post

 

Basta de agresións contra a clase traballadora!

Rescatar as persoas, non as empresas!

10 de marzo: todas e todos á Folga Xeral!

Ferrolterra leva décadas padecendo unha grave crise: reconversión de Astano e reducións de persoal en Navantia, até o peche de moitas pequenas e medianas empresas. Nos últimos tempos a situación agravouse cunha nova onda de EREs ou peches: Poligal, Cándido Hermida, Noa, Galicia Textil, Gamesa, térmica das Pontes, centos de despedimentos na industria auxiliar de Navantia… Pode dicirse o mesmo da Mariña, onde só a loita obreira puido evitar de momento os despedimentos en Alcoa.

Os traballador@s desta comarca tamén vimos sufrindo, como o resto da clase obreira do Estado español, ataques permanentes en forma de contrarreformas laborais, contrarreformas das pensións, recortes nos servizos públicos (nomeadamente sanidade e ensino) e mesmo recortes nos dereitos democráticos (Lei Mordaza).

Todo isto non é consecuencia dun cataclismo natural, senón dunha política consciente por parte dos empresarios e os seus representantes políticos para EMPOBRECER á clase traballadora, e así ENRIQUECERSE eles aínda máis.

Para evitar a nosa resposta, os traballador@s sufrimos un constante bombardeo de mentiras para facernos crer que, se ás empresas lles vai ben, entón ós traballador@s tamén nos irá ben e, xa que logo, debemos mirar polos intereses da empresa. Nada máis falso.

En primeiro lugar, porque sobran os exemplos (o último Gamesa) de empresas que, tras irlles moi ben, pecharon.

E en segundo lugar, porque que haxa emprego (ou carga de traballo en Navantia) só é a metade do problema. A outra metade son as condicións laborais en que traballamos. Os empresarios e a dereita téñeno claro: hai que conformarse co que hai, pedir dereitos xa é vicio. Para a CGT, a actitude é toda a contraria: para mirar polos intereses das empresas xa están os empresarios; os traballadores temos que mirar polos nosos intereses propios, polos nosos intereses de clase porque se non miramos nós por eles, non mirará ninguén.

Hai un profundo malestar social latente pola situación sanitaria, económica e laboral. Se aínda non se converteu nunha protesta masiva é fundamentalmente polo papel de CCOO e UGT, empeñados nunha política de paz social que nos debilita e que na práctica equivale a colaborar nos ataques que sufrimos. Só hai que mirar o que fan en moitas empresas ou nas compañías de Navantia.

O desemprego, a desindustrialización, o empobrecemento non afectan  exclusivamente a Ferrolterra. Estamos ante unha auténtica guerra dos capitalistas contra toda a clase obreira. Esta situación ten unha causa: a economía de libre mercado, o capitalismo, un sistema que non pensa no benestar da maioría da sociedade, senón nos beneficios privados. As mesmas grandes empresas que levan anos amasando beneficios e recibindo moreas de cartos públicos deixan na rúa ós traballador@s, queren que sexamos nós os que paguemos os pratos rotos da súa crise.

A situación é grave. A CGT convoca a folga xeral do 10 de marzo en Ferrolterra e chama a tódolos traballadores e traballadoras a secundala. A CGT vai a esta folga coas reivindicacións que os traballador@s necesitamos:

  • En defensa de tódolos empregos.
  • Carga de traballo para Navantia.
  • Contratación directa por Navantia da man de obra que necesita. Fóra a subcontratación. Por unha Navantia 100% pública.
  • Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro de Siemens Gamesa.
  • Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro da térmica das Pontes para, en combinación coa factoría das Somozas, crear un polo industrial de enerxías limpas e sostibles.
  • Derrogación das reformas laborais e de pensións, tanto a de Rajoy como a asinada por Zapatero con CCOO e UGT. Redución da idade de xubilación con contratos de relevo.
  • Por un Salario Mínimo Interprofesional de 1.200 e un subsidio de desemprego indefinido igual ó SMI.
  • Traballar menos para traballar tod@s: xornada laboral de 35 horas sen redución salarial.
  • Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro da banca, para acabar cos abusos dos bancos privados e dispoñer de recursos para crear empregos e eliminar a lacra do paro.

É un erro pedir que o Estado entregue cartos públicos ás empresas privadas. Esa non é a solución, é xustamente o problema. O único xeito de defender os empregos existentes e unhas condicións laborais dignas é substituíndo as políticas económicas actuais, que antepoñen os intereses empresariais, por outras que antepoñan o benestar das persoas.

Por iso a CGT rexeita a participación da dereita e a patronal na manifestación. ¿De verdade que os que nos despiden están preocupados polos parad@s? O único que queren son cartos para eles. ¿Imos permitir que o PP se presente como defensor dos traballadores cando a súa reforma laboral permitiu que Gamesa pechase e cando atrasou as F-110 durante dous anos porque o seu ministro Morenés quería beneficiar á súa antiga empresa?

Non é coa dereita e a patronal de Ferrolterra con quen nos temos que unir, senón cos traballador@s doutras comarcas, para convocar unha folga xeral en Galiza que sexa un primeiro paso para a convocatoria dunha folga xeral en todo o Estado.

A renuncia do goberno de coalición a romper coas políticas capitalistas faise cada día máis evidente, envalentonando á dereita e ós sectores máis reaccionarios do aparato do Estado. As faragullas do chamado “escudo social” non frean a sangría social. Os fondos europeos para as empresas pagarémolos con máis austeridade. Estase a preparar unha nova onda de recortes, empezando pola reforma das pensións do ministro Escrivá.

O PSOE está xirando á dereita e tenta recompoñer as relacións co PP para sacar adiante esa axenda, o que agudiza os choques con Unidas Podemos, que ten que dar un puñazo na mesa, non lexitimar esas políticas e tomar o camiño da mobilización, o único que permite arrincar dereitos.

Si temos forza. Fai falla dicir ¡BASTA! mediante unha REBELIÓN SOCIAL DA CLASE TRABALLADORA. Outro sindicalismo é posible e necesario. Fai falla un sindicalismo combativo, de clase e asembleario, e tamén anticapitalista porque temos que atacar a raíz do problema, que é este sistema inxusto. Fai falla fortalecer o sindicalismo que representa a CGT.

DEFENDAMOS CADA POSTO DE TRABALLO

MANIFESTACIÓN as 12:00

CGT de Ferrolterra




Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email