A CGT de Arousa, convoca en Vilagarcía, o próximo venres, día 22 ás 18,30h, unha manifestación en defensa dos postos de traballo e o tecido industrial da comarca, baixo o lema: ¡Non o peche de Alfageme!.
Texto da convocatoria:
As traballadoras de Alfageme e a CGT manifestamos a nosa vontade de defender os postos de traballo e a continuidade da actividade produtiva conserveira, ameazados polos intereses urbanísticos dos actuais propietarios de Alfageme: a inmobiliaria Promalar.
Dende moitos meses atrás a CGT ven denunciando e mobilizándose contra os Plans de empresa deseñados por Promalar, xa que poñen en perigo a continuidade da conserveira e condenan ó paro a decenas de familias do todo o Salnés. En particular denunciamos e rexeitamos o chamado Plan de Viabilidade, deseñado por Promalar, que impón o peche dos fábricas de Alfageme en Vigo e O Grove e ameaza con arrastrar a ruína e tamén o peche definitivo das factorías de Ribadumia e incluso Vilaxoán.
O desembarco nestes últimos días de importantes grupos empresariais do sector alimentario, que veñen facendo ofertas para comprar Alfageme e continuar coa produción conserveira, confirma a certeza da denuncia que vimos facendo as traballadoras de Alfageme e a CGT: Que o verdadeiro cáncer que está a matar a Alfageme son os intentos da inmobiliaria Promalar por facerse cos solares das fábricas, en particular o de Vigo, e a ausencia dun verdadeiro Plan de empresa conserveira.
Desgraciadamente nesa situación estamos hoxe. A ameaza da quebra da empresa e o peche de todos os centros de traballo de Alfageme está agora máis presente que nunca antes, por máis que os propietarios teñan recibido en apenas dous anos préstamos de ata 44 millóns de euros, que aínda non sabemos onde foron parar.
Só a mobilización dos traballadores e traballadoras en defensa dos seus postos de traballo poderá frear o continuo peche de empresas e o aumento do paro ata os limites actuais, cando xa hai máis de catro millóns de persoas e centos de familias que están sendo condenadas ó paro e a miseria.
Facemos un chamamento a toda a sociedade de Arousa e o Salnés a que sume e apoie esta mobilización e participe connosco na Manifestación convocada polas traballadoras de Alfageme e a CGT en Vilagarcía o próximo venres, día 22 de xaneiro, con saída da Praza Ravella ás 6 e media da tarde e que rematará con un mitin na Praza de Galicia.
¡Pola defensa dos postos de traballo e o tecido industrial da comarca!
¡Contra o paro e contra os que toleran quebras de empresas máis que probablemente fraudulentas!
¡Por un Plan da Conserva para Alfageme!
¡Non o peche de Alfageme!