CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/ferrol-navantia-a-direccion-e-o-comite-boicotean-a-cgt/
Export date: Wed Nov 13 20:58:23 2024 / +0000 GMT

[Ferrol] Navantia: A dirección e o Comité boicotean á CGT




A principios de febreiro, trala constitución legal da nosa sección sindical e a comunicación de tal feito á dirección de Navantia, a CGT solicitoulle é empresa un correo electrónico corporativo, que nos foi denegado. Tras esa negativa, e dado o silencio do comité ante a nosa petición de que interviñese para que se nos facilitase o correo, denunciamos á empresa perante a Inspección de Traballo, que resolveu ó noso favor.

Pero a Inspección non só se pronunciou sobre o correo, senón que requireu á empresa "para que proporcione á sección sindical da CGT os mesmos medios técnicos e materiais para facilitar a súa difusión e comunicación que ás restantes seccións sindicais, advertindo que de non facelo así estaría incurrindo en lesión ós dereitos dos representantes legais dos traballadores, tipificado como infracción no artigo 7.8 da Lei sobre Infraccións e Sancións no Orden Social". Dito artigo tipifica a infracción como grave.

A resolución da Inspección baseouse nin máis nin menos que nunha sentenza do Tribunal Constitucional, que a resolución cita: "O lexislador (...) contempla tamén obrigas de terceiros dirixidas á promoción dese dereito (contido adicional do dereito á información sindical), isto é, accións positivas favorecedoras da comunicación entre o sindicato e os traballadores. Faino impoñendo cargas ó empresario, como a de facilitar en determinados casos ás seccións sindicais dos sindicatos máis representativos ou con implantación na empresa certos medios materiais, instrumentais para o mellor desenvolvementoda actividade sindical e en particular da difusión da información sindical. Así ocorre cos dereitos a un taboleiro de anuncios e a un local axeitado naquelas empresas ou centros de traballo con máis de douscentos cincuenta traballadores"(os subliñados son nosos).

¿Ten a CGT implantación en Navantia-Ferrol? Si. ¿Ten Navantia-Ferrol máis de 250 traballadores? Tamén.

Por tanto, apoiándonos na resolución da Inspección, o pasado 16 de maio solicitamos á dirección un local para a nosa sección sindical (tanto máis necesario dada a cercanía das eleccións sindicais). A única condición que puxemos foi que tiña que estar na planta baixa do edificio do comité, ó igual que os locais das restantes seccións sindicais. Na planta baixa hai actualmente tres locais que non están ocupados por ningunha sección sindical, pero non pedimos ningún en particular.

Dende esa data, nos interesamos en varias ocasións polo tema: primeiro, que se tiñan que consultar con Madrid; despois, que llo tiñan que comunicar ó comité, etc., etc. O martes da semana pasada volvemos a falar coa empresa, dixémoslle unha vez máis que non había absolutamente ningún motivo para que a CGT non puidese dispoñer de inmediato do local que a lei nos outorga e esixímoslle que nolo facilitase antes do luns 10, día no que comeza o proceso das eleccións sindicais de Navantia. Estamos a 10 e seguimos sen local.

Pero se esta actitude boicoteadora por parte da dirección de Navantia contra a CGT é impresentable, aínda é máis impresentable que o comité de empresa a comparta. Actuando, unha vez máis, en comandita coa dirección(como en tantas outras cousas: implantación do modelo de empresa baseado na subcontratación masiva, degradación das condicións laborais dos traballadores da industria auxiliar, recortes no convenio da principal...), o comité de empresa négase a que a CGT dispoña dun local, alegando que non temos dereito a el. ¡Como se iso o decidisen eles!

En datas recentes, o comité de empresa negouse a poñer a votación na asemblea xeral propostas que non lle gustaban, abandonando o seu presidente a mesma levándose o micrófono consigo. Agora, pasándose polo arco do triunfo unha resolución da Inspección de Traballo e unha sentenza do Tribunal Constitucional, o comité se nega a que a sección sindical da CGT teña un local. ¿Cal será o seguinte paso nesta deriva? ¿Dicir que os taboleiros de anuncios son deles e que a CGT non pode colocar comunicados? ¿Decretar que a CGT non pode presentarse ás eleccións sindicais?

A CGT non tolerou o atropelo antidemocrático por parte da dirección de Navantia cando nos negou o correo electrónico, e tampouco imos tolerar este novo atropelo antidemocrático por parte da empresa e o comité. E se cren que sumando as súas forzas van ter máis éxito que co correo, xa lles dicimos que se van volver equivocar.

Todo isto é moi grave. Pero non só polo que ten de vulneración dos dereitos democráticos da CGT e de violación da lei, senón sobre todo porque demostra a DEXENERACIÓN que sofren algúns sindicatos, especialmente CCOO, cuxosdirixentes actúan cada vez máis en conivencia coa empresa.

Esta violación dos dereitos da CGT é un ataque contra todos aqueles traballadores/as que queremos un movemento sindical que sexa unha ferramenta de loita para a defensa dos nosos intereses de clase, non un apéndice das direccións das empresas. Neste senso, se hoxe, día que comeza o proceso electoral, non se pon a disposición da nosa sección sindical un dos tres locais dispoñibles na planta baixa do edificio do comité de empresa, tomaremos tódalas medidas que fagan falla para acabar con estes comportamentos ditatoriais dignos dunha empresa franquista e do seu Sindicato Vertical.

Facemos un chamamento a tódolos traballadores con conciencia de clase a fortalecer a CGT, o único sindicato que non se resigna, o único sindicato que está demostrando vontade, firmeza e coherencia á hora de defender os intereses dos traballadores fronte á empresa.

PARA QUE AS COUSAS CAMBIEN, ELIXE CGT !

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

Post date: 2019-06-10 07:49:04
Post date GMT: 2019-06-10 06:49:04

Post modified date: 2019-06-10 07:49:04
Post modified date GMT: 2019-06-10 06:49:04

Export date: Wed Nov 13 20:58:23 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com