CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/ferrol-navantia-agora-entendense-algunhas-cousas/
Export date: Wed Nov 13 21:28:30 2024 / +0000 GMT

[Ferrol] Navantia: Agora enténdense algunhas cousas




Durante décadas, a empresa pagoulles liberados ós sindicatos sen estar obrigada por ningunha norma legal (ou sexa, eses liberados non eran membros dun comité nin delegados dunha sección sindical).

Cando, en xullo de 2012, o goberno de Rajoy ordenou a súa total eliminación, Navantia mantiña 17. A empresa comunicou a situación ós diferentes sindicatos en setembro de 2012. Un ano máis tarde, ordenou que algúns volvesen ó traballo; en concreto, eliminou o liberado da CIG e os 2 da USTG, pero mantivo 5 de CCOO e 3 de UGT.

A CIG denunciou a Navantia por discriminación, e gañou. Como a sentenza obrigaba a repoñer o liberado da CIG, a empresa optou por poñer fin á discriminación eliminándoos todos. Pero o interesante desa sentenza está no apartado de "Feitos probados", que recolle as razóns de Navantia para manterlles eses 8 liberados a CCOO e UGT.

En primeiro lugar, a sentenza reproduce literalmente un escrito da dirección de Navantia (de novembro de 2013, en pleno IV Convenio) solicitando permiso para mantelos: "Esta proposta ten como obxectivo continuar mantendo un diálogo fluído coas federacións de CCOO e UGT, así como o interese de Navantia en que se poidan manter determinados cargos sindicais, tanto locais como nacionais, que contribúan a evitar a confrontación e faciliten a resolución de conflitos nos distintos centros".

Despois reproduce un escrito, aportado a autos por Navantia, no que se pode ler: "a Dirección de RRHH de Navantia (...) convén na necesidade de situar dentro das estruturas sindicais, tanto locais como nacionais, determinados cargos que contribúan á representacióndos intereses de Navantia en ditos ámbitos e, especialmente, á resolución de problemas e conflitos que con frecuencia se orixinan nos centros de traballo, afectando tanto á plantilla propia como da industria auxiliar".(Os subliñados son nosos).

Ese escrito tamén di: "Para a elaboración desta proposta, se tivo en conta os intereses de Navantia antes mencionados, en relación especialmente con ditas centrais, cuxa contribución ó desenvolvemento estratéxico de Navantia é fundamental, especialment nos momentos actuais de transformación da Compañía e de preparación do seu Plan Estratéxico para os vindeiros anos".

Agora se entenden mellor algunhas cousas que pasaron nos últimos anos (e que seguen a pasar).

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

Post date: 2019-07-04 08:55:04
Post date GMT: 2019-07-04 07:55:04

Post modified date: 2019-07-04 08:55:04
Post modified date GMT: 2019-07-04 07:55:04

Export date: Wed Nov 13 21:28:30 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com