CGT de Galicia
http://www.cgtgalicia.org/2019/11/navantia-ferrol-o-centro-de-excelencia-naval-debe-estar-en-ferrolterra/
Export date: Wed Dec 11 5:06:04 2019 / +0000 GMT

Navantia Ferrol: o centro de excelencia naval debe estar en Ferrolterra




Navantia asinou con Siemens un acordo para crear un Centro de Excelencia do Sector Naval. Este centro de excelencia será o centro de formación dos futuros profesionais que se encargarán tanto do deseño do buque (dende a súa fase conceptual inicial até a fase de detalle) como do proceso de construción, as probas e o apoio ó ciclo de vida.

Como se ve, é un proxecto ligado directamente á actividade de Navantia. Pero a pesar disto, acaba de coñecerse que estará ubicado en Santiago. Esta decisión da dirección de Navantia é unha auténtica vergoña dende calquera punto de vista.

En primeiro lugar, o recomendable é que o centro formativo estea o máis cerca posible do centro produtivo. As razóns son tan obvias, que sobra dicilas.

En segundo lugar, aquí hai un campus tecnolóxico naval da Universidade.

En terceiro lugar, na nosa comarca hai espazos infrautilizados que poden acoller o centro de excelencia, empezando por Navantia-Fene, o CIS da Cabana...

En cuarto lugar, esta comarca leva anos sufrindo unha reconversión salvaxe que destruíu milleiros de empregos no sector naval. O estaleiro 4.0 vai supoñer unha redución das necesidades de man de obra en determinadas actividades. Se os empregos que xorden das innovacións tecnolóxicas non están aquí, Ferrolterra verá aumentar a súa decadencia.

Esta decisión de Navantia é unha mostra máis de como a dirección non toma as súas decisións dende o punto de vista dos intereses da empresa pública, senón dende o punto de vista dos intereses da empresa privada porque a única razón que pode haber para ubicar o centro de excelencia naval en Compostela son os intereses de Siemens.

CGT esixe que Navantia rectifique esta decisión totalmente inxustificada e que o centro de excelencia se ubique en Ferrolterra.

Sección Sindical Unitaria de CGT en Navantia Ferrol

Post date: 2019-11-20 10:00:14
Post date GMT: 2019-11-20 09:00:14

Post modified date: 2019-11-20 10:00:17
Post modified date GMT: 2019-11-20 09:00:17

Export date: Wed Dec 11 5:06:04 2019 / +0000 GMT
This page was exported from CGT de Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com