CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/ferrol-navantia-discrimina-a-cgt/
Export date: Fri Mar 29 8:49:56 2024 / +0000 GMT

[Ferrol] Navantia discrimina á CGT




A CGT (Confederación Xeral do Traballo) ten unha sección sindical legalmente constituída en Navantia-Ferrol. E como tal, solicitoulle a Navantia dúas cousas: 1) O desconto na nómina da cota sindical; 2) Un correo electrónico. Resposta da empresa: si ó primeiro, non ó segundo. Navantia engade que nos facilitará un taboleiro de anuncios, para que poidamos informar ós traballadores. Tódolos días coa matraca da realidade virtual, drons voando polos talleres, buques sen cables, empresa sen papeis..., ¿e no ano 2019 nos veñen cun taboleiro de anuncios? A xefatura de Recursos Humanos de Navantia está ancorada na Prehistoria tecnolóxica. Necesita urxentemente un cursillo intensivo de Estaleiro 4.0.

Alega a empresa que "non é posible" que teñamos correo porque non reunimos os requisitos legais (obter representación nas eleccións sindicais). Esta resposta é moi cínica e demostra un dobre raseiro porque Navantia non aplica sempre o mesmo criterio.

As penúltimas eleccións sindicais foron en 2011. Sacaron delegados CCOO, CIG, UGT e USTG. Durante aquel mandato, tódolos delegados da USTG abandonaron este sindicato e formaron MAS. E a pesar de que MAS non se presentara ás eleccións, a empresa facilitoulle correo electrónico e local. E isto non o di a CGT, senón a sentenza da demanda que a USTG lle puxo a Navantia por facilitarlle a MAS ditos medios.

Esa sentenza non só di que "o sindicato MAS dispón de novo local e correo electrónico na empresa" (feito probado nº 20), senón que tamén di que "se observa conformidade entre as partes respecto dos feitos obxectivos detallados no anterior apartado de Feitos probados" (fundamento xurídico nº 1). Polo tanto, é incuestionable que a empresa facilitoulle un correo electrónico a MAS (non a un "grupo mixto" do comité de empresa). ¿Foi lóxico? Por suposto que si, dado que é un sindicato con presenza real. Pero ademais de lóxico foi legal, como demostra que a xuíza, "tendo en conta o dereito fundamental de liberdade sindical recollido no artigo 28 da Constitución", desestimase a demanda da USTG.

Malia que MAS non tiña representación no comité pola sinxela razón de que non se presentara ás eleccións de 2011 (que haxa delegados que cambien de sindicato no medio do mandato non conta a estes efectos), a empresa concedeulle correo electrónico. Se agora non llo concede á CGT non é porque a lei o impida, senón porque Navantia quere castigar á CGT en represalia pola nosa firme defensa dos intereses de clase dos traballadores (IV Convenio, folga indefinida das compañías, negociación do convenio único...). Navantia evidencia así que está moi preocupada ante a posibilidade de que a CGT entre no próximo comité porque sabe que nós non imos pastelear nos despachos, sabe que a nós non vai poder engaiolarnos para arrastrarnos "ó lado escuro".

É lamentable que unha empresa viole a liberdade sindical, máis tratándose dunha empresa pública, cuxos xestores deberían respectar os principios democráticos, no canto de actuar como sátrapas franquistas. Neste senso, no resumo de prensa diario que se publica no Periscopio (a intranet de Navantia) correspondente ó 31 de xaneiro houbo censura. En concreto, censurouse unha columna de opinión crítica coa ameaza de sanción ó noso compañeiro Xaquín García Sinde publicada ese día no Diario de

Ferrol. Isto mesmo xa pasara cando o CNI declarou oficialmente a Xaquín García Sinde como un risco para a seguridade nacional.

Igualmente, no seu escrito denegatorio do correo electrónico, Navantia lle lembra a Xaquín que non está autorizado a utilizar o seu correo electrónico corporativo para "fins distintos ós propios da súa actividade laboral". Pensamos que enviar a algúns compañeiros información sobre o convenio non é algo alleo á actividade laboral, e menos cando Navantia leva cerca de vinte anos violando o artigo do convenio que lle obriga a entregar a cada traballador un exemplar do mesmo (o último entregado foi o... ¡XXI Convenio da Bazán, asinado no ano 2000!).

Pero deixando a un lado este aspecto, con esa prohibición Navantia viola incluso a súa propia norma interna N-013 sobre uso do correo electrónico, que no seu punto

6.1.2.2 recolle explicitamente o dereito a un uso do correo para fins persoais cando é de forma ocasional, razoable e leal con Navantia. Ó mellor o problema é que a xefatura de Recursos Humanos de Navantia pensa que rexeitar o recente convenio é ser desleal coa empresa. Sexa como sexa, outro síntoma máis de mentalidade predemocrática.

Navantia xa foi condenada en 2014 por discriminación sindical (contra a CIG), cando gobernaba o PP. Pero que cun goberno que se declara socialista unha empresa pública discrimine a un sindicato e a un traballador é escandaloso porque se trata dunha vulneración do dereito democrático dos traballadores a organizarse.

Por iso o comité de empresa e o resto das seccións sindicais deberían dicir algo. Neste senso, a CGT dirixiuse ó comité e a todas elas o luns da semana pasada para pedirlles un pronunciamento público e que lle esixan á empresa un correo para a CGT e a retirada da ameaza de sanción contra o compañeiro Xaquín García Sinde, esixencia que, como sabe calquera que coñeza un pouco as relacións laborais en Navantia, sería suficiente para acabar con estas actitudes antisindicais.

Neste mesmo senso, tamén estaría ben que o PSOE local e o seu candidato á alcaldía de Ferrol lle dixeran a tódolos traballadores de Navantia se comparten ou non estas actuacións claramente antidemocráticas duns xestores nomeados polo seu partido.

Sección Sindical Unitaria de CGT - Navantia Ferrol

Post date: 2019-02-12 18:43:13
Post date GMT: 2019-02-12 17:43:13

Post modified date: 2019-02-12 18:43:13
Post modified date GMT: 2019-02-12 17:43:13

Export date: Fri Mar 29 8:49:56 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com