CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/chamamento-da-cgt-da-coruna-a-afiliacion-simpatizantes-e-traballadores-en-xeral/
Export date: Fri Mar 29 9:48:38 2024 / +0000 GMT

Chamamento da CGT da Coruña á afiliación, simpatizantes e traballadores en xeral


NON É HORA DE RESIGNACIÓN, SENÓN DE LOITA

Compañeiras e compañeiros: as condicións de vida da clase traballadora están pasando polo seu peor momento en décadas: cinco millóns de traballadores están no paro, centos de milleiros sobreviven a costa das súas familias ou de subsidios de miseria, milleiros están perdendo as súas vivendas, as colas das organizacións caritativas nunca foron tan longas... e non acabaríamos nunca de describir a situación actual.

En moitos xa se asentou a resignación e o conformismo; mentres os políticos -antes os do PSOE e agora os do PP- cargan sobre as clases máis débiles as súas receitas contra a chamada crise, os que a provocaron continúan impunes e, o que é máis indignante, seguen enchendo os seus petos entre a miseria e o desastre xeralizados. Nestas receitas participan tamén os sindicatos institucionais, sempre dispostos a negociar calquera cousa a cambio de manter os seus chiringuitos. Esta resposta feble está a provocar que o medo e a desmoralización se estea contaxiando rapidamente.

Para a CGT da Coruña, é este o momento en que máis cómpre a utilización de dúas armas fundamentais dos traballadores: a solidariedade e a mobilización.

• Solidariedade: para que ningunha compañeira ou compañeiro agredido, sexa con despedimento, baixa de soldo ou empeoramento das súas condicións xerais de traballo se atope só ante a voracidade dos patróns.

• Mobilización: para que todos amosemos na rúa que non estamos dispostos a transixir coa explotación nin moito menos a aceptar sobre as nosas costas a carga dunhas medidas que non nos van deixar recoller nin as migallas mentres eles gozan dos seus coches e casas de luxo.

Por todo isto, a CGT da Coruña faivos un chamamento para que superemos esta actitude de pasividade ante os ataques contra nós como clase e que participemos nos actos de solidariedade cos compañeiros que sexan agredidos -se nos tocan a un, tócannos a todos- e nas mobilizacións xerais e sectoriais que se vaian convocar, amosando aos patróns e aos políticos que non poderán roubar facilmente as conquistas de xeracións de traballadores.

ARRIBA OS CORAZÓNS!

CONTRA AS FALCATRUADAS DA PATRONAL, SOLIDARIEDADE

CONTRA OS RECORTES E MEDIDAS ANTISOCIAIS, MOBILIZACIÓN
Post date: 2012-01-17 18:04:07
Post date GMT: 2012-01-17 17:04:07

Post modified date: 2012-01-17 18:04:07
Post modified date GMT: 2012-01-17 17:04:07

Export date: Fri Mar 29 9:48:38 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com