiro de Maio, á mobilización, á organización e á loita para a desaparición desta sociedade inxusta na que vivimos e para consecución dunha sociedade xusta e igualitaria.

Hoxe, máis que nunca, viva o Primeiro de Maio!

Viva a clase obreira!

Post date: 2010-04-28 19:20:27
Post date GMT: 2010-04-28 18:20:27

Post modified date: 2010-04-28 19:23:19
Post modified date GMT: 2010-04-28 18:23:19

Export date: Mon May 13 9:28:36 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com