CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/cousas-que-aclarar-sobre-o-plan-de-emprego-navantia-ferrol/
Export date: Sat Apr 20 1:21:03 2024 / +0000 GMT

Cousas que aclarar sobre o Plan de Emprego [Navantia-Ferrol]




O 30 de abril asináronse o Plan de Emprego de Navantia 2019-2022 e unha acta sobre novos ingresos. Ademais, o 8 de maio consensuouse o documento "Procesos de selección", que empeza a entrar en detalles.

Eses acordos alcanzáronse nunha das cinco comisións establecidas polo Convenio Único. Por tanto, e dada a importancia do tema, o comité de empresa debeu sometelos a unha asemblea xeral, previo proceso informativo quepermitise aclarar algúns aspectos, que na nosa opinión hai que aclarar.

Os documentos asinados recollen algún aspecto positivo, como buscar unha solución ós actuais eventuais. Non é de recibo que esas prazas se convoquen de novo. Se unha praza eventual pasa a ser fixa, o lóxico é que o traballador eventual pase a ser fixo. Tamén é positivo que o psicotécnico non sexa eliminatorio. Pero outras cousas necesitan aclaración por parte do comité:

  1. A primeira é: ¿como é posible que, despois de cansar de repetir que o 75% das prexubilacións se ían cubrir con contratos fixos, o comité acepte agora que, como criterio xeral, os novos ingresos entren con contrato eventual?
  2. Tamén sorprende que o Plan de Emprego recolla (páx. 4) que "aproximadamente o 70% das entradas serán traballadores sen experiencia" e que as restantes "poderán ser de profesionais con experiencia". Non é coherente. E con isto non queremos dicir que non poida entrar xente sen experiencia (ou con moi pouca), senón que non se debería excluír da maioría das prazas a quen a teña.
  3. Por se non quedase clara cal é a intención, a acta do día 30 recolle (páx. 3) outra cousa sorprendente: "acórdase que nos procesos de selección de operarios e empregados poidan participar tamén como candidatos aquelas persoas con titulación de bacharelato, ademais dos titulados de FP de grao medio/superior, ou aquelas persoas con experiencia profesional".

A isto hai que lle engadir que o documento "Procesos de selección" recolle (páx. 6) que a primeira proba para as prazas de operarios e empregados será un exame teórico eliminatorio, no que pasarán ó exame práctico 3 persoas por praza. Ou sexa, o mesmo esquema que nas prazas de profesionais do plan de 1999, que tanto se criticou. Pero cunha diferenza a peor: daquela pasaron ó práctico 5 persoas por praza.

Se se tratase de prazas de aprendices, sería correcto non esixir nin experiencia nin titulación profesional. Pero como se trata de prazas de profesionais, parécenos unha barrabasada, por varios motivos:

  1. Non é razoable que a maioría das prazas de profesionais sexan para persoas sen experiencia.
  2. Non é razoable que persoas que non teñen absolutamente nada que ver cunha profesión se poidan presentar para ela. Se son prazas de profesionais, só deberían poder presentarse dous perfís: titulados na profesión (aínda que non teñan experiencia) e profesionais experimentados (aínda que non teñan esa titulación profesional). Este Plan de Emprego devalúa a profesionalidade dos traballadores. E tamén a Formación Profesional. ¿Non se esixe titulación para as prazas universitarias? ¿Por que, entón, para as de profesionais chega co bacharelato, o cal ademais implica que un estudante universitario poderá presentarse e outro que entrase na FP directamente dende a ESO non, aínda que estea estudando a profesión da praza?
  3. Se ademais lle sumamos que o primeiro exame vai ser o teórico, podemos atoparnos con que un estudante totalmente alleo a unha profesión, pero que ten hábito de estudo e tempo para preparar o exame teórico, deixe fóra a profesionais que deixaron de estudar xa hai un tempo ou que está n traballando unha chea de horas diarias en calquera compañía ou empresa de por aí.

Navantia vén sufrindo dende 1999 unha redución moi importante na súa capacidade, redución que esta prexubilación agrava porque a cobertura será só do 75%. De feito, na acta do 4 de abril da Comisión Central de Emprego a empresa di (páx. 3) que "urxe axilizar as contratacións para garantir o normal desenvolvemento dos traballos en curso". Como se explica entón que se queira sobre todo xente sen experiencia? Porque Navantia quere seguir afondando no proceso de subcontratación, especialmente de toda a man de obra. Por iso non se querenprofesionais experimentados. Nin tampouco que os profesionais da Industria Auxiliar entren en Navantia, para que así os exploten ben explotados os piratas das compañías, que teñen problemas para atopar bos profesionais pola precariedade e as malas condicións laborais que ofrecen, o que provoca que a xente fuxa do sector ou emigre. Para prazas de profesionais se debe esixir titulación ou experiencia profesional. E se non é así, entón o primeiro exame eliminatorio ten que ser o práctico, non o teórico. As prazas de profesionais teñen que ser para persoas da profesión.

No documento "Procesos de selección" tamén se recolle (páx. 8) outro aspecto das prazas de operarios e empregados a aclarar. Primeiro di que "os períodos de prácticas formativas das titulacións non se contabilizarán como experiencia laboral conforme marca a lei". E a continuación di que "valorarase o período de prácticas da FP Dual no proceso de selección". Que quere dicir isto? Porque nesta empresa tamén fan prácticas estudantes da FP non dual, e non sería xusto valorar os períodos de prácticas duns e non valorar os dos outros. Ademais, ¿que lei é esa? Que o digan. Porque xa temos oído demasiadas veces a escusa da lei: había que pechar os economatos porque a lei europea os prohibía (e o de Fene sigue aí), a lei non permitía que os de 64 anos cumpridos entrasen no ERE (e entraron os de 64 e tamén os de 65), etc.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

Post date: 2019-05-15 09:31:28
Post date GMT: 2019-05-15 08:31:28

Post modified date: 2019-05-16 08:29:41
Post modified date GMT: 2019-05-16 07:29:41

Export date: Sat Apr 20 1:21:03 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com