A CGT convoca en Vilagarcía, o venres 11 de xuño, manifestación en defensa de Alfageme, da actividade conserveira e o mantemento dos postos de traballo. A CGT anima á cidadanía de Arousa para que acuda a esta manifestación en defensa dos intereses dos traballadoras e traballadoras e polo mantemento do tecido industrial da comarca. Saída ás 20:00h da Praza de Ravella de Vilagarcía. Remate na Praza de Galicia.
EN DEFENSA DE ALFAGEME E OS POSTOS DE TRABALLO
Como vimos facendo dende hai máis de tres anos, tamén agora as traballadoras de Alfageme en Vilaxoán e a CGT manifestamos a nosa vontade de defender os postos de traballo e a continuidade da actividade conserveira, ameazados polos intereses alleos á conserva dos actuais propietarios de Alfageme e pola irresponsable complicidade dos sucesivos gobernos da Xunta.
En decembro de 2006 a inmobiliaria Promalar fíxose única propietaria de Conservas Alfageme, coas súas catro factorías, en Vigo, Ribadumia, O Grove (antes Marsac) e Vilaxoán (antes Conservas Peña). Apenas tres meses máis tarde os propietarios fixeron público un Plan Estratéxico (renovado no 2009, como Plan de Viabilidade), que anunciaba o peche das catro fábricas e a suposta construción de dúas novas, unha na comarca de Vigo e outra no Salnés. A operación íase financiar co valor dos solares liberados e ‘xenerosas" axudas da Xunta de Galicia (os famosos avais por máis de 7.000 millóns das antigas pesetas, entre outras subvencións). Este era o verdadeiro obxectivo de todo o ‘Plan": que a inmobiliaria Promalar quedase co solar da r/ Tomás Alonso en Vigo valeiro e, previa recalificación urbanística, poder adicalo á construción.
Cómo foi posible que este antisocial e destrutivo Plan ‘convencese" da súa viabilidade aos políticos galegos? O caso foi que mentres a CGT e as traballadoras de Vilaxoán denunciaban publicamente que este Plan non era outra cousa que un xigantesco fraude que nos ía levar á ruína e ameazaba co peche da actividade conserveira non só na fábrica de Vigo senón tamén nas outras tres, a Xunta de Galicia entregou, a través do IGAPE, avais bancarios para levar a efecto este Plan por valor de máis de 44 millóns de euros.
Cómo foi posible que semellante cobiza e rapiña de fondos públicos compracese á representación sindical maioritaria -CIG, UGT e máis tarde tamén a CC.OO-, disposta a cambiar postos de traballo por indemnizacións ou a aceptar submisamente o peche de fábricas centenarias e prestixiosas, altamente cualificadas na produción conserveira, a cambio de nada (¡que nos saibamos!)?
A situación actual ven dando a razón ás traballadoras de Vilaxoán e á CGT, que se mobilizaron ao longo de tres anos para evitar a desfeita. Bastou que estalara a crise inmobiliaria … que o desinterés dos empresarios pola conserva desmerecera a produción … que a recalificación dos solares non cumprira todas as expectativas de Promalar … que a débeda financeira medrara sen control … e que os traballadores e traballadoras de Vigo, O Grove e Ribadumia tolerasen todo isto sen mobilizarse na defensa dos seus postos de traballo… para que esteamos hoxe na situación límite que estamos a vivir: A factoría de Vigo xa pechada e as tres restantes fábricas sometidas a un ERE suspensivo por catro meses, que debería rematar, se nada se torcese, coa reanudación da actividade industrial conserveira con garantías suficientes para as traballadoras.
A loita das traballadoras e da CGT na defensa dos postos de traballo da conserva na fábrica de Vilaxoán continúa, máis firme que nunca se cabe, ante o perigo de que o ERE remate coa liquidación da empresa. Non hai ningunha razón lexítima para que tal cousa suceda. A fábrica de Vilaxoán, como unidade produtiva, dispón de todas as condicións favorables para soster a súa actividade conserveira – estrutura, medios, tecnoloxía, experiencia e produtividade- e conta cunhas traballadoras dispostas a defender os seus dereitos e postos de traballo e o mantemento do tecido industrial da comarca, pois non é só o seu propio pan senón tamén o dos seus fillos e fillas e o do resto da cidadanía da bisbarra.
As traballadoras de Vilaxoán e a CGT esiximos á Xunta de Galicia que a través do IGAPE avalou este despropósito que asuma a súa responsabilidade, aposte por manter a actividade conserveira e a continuidade dos postos de traballo e por recuperar os cartos públicos comprometidos.
Esiximos aos propietarios da empresa (novos ou vellos) a inmediata elaboración dun plan industrial conserveiro que garante os postos de traballo.
Esiximos a administración concursal o cumprimento da finalidade do ERE suspensivo: a continuidade da actividade produtiva conserveira no máis breve tempo posible
Non consentiremos ningunha ‘solución" para as dificultades actuais da empresa, que non pase polo mantemento dos postos de traballo na factoría de Vilaxoán e a elaboración dun Plan de empresa que garante a continuidade da produción conserveira coa actual plantilla.
Vilagarcía de Arousa, 11 de xuño 2010