Desde a Sección Sindical de CXT queremos transmitir o noso rexeitamento total ao ERE suspensivo que mañá se asinará.

Desde o principio da negociación a postura de CXT foi moi clara: non existían motivos reais para a presentación do ERE de extinción de 151 contratos indefinidos presentado pola empresa. Durante todo o período de consultas demostramos con documentación e feitos obxectivos que a empresa segue contratando campañas noutros centros, campañas que non veñen a Vigo polo simple feito de que se viñesen non habería motivación para o ERE xa que a causa argumentada pola empresa para

 o mesmo é o excedente de persoal xustificado pola falta de novas campañas en Vigo. Chegamos a demostrar mesmo que na campaña de Vodafone na que xustificaban unha alta porcentaxe dese excedente de indefinidos, en Madrid, tendo a mesma campaña séguese contratando persoal e facendo indefinidos e mesmo se están aumentando horas aos traballadores da mesma. Unha vez tirados por terra todos os argumentos da empresa e tendo coñecemento de que o informe de Inspección sobre o ERE extintivo ía ser desfavorable e que non había motivación para o mesmo, esta Sección considerou que se debería romper o período de consultas xa que case con toda seguridade a Autoridade Laboral rexeitaríao. Algunhas seccións mostráronse contrarias a esta postura e quixeron seguir negociando até chegar á proposta de ERE temporal que hoxe se está presentando nas Asembleas de traballadores/as.

Consideramos que a firma deste ERE supón a apertura dunha porta perigosa, xa que supón aceptar que a empresa ten un problema e senta un precedente para a aplicación dun próximo ERE extintivo, e non queremos ser cómplices de algo así.

 Por todo o anteriormente exposto CXT NON VAI ASINAR ESTE ERE. Recoñecemos que este ERE temporal supón unha mellor opción que calquera outro que supoña a extinción de contratos, pero é pan para hoxe e fame para mañá e por iso a nosa conciencia e o noso compromiso sindical impídenos asinalo. Durante o período de negociación, entendendo que a acción sindical é unha arma fundamental dos traballadores, chegáronse a expor mobilizacións. A decisión maioritaria do Comité (non desta Sección) foi non facelas. Nós entendemos que motivos sobran non xa só polo ERE, senón pola continua destrución de emprego en Vigo xa sexa por Artigos 17, fins de obra ou despedimentos disciplinarios.

 Queremos seguir demostrando á empresa o noso rexeitamento a esta política de despedimentos indiscriminados e inxustificados.

POR ISO LEMBRAMOS QUE SEGUE EN PÉ A FOLGA DE 24 HORAS CONVOCADA PARA MAà‘Á E PEDÍMOSVOS O VOSO APOIO NAS CONCENTRACIÓNS QUE ESTÁN PREVISTAS DE 12 A 14 HORAS .

DEFENDE OS TEUS DEREITOS, SÚMATE Á FOLGA! AQUÍ NON SOBRA NINGUÉN, QUE NON TENTEN CONVENCERTE DO CONTRARIO!

CONFEDERACIÓN XERAL DO TRABALLO

SECCIÓN SINDICAL DE CXT EN UNÍSONO VIGO

Comparte esta entrada ...