post

 

O pasado 27 de outubro Atento obrigou a voltar ao traballo presencial a
17 persoas do servizo de atención técnica de Movistar (1002), co conseguinte risco para a saúde que isto supón nun momento no que as restriccións sanitarias van en aumento dada a evolución da pandemia. O motivo aducido por Atento é a necesidade de reforzar a formación profesional do persoal ante un suposto descenso nos resultados de producción obtidos no último mes polas 17 compañeiras e compañeiros, que ata ese momento estaban teletraballando, ao igual que a inmensa maioría das e dos compañeiros.
O comité de empresa denunciou a infame medida ante a inspección de traballo, reclamando a paralización da mesma. Mentres esperamos con impaciencia as actuacións da autoridade laboral ao respecto, a representación sindical acordou -por unanimidade- unha convocatoria de folga, que comezou o 26 de outubro cun paro de 24 horas secundado por ao redor dun 70% do persoal. Os paros laborais continúan todos os luns e venres durante dúas horas ao inicio (luns) e remate (venres) das xornadas, mentres Atento e Movistar non recúen e deixen sen efecto este despropósito.
Atento chegou a ter a todo o persoal laboral traballando a distancia. É un feito que a formación profesional que Atento considera necesaria para a mellora da calidade na atención xa se está a impartir telematicamente, como non pode ser doutro xeito. Non deixa de ser chamativo que ante unha situación similar, noutro servizo comercial de Movistar (1004) Atento actúe con maior responsabilidade e sentido común, empregando os recursos telemáticos dos que dispón para reforzar as posibles carencias formativas dos e das súas traballadoras.

Comité de Empresa de Atento-A Coruña




Comparte esta noticia...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on LinkedIn
Linkedin
Print this page
Print
Email this to someone
email