CGT de Galicia
http://www.cgtgalicia.org/2019/08/semana-de-paros-laborais-en-atento-a-coruna/
Export date: Mon Sep 23 0:31:00 2019 / +0000 GMT

Semana de paros laborais en Atento A Coruña




Continúan as mobilizacións do persoal de Atento no centro de traballo da rúa Juan Flórez. Tras a recente convocatoria de 3 días de paros de 24 horas dos días 26, 27 e 28 de xullo as centrais sindicais de CGT e CIG seguen adiante cos paros previstos, que a empresa xa coñecía de antemán posto que forman parte da mesma convocatoria. Nesta ocasión trátase de paros laborais de dúas horas por cada quenda de traballo: os días 5, 7, 9 e 11 de agosto durante as dúas primeiras horas da xornada e os días 6, 8 e 10 coincidindo coas dúas últimas horas de cada traballadora.

O único que mudou dende o anuncio da convocatoria de folga é que a empresa acometeu dous novos despedimentos desfacéndose con ruindade de dúas compañeiras o pasado 24 de xullo, coa mesma baixeza que leva facendo no que vai de ano e tamén en anos anteriores.

A CGT sostén que é vergoñento, cruel e repugnante que empresas coma Atento, paradigma da explotación laboral no sector das telecomunicacións e subcontatada neste caso por Movistar, teñan carta branca para destruir emprego estable indefectiblemente. Non pode ser que á vista de todas as administracións (especialmente a inspección de traballo e os xulgados do social desta cidade) as e os traballadores de Atento e outras empresas similares que teñen actividade na Coruña -somos milleiras as familias que dependemos economicamente delas- vexamos como imos caendo pouco a pouco sen que se lles pare os pes ou alomenos se faga o posible no marco normativo e sancionador. Estamos fartas e fartos de que as nosas denuncias e demandas caian en saco roto só porque non hai vontade de actuar con contundencia contra elas.

A única saída que nos deixa Atento é a de perseverar na loita para conquistar unhas condicións laborais decentes que se alonxen da explotación e da precariedade sistemáticas.

Sección Sindical CGT Atento A Coruña

Post date: 2019-08-01 11:54:03
Post date GMT: 2019-08-01 10:54:03

Post modified date: 2019-08-01 11:54:03
Post modified date GMT: 2019-08-01 10:54:03

Export date: Mon Sep 23 0:31:00 2019 / +0000 GMT
This page was exported from CGT de Galicia [ http://www.cgtgalicia.org/wp ]
Export of Post and Page has been powered by [ Universal Post Manager ] plugin from www.ProfProjects.com