CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/8-de-marzo-folga-xeral-feminista/
Export date: Wed Dec 11 14:53:57 2024 / +0000 GMT

8 DE MARZO, FOLGA XERAL FEMINISTA


A desigualdade e a discriminación son lacras que podemos observar en todos os ámbitos da vida, pero se manifestan no caso das mulleres dun xeito especialmente inicuo. A violencia machista, a relegación laboral, a xerarquización social que coloca a gran maioría das mulleres nun segundo plano con respecto aos homes son feitos incompatibles coa xustiza e a consecución dunha sociedade xusta e igualitaria. Deixar fóra á metade da poboación da aspiración a esta nova sociedade non só é repugnantemente inxusto, senón que fará imposible unha sociedade como a que queremos.

Esta situación de desigualdade e discriminación dáse tamén nas empresas e para combatela a arma que ten a clase obreira é a Folga Xeral. Por iso, e para enfrontar esta situación, a CGT convoca Folga Xeral de 24 horas o próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, en resposta solidaria ao chamamento feito polo o feminismo internacional.

CAL E O CONTIDO DA FOLGA XERAL E QUE REIVINDICAMOS?

O contido é a loita contra a discriminación de calquera tipo, coa consideración de que todas as persoas deben ser socialmente iguais en todos os ámbitos da vida. Fuximos do concepto burgués de igualdade, que ten na cota de poder o seu máximo expoñente e mantén as estruturas de opresión e do capitalismo íntegras. Tampouco reivindicamos que as mulleres ocupen postos que xa son detestables para os homes: non queremos mulleres militares ou banqueiras porque tampouco queremos homes nesas funcións.

Reivindicamos a desaparición de calquera norma, uso ou costume que supoña a relegación de parte da humanidade a un papel subalterno na sociedade. Así mesmo, demandamos a erradicación de calquera discriminación, laboral ou de calquera outro tipo, que impida o desenvolvemento das capacidades plenas de calquera persoa, e esiximos a ruptura da xerarquización social que implique o sometemento de calquera persoa ou grupo ás vontades doutras polo simple feito de ter un estatus considerado superior.

Estamos, polo tanto, convocando a homes e mulleres a unha Folga Feminista, dado que as mulleres son obxecto na actualidade de discriminación e desigualdade intolerables.

A FOLGA LABORAL

É esta folga do 8 de marzo tamén una folga laboral, dado que a loita contra a desigualdade e a discriminación tamén se fai na primeira liña co combate contra o capital (a empresa) e porque as traballadoras sofren en carne viva a estrutura machista neste ámbito. Por iso, ante a patronal, empresas e gobernos reivindicamos tamén:

•             Que as tarefas de crianza e coidados se vexan reflectidos nas vidas laborais, compensando así da discriminación que sofren as mulleres nas xubilacións e prestacións relacionadas coa actividade laboral.

•             Que os permisos de paternidade e maternais sexan da mesma duración para homes e mulleres e non transferibles.

•             Que se establezan plans de igualdade reais en todas as empresas, dirixidos á loita contra a discriminación das mulleres e a facilitar a igualdade, tanto na promoción laboral como nas situacións de conciliación.

•             Que se integre o servizo doméstico no réxime xeral da Seguridade Social, rematando co réxime de semiescravitude e de falta de dereitos que caracterizan a situación actual.

•             Que se poñan en marcha plans de igualdade específicos para as mulleres inmigrantes, dobremente discriminadas, así como para as racializadas, lesbianas e trans.

Por todo isto, a CGT fai un chamamento á clase obreira para secundar a Folga Xeral de 24 horas do 8 de marzo e as mobilizacións dese día.

Galicia, marzo de 2019

POR TI, POR NOSOUTRAS, POR TODAS

8 DE MARZO, FOLGA XERAL!!!

Post date: 2019-02-26 13:49:40
Post date GMT: 2019-02-26 12:49:40

Post modified date: 2019-03-18 12:57:53
Post modified date GMT: 2019-03-18 11:57:53

Export date: Wed Dec 11 14:53:57 2024 / +0000 GMT
This page was exported from CGT Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com