post

 

Hoxe houbo unha reunión empresa-comité sobre as convocatorias de prazas en marcha.  

A primeira preocupación da CGT foi a publicación dos dous horarios de exame e as profesións correspondentes a cada un deles, ademais do lugar da súa realización.  

A resposta da empresa foi inaudita: ¡que o horario do exame de cada profesión o tiña que establecer os vogais do tribunal correspondente e, por tanto, había que esperar a que se reunisen! E isto a catro días laborables da data do exame!  

A CGT argumentou que o papel dos vogais era a elaboración e corrección dos exames, non a organización dos aspectos prácticos dos mesmos, que as profesións tiñan que ser agrupadas de determinada maneira (a fin de garantir que as persoas inscritas en dúas puidesen examinarse de ambas) e que os vogais nada sabían deste aspecto, e que o lóxico era que os horarios se decidisen na Comisión de Emprego entre empresa e comité.  

Non houbo maneira. A empresa non se moveu da súa postura. Pero horas máis tarde tivemos coñecemento de que a empresa enviou onte un correo a tódolos vogais indicando a que hora sería o exame de cada especialidade. Isto xa non ten nome. Ou mellor dito, si o ten: INDECENCIA.  

Hai que ter moi mala baba para, estando establecidos xa os horarios, non querer publicalos. Esta é unha proba máis de como trata Navantia ós aspirantes. Ou mellor dito, de como os MALTRATA, e o fai DE FORMA SISTEMÁTICA E DELIBERADA. Os aspirantes non se merecen isto.

Moito vídeo, moita foto en redes sociais, moito vender imaxe de cara á opinión pública, pero a auténtica cara da xefatura de RRHH de Navantia é a que demostran estes feitos: un total desprezo polos traballadores e traballadoras.  

Navantia ten que publicar os horarios e o lugar dos exames XA! 

E o PSOE e Unidas Podemos deberían empezar a preocuparse polas falcatruadas que, no seu nome, organizan uns responsables de RRHH que non desentoarían nada cun goberno do PP-Vox.  

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol




Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email