CGT de Galicia
http://www.cgtgalicia.org/2020/04/navantia-que-o-permiso-o-paguen-as-empresas/
Export date: Sat Jul 11 16:32:18 2020 / +0000 GMT

Navantia: que o permiso o paguen as empresas!




O domingo, o goberno aprobou o decreto 10/2020, que establece un permiso retribuído recuperable até o 9 de abril. A paralización de máis actividades económicas era necesaria para loitar contra o coronavirus. Pero que o permiso sexa recuperable e que o decreto estabeleza que as empresas decidirán como recuperalo se non hai acordo coa representación legal dos traballadores/as significa descargar sobre as costas da clase obreira os custos desta crise e favorecer os abusos patronais. Ós bancos non se lles reclaman os 60.000 millóns de euros que deben do rescate bancario, pero ós traballadores si se nos reclaman os días do confinamento.

A situación da pandemia ten moito que ver cos recortes que, especialmente desde 2008, se realizan na sanidade pública. Eses recortes son o resultado da presión do gran capital a favor da privatización da sanidade, das pensións, do ensino e tamén das empresas públicas. ¿Ou que representa o modelo de subcontratación masiva de Navantia se non unha privatización encuberta? De feito, grandes capitalistas como Florentino Pérez parasitan Navantia a través de Maessa (filial de ACS), mentres con CLECE (que se encarga da limpeza de moitísimos hospitais e centros sanitarios) parasita a sanidade pública. Non é o único. Outros grandes empresarios como José Manuel Entrecanales (Acciona) tamén ten no público unha fonte de enriquecemento.

Polo tanto, os beneficios amasados por Florentino Pérez, por José Manuel Entrecanales, polas empresas do metal da provincia da Coruña (que levan anos forrándose a costa da explotación de milleiros de traballadores) teñen que servir agora para pagar o custe de todo isto. ¡Os traballadores non temos ningunha culpa! Todo o contrario: somos as vítimas desta situación, asumindo o confinamento nuns poucos metros cadrados ó coidado de nenos e vellos, vivindo na incerteza e soportando un estrés que os ricos que dispoñen de segundas residencias, de sanidade privada ou de chalés de luxo con finca de moitos ferrados non sofren. ¿Pasan igual o confinamento Florentino Pérez ou Susana de Sarriá cós traballadores e traballadoras de Navantia, especialmente os das empresas auxiliares, moitas das cales aproveitaron para despedir ou para presentar ERTEs e que así o Estado (ou sexa, os asalariados, que somos os únicos que pagamos impostos neste país) lles financiemos o 70% dos salarios? Moita leria sobre que os traballadores son o principal activo das empresas, blablablá, blablablá, blablablá, pero o único que lles importa son os seus beneficios.

Respecto á principal, empresa e comité intercentros chegaron onte a un acordo que demostra a fusión que hai entre ambos porque o acrodo pasa a factura dos pratos rotos ós traballadores, como moitos xa se cheiraban vistos os precedentes (convenio único, etc.). Para a CGT, ese acordo é inadmisible desde un punto de vista de clase.

¡Os traballadores non andamos por aí de paseo, estamos confinados! E non se sabe por canto tempo. ¿E se despois do 9 de abril isto se prolonga? ¿E se as medidas de illamento (e, por tanto, de suspensión da actividade produtiva) se teñen que repetir de forma periódica durante un tempo indefinido, como apuntan moitos científicos? ¿Que vai facer o intercentros? ¿Asinar que lle debemos á empresa unha semana máis, quince días máis, un mes máis...? Isto non é defender os intereses dos traballadores/as. E que non aleguen que estaban obrigados polo decreto porque non é verdade.

Cando voltemos ó choio será o momento de abordar un debate para elaborar un plan de loita que teña como obxectivo obrigar ás empresas a facerse cargo dos custes de toda esta situación. ¡Que a crise a paguen os capitalistas!

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia-Ferrol

Post date: 2020-04-01 12:17:22
Post date GMT: 2020-04-01 11:17:22

Post modified date: 2020-04-03 12:22:47
Post modified date GMT: 2020-04-03 11:22:47

Export date: Sat Jul 11 16:32:18 2020 / +0000 GMT
This page was exported from CGT de Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com