Preto de un millar de persoas uníronse á convocatoria da CGT e pola CUT. Partindo, ás 12:45, da Praza de Pontevedra, e tras unha pancarta co lema «CONTRA O SISTEMA, ORGANÍZATE E LOITA», a manifestación percorreu o centro da cidade e rematou, unha hora más tarde, na Praza do Humor. As consignas máis coreadas foron «Obreiro despedio, patrón colgado», «Contra o goberno, loita obreira», «Contra a troika, loita obreira», «A-anti-anticapitalista», «O pobo organizado funciona sen estado», e outras alusivas á situación actual.
Ao remate, membros da CUT e da CGT dirixíronse aos manifestantes. A alocución do compañeiro da CGT foi a seguinte:
Seis millóns douscentos dous mil setecentos persoas en paro. Máis do dobre da poboación total de Galicia! Esta e a situación á que nos levaron os gobernantes; á miseria, á desesperación, á pobreza, á falta de dereitos. Como fieis vasalos do capitalismo internacional, da troika, dos intereses dos financeiros, toman, unha tras outra, medidas que nos conducen aos traballadores á escravitude. Porque mentres nós sufrimos as súas políticas de recortes, eles fanse cada día máis ricos, gabándose das súas vidas de luxo e privilexios.
Estes lacaios do capital, coma os anteriores dos que non nos esquecemos, estannos mostrando a auténtica cara deste sistema que chaman democrático: un sistema ideado unicamente para favorecer ao poderoso e desprezar ao débil; un sistema con leis, si, pero con leis do embude; un sistema podrecido de arriba abaixo pola corrupción; un sistema concibido para a continuidade da explotación dos máis polos menos.
E que fan esta manda de ratas para enfrontarse a esta chamada crise? Pois machucarnos, asoballarnos, quitarnos dereitos, insultarnos, desprezarnos, faltarnos ao respecto e cubrirnos de indignidade. Para eles somos os que producimos pouco, os que tomamos medicamentos que non necesitamos, os que vivimos por riba das nosas posibilidades, os que queremos facer negocio coa dación en pago, os vagos que non queremos ir traballar a Laponia, os desafogados que non queremos xubilarnos xusto antes de morrer, os improdutivos que, estando xubilados, tardamos en palmala e causamos gastos, os que queremos que todo nolo dean feito, incluso estudar con becas!… En definitiva, somos a escoura da sociedade, bos para facerlles as mansións de luxo e para varrer as rúas, pero non merecentes dunhas condicións de traballo decentes e dunha vida digna de ser vivida.Â
Pero hoxe estamos aquí. Para berrarlles ben alto que non nos van pisar máis, que estamos dispostos a seguir loitando ata onde faga falta para impedir que nos sigan roubando o que a nosa clase, a clase obreira, o pobo, ten conseguido en xeracións de pelexa fronte a outros tan ruíns coma eles. Para dicirlles que non nos van enganar parapetándose na súa chamada democracia ou envolvéndose no seu chamado estado de dereito, que tanto eles como os anteriores xa nos ensinaron dabondo para que nunca máis confiemos nos seus cantos de sereas parlamentarias nin nas súas promesas valeiras.Â
Hoxe estamos aquí para reafirmarnos na nosa pertenza a unha clase, a clase traballadora, a súa inimiga e a que vai conseguir darlle a volta a esta situación de crecente ignominia e desastre total. Porque entre todos imos conseguir o derrubo deste goberno e deste sistema noxento, e a construción dun un sistema propio da humanidade e non das feras, unha sociedade sen explotadores nin explotados, unha sociedade xusta e igualitaria.
Compañeiras e compañeiros, Viva a clase obreira! Viva o Primeiro de Maio!
O acto rematou co canto de «A las barricadas»
CGT da Coruña